Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Milleiros de persoas nas mobilizacións da CIG

"Se non hai resposta na rúa, seguirán os recortes á clase traballadora"

En todo o país escoitáronse as voces en resposta á reforma laboral que introduce o abaratamento do despido.

Redacción - 10:45 18/06/2010
Mobilización esta quinta feira nas rúas de Vigo / Imaxe: CIG

Mobilización esta quinta feira nas rúas de Vigo / Imaxe: CIG

"Aquí estamos ante unha loita de poder, cun claro contido de clase, unha loita por modelos de organización socioeconómica totalmente confrontados", analizou o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, na súa intervención esta quinta feira na mobilización convocada pola central sindical na Coruña. "Ou conseguimos paralizar todo isto, ou a situación da clase traballadores nos próximos anos vai empeorar gravemente tanto nas condicións laborais como sociais, impóndose un modelo de relacións laborais desrregularizado e controlado polo empresariado", advertiu Seixo.

De xeito paralelo desenvolvíanse na tarde deste xoves concentracións nas rús de Vigo, Ourense, Compostela, Pontevedra, Lugo, Ferrol e Vilagarcía, en resposta á aprobación no Consello de Ministros da reforma laboral sen consenso cos axentes sociais. Avalía a CIG que arredor de 12 mil persoas participaron nas convocatorias en todo o país diante do que cualifican como "o máis importante recorte de dereitos dos últimos trinta anos".

A CIG aproveitou para criticar o posicionamento nos últimos meses de CCOO e UXT, "ambas metidas na dinámica do diálogo social e da colaboración co poder", e salientou que pola súa parte a central leva os dous últimos anos teimando na necesidade dunha folga xeral urxente como medida de presión "para evitar as políticas de recorte de dereitos, pero tamén para reclamar medidas en positivo de cara a combater de forma eficaz a crise económica dende un punto de vista favorábel á clase traballadora".

Reforma en favor da patronal
Para a CIG queda claro que a decisión do goberno español unicamente responde ás reclamacións históricas da patronal para "facilitar e abaratar o despedimento" e que deixa "nunha total indefensión" a clase traballadora. Neste contexto, entende a CIG que é imprescindíbel "dar unha resposta contundente na rúa que paralice este ataque" e ao tempo demandar que se adopten políticas para combater de xeito eficaz a crise dende un punto de vista favorábel á maioría social.

"Atopámonos ante unha reforma inxusta e inxustificábel", censurou Seixo, advertindo de que a reforma imposta polo executivo estatal non garda relación coa situación de crise xa que "non vai influír na saída da mesma, non creará emprego e tampouco rematará coa dualidade no mercado laboral". "Só responde á busca da patronal de mecanismos cada vez máis achegados ao despedimento gratuíto", laiouse.

"A crise non veu motivada polas supostas rixideces do mercado laboral, nin polos altos custes do despedimento ou as rixideces na estrutura da negociación colectiva, senón por políticas económicas que fomentaron a especulación e xeraron unha serie de burbullas que foron as que se viñeron abaixo, arrastrando ao conxunto da economía", subliñou o líder da CIG. Nesa liña, insiste a central na necesidade de virar cara a un novo modelo de organización económica e social. E nese sentido propoñen entre outras accións concretas unha política fiscal de carácter progresivo, combater a fraude e os paraísos fiscais, incrementar o investimento público ou crear unha banca pública e empresas públicas en sectores estratéxicos.


3.67/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: