Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
PARA ATENDER RETIDOS E FUTUROS DEPORTADOS

A embaixada venezuelana en Madrid terá un funcionario permanente en Barajas

A embaixada de Venezuela en Madrid designou un funcionario, a partir da pasada sexta feira, para atender aos venezuelanos que se lles impida a entrada ao Estado español en Barajas. 

Xurxo Martínez Crespo - 16:58 31/05/2010

O embaixador venezuelano ante o Estado español, Isaías Rodríguez, declarou que a representación diplomática que representa nomeou un funcionario no aeroporto de Barajas para defender e representar aos cidadáns venezuelanos que sexan retidos no aeroporto madrileño e deban ser repatriados a Venezuela. 

Este representante venezuelano no aeroporto nace dun acordo entre o Ministerio de Relacións Exteriores español e a embaixada venezuelana en outubro de 2009: "ten o carácter preventivo de actuar ante calquera situación" elixindo o aeroporto de Barajas porque é o lugar con maior número de retencións e deportacións, declarou o embaixador Rodríguez.

O funcionario venezuelano en Barajas analizará coas autoridades españolas os casos dos venezuelanos aos que se lles impida o ingreso ao Estado español por non cumprir os requisitos exixidos pola lexislación española de estranxeiría como ter unha carta de invitación expedida polas autoridades policiais españolas ou non contar co diñeiro exixido para a súa permanencia como turista.

Perto de 1300 venezuelanos foron deportados en 2009 cando tentaron entrar por un dos aeroportos españois, segundo indicou o diplomático. Esta cifra supera en 103 o número correspondente a 2008 cando comezaron a repuntar as retencións e as deportaciones dos venezuelanos que viaxaban como turistas, un dos poucos Estados de Latinoamérica que non precisa visado de turista para ingresar ao Estado español, aínda que si é preciso para ingresar no Reino Unido ou no Estado francés.

A embaixada de Venezuela asumiu a responsabilidade ante o Estado español de 13 casos, por tratarse de "situacións especiais" de cidadáns retidos nos aeroportos a quen, despois dunha negociación, se lles permitiu o ingreso ao país por un determinado tempo porque cumpriron polo menos cun dos requisitos.

Os Ministerio de Relacións Exteriores e Cooperación exixen aos cidadáns dos Estados que non precisen o requisito do visado por tres meses para entrar no Estado español, unha carta de invitación ou ter unha reserva de hotel, posuír un billete de retorno ao seu país de residencia e contar co diñeiro suficiente para financiar a súa estandía no Estado español.

A carta de invitación, explicou Rodríguez, está "submetida a unha certificación de autenticidade e autorización por parte de funcionarios policiais" que debe ser solicitada por unha persoa residente legal no Estado español. 

Outra das exixencias de entrada para turistas no Estado español é que o turista debe demostrar que ten polo menos 61,5 euros para sufragar os seus gastos diarios e un mínimo de 561 euros para nove días, do contrario, non poderá ingresar en territorio español aínda que cumpra co requirimento anterior.

Os casos dos retidos en Barajas, que afecta a outros cidadáns Latinoaméricanos, están vencellados a "unha política migratoria da UE discriminatoria que atenta contra os Dereitos Humanos" que "non se corresponde coa política inmigratoria que mantivo América Latina con Europa", declarou o embaixador Rodríguez.

Rodríguez sinalou que esta inxustiza histórica foi exposta por Venezuela e outras repúblicas sudamericanas coma o Brasil, Bolivia, a Arxentina e o Ecuador durante a Cimeira UE-América Latina e o Caribe celebrada hai pouco en Madrid.

"No documento asinado (ao remate da Cimeira) sinálase a defensa dos Dereitos Humanos como elemento fundamental" e  a posibilidade de "revisar a política migratoria inxusta" da UE para que "se recoñezan tamén os dereitos dos ilegais", explicou.

 No Estado español residen 61.700 venezuelanos rexistrados nas oficinas consulares, indicou o embaixador, unha cifra "pequena se se compara con outros países". A realidade é que entre venezuelanos, galego-venezuelanos, canario-venezuelanos e hispano-venezuelanos o número de residentes venezuelanos no Estado español é superior ao de galegos, canarios e cidadáns españois residentes en Venezuela.


Ligazóns

3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: