Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Absolvido por un xurado

Indignación pola saída do cárcere do autor do crime homófobo de Vigo

Colectivos sociais convocan concentracións no país en rexeitamento pola posta en liberdade do autor confeso do asasinato de dous mozos homosexuais.

Redacción - 12:45 13/07/2010
Tags: homofobia

"Un asasino homófobo e racista na rúa", titula no seu espazo web o colectivo Maribolheras precarias ao fío da saída de prisión do asasino dos dous mozos gais. O colectivo de defensa dos dereitos dos homosexuais amosa o seu "estupor e rabia" diante desta posta en liberdade.

Colectivos LGBT acumulan meses de mobilizacións en protesta por este caso. Recordámoslles que malia confesar a autoría do crime, Jacobo Piñeiro fora absolvido por un xurado logo de aducir "lexítima defensa" e "un medo insuperábel" a ser violado. As asociacións cidadáns acusan o xurado de "converter o verdugo en vítima" e facilitar a súa saída en liberdade logo de admitir que asasinou dúas persoas asestándolles 57 coiteladas. Paradoxalmente, foi só condenado por un delito de incendio, xa que por riba prendéralle lume á vivenda da parella asasinada para tratar de borrar as pegadas do crime.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou aquel xuízo que agora debe repetirse, malia que non hai aínda data fixada. Así e todo, para as plataformas sociais, a posta en liberdade do acusado "é unha burla para os amigos e familiares" dos finados. "Esta posta en liberdade lexitima os asasinatos homofóbicos e abre a veda á impunidade na comisión de crimes de odio", censuran desde Maribolheras. Jacobo Piñeiro quedou libre esta semana e, malia os requirimentos da fiscalía, nin sequera se lle obrigará a levar pulseira electrónica de seguimento. Entre outros, o colectivo gai de Compostela convoca para esta terza feira ás 20 horas, na praza do Toural de Santiago, unha concentración en rexeitamento pola situación.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: