Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O Trasno

A solidariedade barata

Pois vai ser iso, que o fallo da socialdemocracia zapaterista, que xestionou o estado do benestar nunha época de superávit e “entusiasmantes” índices macroeconómicos, foi a crenza cega no crecemento ilimitado e na solidariedade barata. 

Daniel López Muñoz - 20:06 21/05/2010
Tags:

        
A pesar das variadas advertencias, creron, autoconvencéronse, que ese crecemento de ladrillo e de “madrileño-feliz-en-apartamento-baratísimo-na-Mariña”, ía durar eternamente (ou cando menos un par de lexislaturas). Nin repararon, madía leva, xa sería moito pedir, nos custes ecolóxicos, enerxéticos e tamén sociais , daquel “por fin somos europeos ricos”. Nin falar xa, por suposto, da posibilidade de aproveitar os tempos de folgura para pensar con calma noutro modelo de crecemento, apostar pola investigación, pola formación, pola ecoloxía, pola calidade, pola cohesión social e polo decrecemento ou, cando menos, a contención solidaria.

E nese arrebato de furor edificador chegaron tamén a convencerse de que o estado do benestar, a redistribución da riqueza, é unha cousa barata, un choio. Por iso, nas súas decisións, ían espallando a sutil e velenosa idea de que a política social é gratis, que se podía facer gasto en plan nórdico avanzado ao mesmo tempo que se baixaban impostos e perdoaban ingresos perfectamente consolidados e aceptados pola nosa, digamos, cultura popular contributiva (que é, de seu, pícara abondo), ingresos, digo, como o imposto do patrimonio e o de sucesións. Ou, máis directamente, devolvendo 400 euros do xa recadado a cada un dos contribuíntes. Un estado social choio, financiado pola construción masiva. Un modelo Barreiros a gran escala.  

Pero construír a longo prazo unha sociedade solidaria e cohesionada supón que a xente cumpre coa Facenda con auténtico criterio socialista: de cada quen segundo as súas posibilidades. E manter o pulso. Para que vaia calando unha idea básica: unha maior equidade favorécenos a todos e todas, pero non é barata, e os que máis teñen, deben contribuír máis.  

Agora, coa auga ao pescozo, teñen que recorrer en tres días a recortar o gasto social, as pensións dos vellos e a paga de mestras, enfermeiros e celadores..., sen tempo para recuperar o imposto do patrimonio, para controlar o fraude fiscal, ...sen ter nin medio borrador de borrador de proposta dun novo imposto sobre grandes fortunas e outro sobre o perigoso trafego de capitais e as operacións especulativas en bolsa.  
 


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: