Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDIOS PÚBLICOS

Cales son a Radio e a Televisión de Galiza que queremos?

No debate sobre a reforma da Lei da CRTVG, todos os expertos reivindican uns principios xa recollidos na actual lexislación: o respecto ao pluralismo político e a promoción do galego.

Isabel G. Couso - 11:00 10/07/2010
A obxectividade e o pluralismo das informacións así como o papel normalizador da Televisión e da Radio galegas seguen a estar no centro do debate

A obxectividade e o pluralismo das informacións así como o papel normalizador da Televisión e da Radio galegas seguen a estar no centro do debate

“A promoción e a difusión da Cultura e da Lingua Galegas, así como a defensa da identidade da nacionalidade galega; o respecto á liberdade de expresión, obxectividade, veracidade e imparcialidade das informacións; o respecto ao pluralismo político, relixioso, social, cultural e lingüístico...”. Estes son algúns dos principios nos que se debe sustentar a programación dos medios públicos galegos, segundo queda reflectido na Lei de Creación da Compañía da Radio Televisión de Galiza aprobada hai xa 26 anos (Lei 9/1984, do 11 de xullo).

Porén, a obxectividade e o pluralismo das informacións así como o papel normalizador da Televisión e da Radio galegas seguen a estar no centro do debate na Ponencia parlamentaria constituída para a reforma da Lei da CRTVG. Sobre estes aspectos incidiron nos pasados días no Parlamento persoeiros de referencia como Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), ou Manuel Oliveira Pico, presidente da Academia Galega do Audiovisual (AGA), entre outros. Asemade, ao tempo que as estatísticas revelan caídas de audiencia históricas para o ente público, tamén a oposición política, da man de PSdeG e BNG, falan duns medios públicos cada vez máis politizados e menos implicados na necesaria normalización da nosa lingua.

Achegas para o medio que Galiza merece
O primeiro comparecente na Cámara foi Ramón Villares, quen reclamou un novo texto normativo que amose un “compromiso explícito e claro coa cultura galega” e unha “profesionalización dos órganos de dirección, que dea axilidade e evite a instrumentalización gobernamental na que derivou a práctica totalidade das televisións e radios públicas”. Nesa liña apostou por unha CRTVG que “manteña un papel central na normalización lingüística” e lembrou que a Televisión e a Radio Galegas constitúen unha “ferramenta imprescindíbel para a construción e o mantemento dunha idea de Galiza como un espazo simbólico de identidade”.

Pola súa parte, o último en intervir até o día de hoxe foi Manuel Oliveira Pico. O presidente da Academia Galega do Audiovisual pediu que a futura lei garanta o uso único do galego no ente público, que asegure o 6% da Lei do Audiovisual, que cree canles especializadas e que coordine a promoción das producións galegas. Exixiu que a CRTVG conte cun financiamento e orzamento propios, para facer unha televisión de calidade que “contribúa á construción de Galiza como país”, que “apoie a cultura e a lingua propias”, á vez que aspira a ter unha audiencia maioritaria.

Ante cada unha destas intervencións, as máis destacadas até o de agora, o consenso foi xeral entre os grupos parlamentarios. Se ben a oposición cuestionou en diferentes ocasións a utilización política dos medios públicos e mesmo se puxo en dúbida a súa defensa do galego, o PPdeG ten afirmado da man de Pedro Puy ter un compromiso manifesto “para que a televisión e a radio galegas supoñan un elemento de normalización cultural”.

Un camiño por andar
Case tres décadas despois de que se crease a CRTVG, todas as voces coinciden en sinalar que con esta reforma se asentarán as bases da televisión e radio públicas do futuro. Sobre a mesa están tamén outros temas de debate como a convocatoria de oposicións para o cadro de persoal, unha cuestión sempre rodeada de polémica, o carácter de servizo público da súa programación ou o sistema de elección do seu director xeral.

O calendario de intervencións parlamentarias estenderase aínda nos próximos días coa participación de figuras como representantes dos traballadores ou do propio Comité de Empresa (o vindeiro martes); os ex-directores xerais da CRTVG, Benigno Sánchez e Francisco Campos (o mércores); ou representantes do Colexio de Xornalistas e da Asociación da Prensa (o xoves). O compromiso do Goberno é que o texto normativo estea rematado antes de que finalice o ano. Haberá que valorar entón se a CRTVG da que nos dotamos se asemella a aquela que merecemos.


4.92/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Case tres décadas despois de que se crease a CRTVG, con esta reforma se asentarán as bases da televisión e radio públicas do futuro
Case tres décadas despois de que se crease a CRTVG, con esta reforma se asentarán as bases da televisión e radio públicas do futuro
O compromiso do Goberno é que o texto normativo estea rematado antes de que finalice o ano.
O compromiso do Goberno é que o texto normativo estea rematado antes de que finalice o ano.
Tanto Villares como Oliveira 'Pico' subliñaron o papel normalizador que debe cumprir a CRTVG
Tanto Villares como Oliveira 'Pico' subliñaron o papel normalizador que debe cumprir a CRTVG