Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Plataforma en rede

Meubook, novos tempos para o libro

Apadriñadas polo Clúster do Libro, un conxunto de empresas presentan unha ferramenta en liña para a edición de e-libros e a impresión baixo demanda.

Redacción - 13:25 27/05/2010

Estará operativa desde o próximo mes de xullo, pero a iniciativa foi xa presentada esta quinta feira en Santiago de Compostela. Integra a un conxunto de empresas, varias delas integradas no Clúster do Produto Gráfico e o Libro Galego. Meubook é definida polos seus promotores como unha plataforma de contidos dixitais "que opera nas novas canles de xestión e difusión do libro, a cultura e a formación". A meta é poñer en valor e difundir os seus contidos, como operador de contidos dixitais e provedor de novos servizos de impresión. "A plataforma integra aos distintos elementos da cadea de valor do libro: editores, impresores, distribuidores e libreiros", explican.

Incluirá unha libraría virtual para a venda e distribución de libros, servizos de consulta, descarga de arquivos, edición a demanda, personalización de publicacións e xestión de vendas. Tamén pretende ser operador de arquivos de bibliotecas, museos e fundacións, alén dos seus servizos para particulares como asistente de maquetación de libros álbumes de fotografía. O laboratorio de Redes da Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico e de Telecomunicacións de Galicia encárganse do desenvolvemento técnico do proxecto. No acto de presentación estiveron o director xeral de Promoción da Cultura, Francisco López Rodríguez-Barxas; Jacobo Bermejo, xerente de Tórculo; Carlos del Pulgar, presidente do Clúster do Libro e das Artes Gráficas; Fernando Pérez, director de Gradiant; Tati Mancebo, community manager de Algueirada; e o director de Meubook, Fernando Jiménez.


4,73/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: