Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Confírmao a consellaría do Mar

O Goberno insiste en garantir que se poida chantar unha piscifactoría en Touriñán

O BNG pregunta polas estimacións de creación de emprego e recorda as manobras coas que se compraron os predios "a prezo de miseria".

Redacción - 17:45 18/06/2010
Localización proxectada para a piscifactoría de Touriñán

Localización proxectada para a piscifactoría de Touriñán

Por se acaso quedara dúbida, o secretario xeral da consellaría do Mar, Francisco Vidal Pardo, subliñou esta sexta feira na comisión de Pesca do Parlamento que a Xunta está traballando na modificación do plan de acuicultura de xeito que a planta que Pescanova proxectaba no espazo protexido de Touriñán poida ser finalmente construída.

Vidal Pardo explicou que atendendo ao Plan de Acuicultura aprobado polo bipartito a factoría non se podería executar, mais asegurou que xustamente un dos obxectivos da modificación deste plan será permitir esa polémica iniciativa acuícola. A intención da Xunta, segundo explicación do secretario xeral, é "incluír este emprazamento a través das modificacións que se lle realicen ao plan vixente", engadindo que "xa se está a traballar niso da man da consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que está desenvolvendo tamén o Plan de Ordenación do Litoral".

Terras mercadas "a prezo de miseria"
Sobre o que non deu resposta o representante da consellaría foi ao respecto da interpelación do BNG sobre as estimacións de creación de emprego vencelladas a esta piscifactoría. "En canto non hai un proxecto presentado neste momento, non se pode facer unha estimación pero que si se sabe con certeza os postos de emprego que se perderon co traslado deste proxecto a Portugal", afirmou Vidal, teimando na idea defendida polo PP desde a oposición a pasada lexislatura e obviando que a empresa xa negociara e recibira beizón para varias alternativas noutros puntos da costa galega.

"A empresa Pescanova comprou a prezos de miseria os solares que serán destinados á construción da futura planta acuícola de Touriñán", censurou no transcurso da mesma comisión o voceiro en materia de Pesca do grupo parlamentario do BNG, Bieito Lobeira. O deputado do Bloque denunciou que "é unha práctica habitual" da consellaría do Mar non remitir información á oposición "como aconteceu hai sete meses cando o BNG solicitou datos sobre todos os proxectos vinculados ao plano de acuicultura e singularmente, o referido a Touriñán, como se fose un expediente X".

"Un auténtico atentado medioambiental, paisaxístico e produtivo", insistiu Bieito Lobeira, indicando a "rotunda oposición" do BNG a este proxecto. Lobeira acusou o PP de amosar coa súa teima con Touriñán unha concepción "terceiromundista e colonial" achegando un espazo privilexiado a unha empresa "con cartos subsidiados para a construción da piscifactoría con métodos especulativos".


2,4/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: