Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise de Nova Escola Galega

Acaba un curso "sen problemas"

Así ironizan desde este movemento de renovación pedagóxica no balance dun curso escolar que acumula un feixe de medidas "contra a escola pública".

Redacción - 17:30 22/06/2010

"Podemos asegurar sen temor a trabucarnos que se levaron a cabo en poucos meses as maiores e máis contestadas medidas que se deron no período democrático contra a escola pública que defendemos e contra o futuro do propio país". Así de contundente é o balance que Nova Escola Galega fai público na semana en que remata o curso escolar nos centros educativos de Galiza.

Aproveitan desde o colectivo para parafrasear as palabras argumentadas desde a consellaría de Educación xa cando se iniciaba o curso, supostamente "sen problemas", lembrando que xa daquela eran noticia os conflitos xerados por diversas decisións da administración. Medidas que erosionan o sistema público de ensino relacionadas co "idioma, co profesorado de apoio, cos servizos coma os comedores escolares, cos Equipos de Normalización, co proxecto Abalar... ". "A listaxe daría para escribir un volume e constitúe, como diciamos, un ataque sen parangón contra a cerna do sistema público e contra a propia identidade", láianse desde Nova Escola Galega.

Decreto "imposible"
As principais críticas da asociación céntranse no chamado 'decreto para o plurilingüismo', ao que cualifican de "decreto imposíbel", sinalando a "imposibilidade manifesta de que poida atopar algún apoio entre os sectores implicados", ao tempo que advirten de que "resulta absolutamente imposíbel de aplicar nos centros educativos". Entre outros, avalían desde Nova Escola que organizativamente non existen medios para garantir que cada alumno reciba o ensino nos dous idiomas por igual.

Ao respecto da ausencia de apoios indican que se evidenciou outra vez coa dimisión das cinco persoas responsábeis da coordinación dos equipos de normalización dos centros. Nova Escola recoñece o traballo realizado por estas persoas ao longo dos anos e felicita a "coherencia" da dimisión "preferindo abandonar os seus postos antes que ser cómplices da política lingüística, enfermiza cara o galego, da Xunta".

Por este motivo, o movemento de renovación pedagóxica realiza unha vez máis chamada de atención á sociedade do país e ás familias en particular "para que non consintan que aos nenos e nenas se lles prive do dereito a acadar a debida competencia en lingua galega".


4,7/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: