Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O EEES Ruína da Universidade Galega

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de O EEES Ruína da Universidade Galega

O EEES Ruína da Universidade Galega

Os CAF-CAEF comezamos este segundo cuadrimestre unha Campaña en contra do Espazo Europeo de Educación Superior, polo que significa de destrución do servizo público de ensino superior e a amenaza que supón para un país como o noso cun sistema universitario tan feble.

Enviada por CAF CAF o 16/05/2007 23:57 ás 497 visitas

Os Comités Abertos de Escola e Faculdade, organización maioritaria do estudantado galego nas tres Universidades Galegas e a única con representación nos sete campus, está a desenvolver unha campaña sobre o Espazo Europeo de Educación Superior, a nosa organización xa dende o ano 2003 vímonos posicionando contra a Declaración de Boloña e o seu desenvolvemento no Estado Español e na Galiza. Polo que supón de destrución do servizo público de ensino superior e o que supón de ameaza para un país como Galiza con un sistema universitario tan feble. A progresiva adaptación do noso sistema universitario ao Espazo Europeo de Educación Superior explica moitos dos problemas que os estudantes universitarios estamos a ter a día de hoxe.

A suba continua do prezo das taxas académicas. Todos os anos observamos como aumenta o prezo da nosa nosa matrícula: na década pasada as taxas subiron unha media do 4% e no último ano un 5%. Non é unha suba arbitraria xa que sempre sobe por riba do IPC provocando unha segunda selectividade, desta volta, económica; ou sexa, provoca que non todo o mundo poida ter acceso a un servizo público de ensino superior.

A obrigatoriedade de asistir ás aulas. Este deber xorde da idea de que os estudantes temos de ser profesionais do estudo, é dicir, estudantes a tempo completo. O sistema ECTS estabelece isto con horas de aulas presenciais, horas de estudo, horas de traballos e prácticas, horas de titorías e impide deste xeito que nos poidamos pagar os nosos estudos traballando durante o curso, ou mesmo comezar a nosa carreira profesional antes de rematar a titulación.

Bolsas ou créditos bancarios?
A importancia da política de bolsas diminúe fronte aos créditos chamados brandos, que ofrecen algunhas entidades bancarias e que teñen de ser devoltos a estas cando cobrares do teu primeiro emprego, e a maioría dos primeiros empregos son en precario. Deste xeito, só cursariamos carreiras coas que puidesemos amortizar rapidamente este endebedamento.

A importancia dos mestrados e posgraos. Os estudos de posgrao e mestrados oficiais, a parte de seren moito máis caros e con menos prazas que os graos, son necesarios para garantir unha mínima inserción laboral e son consecuencia da implantación dos novos títulos.

En resumo. Imos ter que estudar durante máis anos pola necesidade de cursar posgraos e mestrados, a costes máis altos debido ás taxas, e o prezo destes, teremos que estudar a tempo completo e endebedándonos até atopar un traballo co que devolvermos o crédito de estudo.Mais isto non é imparábel. Se defendemos a universidade pública, garantimos o financiamento público das universidades galegas, paramos a suba das taxas, asumimos as competencias en política de bolsas, regulamos os mestrados e posgraos... estaremos parando Boloña.


Documentos

3,46/5 (13 votos)


Comentarios (1)

Foucellas #1 17/Maio/2007 Foucellas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Con todo o respeto polos que se opoñen á reforma de Boloña con boa vontade e certo idealismo, cómpre explicar ben as cousas e non confundir a xente con informacións que misturan medos infundados, erros graves e propaganda política pouco comprensible. Vaiamos por puntos:

Parto de que a defensa do servizo público de ensino superior é a opción acertada por se corresponder coa xustiza social que busca facer da cultura e da formación universitaria unha ferramenta de cambio de sociedade. E parto tamén de que Galiza é un país europeo ó que lle convén non estar aillado do Espazo Europeo de Educación Superior.

A reforma de Boloña é un proceso de reforma que afecta ante todo á mellora da calidade do ensino universitario. Non contén nada relacionado co prezo das taxas académicas. Se un mira o mapa dos países europeos que participan nela e coñece o mundo universitario europeo un pouco, non tardará en se decatar de que os prezos das matrículas varían según os países e mesmo según as universidades dentro dalgúns países. Cómpre loitar contra a suba das taxas e cómpre saber que non ten nada que ver con Boloña senón coa política universitaria dos gobernos español e galego.

A obrigatoriedade de asistir ás aulas non debe confundirse coa busca dun modelo de estudantes a tempo completo. A reforma prevé, como di o artigo, que haxa horas de aulas presenciais (que lóxicamente son obligatorias), horas de estudo na casa ou nas bibliotecas que son por certo a maioría porque se trata de fomentar a responsabilidade das personas e non de controlalas, horas de traballos, que se escriben tamén na casa ou nas bibliotecas, horas de prácticas que deberían abrir o camiño á participación dos estudiantes no mundo laboral sen afastalos do seu estudo senón contándolles precisamente esas horas como parte do estudo e horas de titorías que melloran a calidade do ensino. Nada de iso impide que un se poida pagar os estudos traballando. As universidades deben ter unha oferta ampla de horas de aulas presenciais para os cursos que sexan obrigatorios para que ninguén que traballe por exemplo polas mañás se vexa imposibilitado de asistir esas clases porque só se dan polas mañás. E dicir o que xa deberían facer hoxendía e non sempre fan por falta de recursos económicos ou de interese. O sistema de European Credit Points (Puntos de crédito europeos) non implica que se teña que rematar en tres ou catro anos senón que está orientado a facilitar o intercambio con outras universidades sen crear problemas burocráticos innecesarios: os puntos valen para todos o mesmo e en toda Europa, unha especie de euro da ciencia. Cando se traballa para gañar cartos está claro que un necesita máis anos para xuntar os puntos e a reforma non o impide en absoluto. Un "punto" correspóndese con 30 horas de traballo (estudo, escribir, ir a clase e unha chea de actividades de aprendizaxe máis), a maior parte delas na casa ou en bibliotecas.

As bolsas son competencia dos gobernos de cada país. Non teñen nada que ver coa reforma de Boloña. Cómpre loitar por melloralas pero sen confundilas coa reforma.

O sistema establece que haxa graos, posgraos e mestrados. En moitos países un grao consíguese en tres anos o cal significa maior acceso á universidade para moita xente que non se pode permitir estar cinco, seis ou sete anos na universidade como nas licenciaturas (moi elitistas, algunhas) que había ata agora.

Para o problema das taxas cómpren bolsas e protestar contra a suba. Eso é polo que se debe loitar: bolsas e taxas pagábeis. Defender a universidade pública galega e o seu financiamento público é unha prioridade. Os que a queren privatizar están xustamente interesados en baixar o nivel de calidade das universidades públicas. A reforma de Boloña permite mellorar notablemente a calidade do ensino universitario. Non lles fagades o xogo e lede, por exemplo: http://bologna-handbook.com/

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: