Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN SALCEDA DE CASELAS

Creatividade en movemento a prol do galego

Alumnos e profesores do Instituto Pedras Rubias elaboran unha innovadora montaxe audiovisual subliñando a importancia de manter e falar a nosa lingua.

Redacción - 11:11 07/06/2010

Palabras como “filloas”, “xesta”, “orballo”, “axóuxere”... ensaríllanse e cobran movemento nunha peza audiovisual creada por profesores e alumnos do Instituto Pedras Rubias de Salceda de Caselas. Empregando o stop-motion como técnica e tirando da animación das fotografías arman un vídeo no que propoñen unha reflexión sobre o galego e sobre o seu uso entre a mocidade.

A idea, segundo nos explica Flori Veloso, unha das mestras do centro: “partiu daquel vídeo que presentara a Coordinadora de Equipos de Normalización Orgullosos do noso, orgullosos do galego”. Entón, Adrián Barreiro e Flori Veloso puxéronse en marcha para idear este outro vídeo, que fose creativo e innovador e que, á vez, se puidese converter nunha ferramenta didáctica para as aulas. Diana Toucedo (graduada na Escola Superior de Cinema i Audiovisuais de Catalunya- ESCAC) realizou as tarefas de edición. O vídeo tamén conta coa colaboración do cantante ordense de hip-hop García MC.

Coa axuda dos alumnos de 4ª da ESO (que puxeron as voces) e de 1º da ESO (que cos seus dedos pintaron o lema final do vídeo), seleccionaron e emprestaron unha serie de obxectos estáticos para seren movidos a través dunha serie de imaxes sucesivas. Alimentos, elementos do vestir, xogos, libros, instrumentos musicais... ordenáronse obedecendo a unha estrutura lóxica, sempre na procura dunha liña argumental divertida e que chegase aos rapaces. Finalmente, procedeuse á gravacións dos sons, á edición e á montaxe que deu como resultado o creativo vídeo final.

O obxectivo, explícanos Veloso, foi o de “dignificar e resaltar o galego como lingua propia, sen deixar de valorar outras linguas, e actuar en contra dos prexuízos contra a nosa lingua”. Xa como ferramenta didáctica, a montaxe foi proxectada ante os alumnos dos diferentes cursos, para xerar un debate e unha reflexión sobre o tema: “funciona moi ben”, explícanos, “os rapaces están moi abertos ás novas tecnoloxías e permitiunos falar do galego, da nosa cultura, das nosas tradicións e da lingua dun xeito máis interactivo e novidoso”.

  • Mais información sobre o "como se fixo" no portal do IES Pedras Rubias


4.93/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: