Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
ENTREVISTA

“NOS MOMENTOS DE CRISE CÓMPRE APOSTAR POR EMPRESAS DE ECONOMÍA SOCIAL”

Gonzalo Gesto é membro de Panxea, a tenda de comercio xusto aberta en Santiago de Compostela en 1996 e que vén de reabrir as súas portas apostando polo consumo sostible e responsable. Á experiencia na comercialización e difusión de producións do Sur unen agora producións ecolóxicas da nosa terra, producidas igualmente con criterios de comercio xusto. Deste xeito, poderemos comprar dende o tradicional café ou cacao, a grelos, fariña ou patacas novas, segundo a época do ano

José A. Martínez - 20:22 21/05/2010

Panxea acaba de reinaugurarse case que reinventándose. Se erades unha tenda de comercio xusto, agora como vos definiriades?

Nun principio Panxea nin sequera foi tenda, naceu como unha asociación que tiña como obxectivo a promoción do comercio xusto, nun momento en que isto era algo bastante novidoso en Galicia, xa que só existía unha experiencia en Lugo levada pola Cova da Terra. Para isto, entre outras cousas, instalou postos puntuais de venda de produtos de comercio xusto. Non sería até finais do 96 cando se abra a primeira tenda, con traballo voluntario.

E na actualidade xa moito máis que tenda de comercio xusto.

Co pasar dos anos Panxea foi diversificando obxectivos e formas de actuación. Dende o principio sempre se fixo sensibilización e difusión do comercio xusto e consumo responsable, entendido na relación Norte-Sur, mais co tempo fomos descubrindo cousas novas. A partir do ano 2002 fomos introducindo o concepto de soberanía alimentaria porque nolo reclamaban os propios produtores que viñan do Sur. Fíxeronnos ver como non tiña sentido só facer café ou cacao para a exportación senón o podían tamén integrar nos seus propios mercados locais. Isto coincidiu tamén coa crise do leite, o que nos permitiu integrar os conceptos de soberanía alimentaria no Norte e no Sur, que era o que os produtores nos reclamaban. Isto nos obrigaba a mudar o modelo de tenda, sobre todo se queriamos introducir produto galego producido en condicións de comercio xusto. Queriamos integrar a tenda de comercio xusto, a introdución de produto local e fresco, así como ter un local amplo que nos permitise desenvolver as actividades de sensibilización ligadas a temas de economía solidaria en xeral.

Para esta nova experiencia creastes unha cooperativa.

A asociación segue a existir, ligada ás actividades de sensibilización, mais era necesaria a creación dunha cooperativa, fundamentalmente por dous motivos: o económico, polo investimento de capital necesario para iniciar esta empresa de economía solidaria, que queriamos pedirllo á xente vinculada a Panxea; e pola necesidade de vincular máis aos socios nesta experiencia, que teñen o papel fundamental súa xestión.

Esta crise económica na que vivimos, é un bo momento para emprender esta aventura comercial?

Nós entendemos que si, aínda que teñamos que estar pendentes da evolución económica para consolidar, antes ou despois, a viabilidade da tenda. Para nós tamén é un reto observar como o comprador de comercio xusto vai responder ante a introdución de produto local fresco galego. Pero para nós a crise comportou aspectos positivos: despois de buscar durante máis de dous anos un local onde situar a tenda, agora comeza a haber en Santiago locais comerciais a prezos máis axeitados a mercado, pondo freo a eses prezos abusivos froito da especulación inmobiliaria que existían. Pero sobre todo é unha aposta, o reto de facer empresas de economía social, fronte aos modelos de especulación que se impuñan en todos os eidos da economía. O modelo de crecemento exponencial, baseado no crecemento disparatado da demanda chegou ao seu límite, levándonos á crise que agora vivimos, nós pensamos que este tipo de modelo empresarial é válido e pode demostrar que pode ser viable, entendendo a xente que se pode facer economía doutra maneira.

Esta non é unha experiencia nova, xa tendes referencias do funcionamento doutras iniciativas no noso país.

Dende o ámbito do comercio xusto temos experiencias similares, sendo o claro referente da Cova da Terra, en Lugo, que funciona razoablemente ben, non só como tenda senón tamén como centro de recursos e difusión. E dende as cooperativas de consumo vinculadas á produción ecolóxica local, temos presentes as iniciativas de Árbore, en Vigo, ou de Xoaniña, no Ferrol, que tamén teñen unha grande experiencia.

O comercio xusto creceu nos últimos anos, asentando o seu público, no medio dun fondo debate sobre o seu futuro.

É un debate que se está a dar en Europa e no conxunto do Estado. Esencialmente existen dous modelos de futuro: aqueles que apostan por unha perspectiva integradora que buscan a transformación social, seguindo os principios da soberanía alimentaria, entre o que nos atopamos nós, e aqueles ligados ao concepto tradicional do comercio xusto como axuda para o desenvolvemento do chamado Terceiro Mundo, a través da venda dos produtos como axuda a eses países. É este modelo o que xustifica a apertura da venda de produtos de comercio xusto nas grades superficies comerciais.  A creación dun selo específico de comercio xusto, coa que non estivemos de acordo, responde a esta idea de que o esencial é chegar ao maior número de consumidores posibles para poder vender máis. Cando nós o que observamos é que os pequenos produtores por quen máis se senten asoballados son polas políticas destas grandes superficies, tal como se denuncia no noso país co tema do leite. Chegouse mesmo ao paradoxo de que grandes multinacionais poden certificar que un dos seus produtos é de comercio xusto.

Cal é o obxectivo desta nova tenda e local de Panxea?

Nace coa idea de que unha familia normal poda facer a súa compra habitual con criterios ligados a comercio xusto e consumo responsable. É certo que non podemos ofertar toda a gama de produtos que poda necesitar unha familia media, pero podemos chegar a ofertar unha gran parte das súas compras. Quen son socios de Panxea atoparán esta ampla oferta a un prezo rebaixado.

Notades se segue a vincular comercio xusto con produtos caros?

Cómprenos reflexionar sobre o feito de que a parte de renda que destinamos á compra de alimentación é a menor da historia, sobre un 20% do total. Cómpre facer unha reflexión sobre onde gastamos e veremos como creceron de forma considerable os gastos destinados ao automóbil ou ás telecomunicacións, por non mencionar as hipotecas. Que cada quen faga as contas de canto dedica a cada apartado do seu salario. Despois estaría apostar por un comercio sostible. Por outra banda, e aínda que pareza mentira, en relación calidade-prezo o comercio xusto non só é competitivo, senón que nalgúns casos mesmo é máis barato. Un exemplo é o chocolate: Nestlé promoveu a substitución do cacao por graxas, “creando” un chocolate de calidade máis caro que o do comercio xusto. É o que fixo foi baixar a calidade do chocolate medio e vender o que facía antes moito máis caro.

Pero, como comentabas antes, abrides un local que pretende ser moito máis cunha tenda?

Pretendemos acoller tres cousas: a tenda, o local social de Panxea e un local social que sexa centro de recursos e local de referencia para as asociacións que se movan en Santiago e no contorno. O centro de recursos contará con todos os materiais que xa tiñamos, unido ao que compartan os socios, co a idea de crearmos a medio prazo unha “cousateca”, que nos permita centralizar e compartir o que nós temos nas casas. Xa nas reformas previas á apertura vimos como, só pensando en ferramentas, isto pode ser de gran axuda. Quen non ten un trade que nunca utilizou? Por último, o local está aberto a outras organizacións, e xa temos dúas  que o utilizaron como local físico, AIS O Peto e SODEPAZ, pero tamén esta aberto a calquera actividade doutras organizacións, charlas, obradoiros, etc.


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: