Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A mellor praia nudista de Galicia, invadida polos 'téxtiles'

A mellor praia nudista de Galicia está na Pobra do Caramiñal, moi pretiño de Cabío. O malo é que nos últimos tempos este areal, chamado Niñeiriños, está sendo literalmente "invadido" polos 'téxtiles'. E tanto é así, que a práctica do nudismo se está convertendo en residual e marxinal, se cadra por desleixo da propia comunidade nudista.

Enviada por alema alema o 30/07/2007 22:23 ás 958 visitas

A praia de Niñeiriños é a única de toda a ribeira norte da ría de Arousa onde o nudismo está "tolerado". De feito, a praia figura en numerosas webs naturistas e ata a recoñecen como tal, como nudista, na propia Oficina de Turismo da Pobra.

É unha praia única e espectacular. Ten augas tranquilas, area fina, un piñeiral a carón... pero tamén tantos 'téxtiles' que moitas veces se fai realmente incómoda a práctica do nudismo (e iso que a zona onde a xente toma o sol espida non chega nin aos 100 metros de lonxitude fronte ás ducias de quilómetros de praia que poden gozar os 'téxtiles').

Por iso, facemos un chamamento desde esta páxina para que a xente que fai naturismo se anime a pasar por Niñeiriños... ou corremos o risco de quedar sen a única praia nudista do interior da ría!

Información para chegar á praia: preme aquí.


5/5 (7 votos)


Comentarios (10)

Tonecha #1 31/Xullo/2007 Tonecha
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Haberá que pasar logo por aí, alomenos para facer bulto carnoso!

Birnarem #2 31/Xullo/2007 Birnarem
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois estupendo que vaia mais xente nudista a Niñeiriños, pero lembremos que o nudismo é legal en calquera espazo público, polo que o feito de que vaia mais xente vestida a esa praia é unha oportunidade para misturarse téxtiles e espidos e así ao fin normalizar a liberdade de indumentaria en calquera espazo (fose antigamente declarado como nudista ou non).

alema #3 31/Xullo/2007 alema
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Estamos de acordo. Calquera praia debería admitir nudistas con normalidade, pero iso non acontece, nin de lonxe, na práctica. Se o costume fai que a Niñeiriños vaia SÓ xente vestida, acabará converténdose nunha praia téxtil máis. É dicir, unha praia menos onde practicar nudismo. O idealismo choca máis dunha vez coa máis dura realidade... infelizmente.

Birnarem #4 1/Agosto/2007 Birnarem
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A ver, a realidade a construímos nós. E non creo que unha praia na que se practicou desde sempre o nudismo deixe de admitirse porque agora vaia xente vestida.

É certo que non está socialmente admitido o nudismo ou iso cremos, porque logo a realidade non demostra tanto esta crenza, e senón poño como exemplo a marcha ciclonudista que fixemos en Coruña, que logo rematamos na praia das Lapas onde estivemos todo o día gozando dun magnífico día de praia, algún insulto recibimos, normal, a xente que non pensa coma nós é por intransixencia e por iso non respectan os dereitos dos demais, pero foron tan pouc*s tan pouc*s que eu diría que insignificantes, en cambio recibimos moitos mais aplausos, gritos de ánimo, miradas curiosas (evidentemente hai que recoñecer que non é habitual e que a xente nos mire con certa sensación de novidade ou de xeito especial), etc.

Este tema creo que está avanzando, e son os menos os que non admiten ver xente espida nas praias, seguiremos agochados nos nosos reductos a pesar de que a mentalidade da xente admíte cada vez mellor a liberdade de indumentaria?

Por outra banda, pouco se pode facer se a xente vestida acude en masa ás praias nudistas, hoxe en día non existe esa calificación en ningunha praia porque o nudismo é algo legal en calquera espazo público polo que non se pode establecer legalmente ningún espazo como nudista porque todos o son, e o feito de que acuda xente téxtil a estas praias quere dicir que aceptan o nudismo como algo tan aceptable como o ir vestido, sego sen ver o problema neste caso jeje.

Tino #5 1/Agosto/2007 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Será cuestión de porlles denuncias como fixeron moitos téxtiles cando habia nudistas nalgunhas praias: a ver se respecta o seu dereito a facer nudismo.
Non só pasa na praia da Pobra, tamén na do Castro de Baroña, no Vilar, Barra...

Birnarem #6 1/Agosto/2007 Birnarem
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O que buscou a xente que practicaba nudismo durante moitos anos era que se respectara o seu dereito a poder ir sen roupa, só faltaba que agora os nudistas non respectaramos o dereito a outr*s a ir con roupa. Por outro lado non hai ningunha norma pola que nin os nudistas podan denunciar aos téxtiles nin o revés por ir con ou sen roupa en calquera espazo público (ben sexa praia ou outros lugares).

alema #7 1/Agosto/2007 alema
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Por suposto. A liberdade ante todo. Eu tamén vou a praias nudistas acompañado da xente da miña familia que é 'téxtil'... e non pasa nada. Non me molesta que haxa 'téxtiles' na praia, en absoluto.

Pero si considero que desde as administracións debería de haber algún recoñecemento "oficial" das praias nudistas, xa que evitaría moitos equívocos e situacións incómodas mentres estamos nesta fase na que para practicar nudismo hai que acudir a determinadas praias. Porque, por moito que digas Birnarem, pasará moito tempo antes de que a xente poida tomar o sol núa na praia de Riazor ou de Samil, por exemplo.

Aos nudistas sempre nos quedarán as praias:
- con peores accesos (malpocados os nosos petos e os nosos coches!)
- sen servizos ningúns (nin duchas, nin postos de socorrismo, nin aparcadoiros decentes, nin "bandeiras azuis", vaia...)

E xa que temos que padecer todo iso para facer nudismo, por que non advertirlle á xente que está entrando nun espazo nudista? Non para prohibirlle a entrada a 'téxtiles' nin moito menos, que son benvidos... só faltaría! Senón para que a xente sexa consciente de que nese espazo en concreto é común practicar nudismo, e que se a eles non lles gusta, teñen arredor decenas de quilómetros de praias onde a xente vai vestida.

Ao principio, hai poucos anos, tamén en Niñeiriños nos insultaban por ir espidos. E francamente creo que é algo que non temos que soportar. E esta última fin de semana, había xente que se colocaba a carón de nós e que nos miraba con cara rara e que murmuraba "pero esta praia é nudista?". (Claro! Estabamos tres persoas espidas fronte a 300 vestidas!). Se cadra, se houbese algún tipo de recoñecemento oficial a estas praias, non tería que producirse nada disto...

Birnarem #8 1/Agosto/2007 Birnarem
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Entendo o teu razoamento pero debido a que, como dixen, o nudismo é legal en calquera praia é imposible que a administración declare ningunha praia oficialmente como nudista, e se sigue existindo esta idea dalgunha praia é porque foron declaradas como tal anteriormente a 1989, cando aínda existía o delito de escándalo público.

O que si resulta moi recomendable é poñer nestas praias onde se practica o nudismo de xeito mais habitual paneles informativos onde se informe de que nesa praia se practica nudismo e de paso sinalar que o nudismo é completamente legal en calquera espazo público.

alema #9 1/Agosto/2007 alema
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Totalmente de acordo, Birnarem. Agora só falta que as administracións respondan e coloquen os carteliños... Por certo, os concellos, mediante ordenanza municipal, non poden prohibir a práctica do nudismo en certas praias?

Birnarem #10 2/Agosto/2007 Birnarem
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A ver, por poder facer poden facer o que queiran, o que pasa é que a costa de meterse en follóns e facer bastante o ridículo.

Que pasaría se o fixeran? Pois que sería unha norma que iría en contra do código civil e da constitución, polo que calquera recurso que se faga sobre esa norma municipal en concreto a anularía debido a que estaría unha norma de carácter inferior limitando unha liberdade que permiten leis de rango superior.

Se te deteñen por ir espido nun espazo público (como unha praia, rúa, praza, ... unha biblioteca por exemplo non é un espazo público) pois calquera denuncia que te fagan como consecuencia desa detención será sobresída polo xuíz, e ademais tes a posibilidade posteriormente de denunciar ás persoas que te detiveron (algo que xa pasou unha vez en Barcelona).

Claro que o mellor é informar e dialogar para evitar ter que chegar a estas situacións. Ademais de que se non mantés a calma neses momentos podes cometer algunha infracción si denunciable.

Podes informarte moi ben nun díptico que elaborou Euskal Naturista Elkartea (Asociación de Naturistas Vascos) e que temos traducido ao galego: http://www.box.net/shared/zadv...

Para resumir, dicir que unicamente é denunciable unha persoa espida nun espazo público se concorren dúas condicións: que faga actos obscenos con intención de excitarse ou excitar a out*s e ademais que estean menores ou deficientes mentais diante.

Se podedes, pois nada a fotocopiar e difundir, porque ás veces a xente protesta pensando que ten razón e o que ten é un profundo descoñecemento.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:






Locais:
GZ-Sete