Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CO 100% ESCRUTADO

Casares Long será o reitor da Universidade de Santiago

O candidato conservador impúxose a Fernández Prieto por unha diferenza de 13 puntos no voto ponderado.

Redacción - 20:30 24/05/2010

Á segunda foi a vencida. Xoán Casares Long converterase no reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) no seu segundo intento, logo de superar ao seu opositor en segunda volta, Lourenzo Fernández Prieto. Nunhas eleccións moi abertas e nas que todo estaba por decidir, o catedrático de enxeñería química impúxose no resultado final cun 56,9 % fronte ao 43,09% que acadou o seu contrincante.

Resultados por sectores
Desta volta, foron 103 os votos reais que distanciaron a un e a outro candidato (Casares Long sumou 2.442 e Fernández Prieto 2.339). A participación, por outra parte, foi máis reducida que na primeira volta: emitiron o seu voto un total de 5.288 membros da comunidade universitaria, é dicir, o 15,7% (na primeira volta, os votos ascenderan a 6.560).

Unha vez ponderado o voto, Casares Long gañou entre o profesorado (doutores: 65,7%; non doutores 53,4%; colaboradores ou adxuntos 51,1%; e outro profesorado 53,7%) e entre os estudantes de terceiro ciclo (55,06%). Pola contra Fernández Prieto obtivo, outra vez, o apoio dos estudantes de primeiro e segundo ciclo (54,6%); do persoal de Administración e Servizos (54,4%) e dos investigadores en formación (57,6%).

Catro anos por diante

Aos seus 60 anos, Xoán Casares Long convértese no reitor 224º da Universidade de Santiago de Compostela e substitúe no cargo a Senén Barro, contra quen perdera nos últimos comicios ao reitorado hai catro anos (daquela, quedara empatado no número de votos, mais o voto ponderado déralle a vitoria ao seu contrincante).

Dende que se proclamou gañador, cara as nove da noite deste luns, o futuro reitor non deixou de recibir felicitacións na Facultade de Ciencias da Educación, dende onde a súa candidatura seguiu os resultados. Orgulloso e moi contento, reiterou o que viña dicindo durante a campaña, que liderará unha mudanza nas formas de gobernar, na transparencia e no diálogo, para poñerse ao servizo de toda a comunidade universitaria.

Fernández Prieto volverá a presentarse
Pola súa parte, Lourenzo Fernández Prieto, quen xa felicitou o gañador, confesou a Vieiros sentirse moi satisfeito polos resultados: "dobramos os votos da primeira volta", dixo, "e un 43% dos votos demostra que moita xente confiou en nós".

Así, despois de poñerse ao servizo do seu, até o de agora, opositor "para todo aquilo que supoña un avance para a Universidade", adianta que volverá repetir o intento nas próximas eleccións. "Fomos quen de liderar unha colación de forzas e de xerar ilusión para acadar unha universidade mellor", di ao tempo que asegura estar "animado" para volver a intentalo.


1.87/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo 1: Estes foron os compromisos que Casares Long debullou para Vieiros

Os dous candidatos acudiron a votar pola mañá
Os dous candidatos acudiron a votar pola mañá
Equipa coa que contará Xoán Casares no próximo mandato
Equipa coa que contará Xoán Casares no próximo mandato
Resultados por sectores (clica para ampliar) / Fonte: USC
Resultados por sectores (clica para ampliar) / Fonte: USC
Unha vez proclamado gañador, recibiu numerosas felicitacións e atendeu os medios na Facultade de Ciencias da Educación
Unha vez proclamado gañador, recibiu numerosas felicitacións e atendeu os medios na Facultade de Ciencias da Educación