Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


As declaracións de Francisco Rodríguez

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de As declaracións de Francisco Rodríguez

As declaracións de Francisco Rodríguez

A plataforma 'Galiza non se vende' remítenos a seguinte carta.

Enviada por redaccion redaccion o 26/02/2008 18:36 ás 535 visitas

As declaracións de Francisco Rodríguez, mestura de burda demagoxia e inaceptábel concepto clientelar das organizacións sociais, evidencian o seu descoñecemento do que significa a REDE GALIZA NON SE VENDE, así como das razóns da multitudinaria manifestación do 17-F en Compostela.

Parece claro que o Sr. Rodríguez nin tan sequera se tomou a molestia de ler o manifesto nin o comunicado da Rede antes de facer esas lamentábeis declaracións onde fala da “falta de lealdade dos ecoloxistas afíns ao BNG" ao "apuñalar polas costas ao PSOE" (¡sic!).

A REDE GALIZA NON SE VENDE non é desleal a ninguén pois a ninguén se debe. Nin ten compromiso con ningunha formación política, nin é correa de transmisión de partido ningún.

O noso compromiso está co país, co seu ambiente e coas súas xentes, e por iso nos mobilizamos diante da pasividade dos gobernos, sexan do signo que sexan, que poñen os seus pactos e lealdades por riba dos intereses xerais da cidadanía e da terra. E facémolo con responsabilidade e transparencia, sumando colectivos e persoas de variada ideoloxía, pero que apostan por unha xestión do territorio baseada na sustentabilidade ecolóxica e na xustiza social.

Lamentamos que sexa un representante elexido polos cidadáns quen critique o dereito lexítimo destes a manifestarse na defensa dos seus intereses. E que o faga apelando á lealdade que el di deberlle aos seus socios de goberno. Esquece que hai outra lealdade violentada, a que o Sr. Rodríguez ignora cando se fala de pescadores e labregos, homes e mulleres, xoves e vellos, desexosos de vivir da terra e coa terra. E é que calquera goberno galego debería priorizar .

o seu compromiso coa cidadanía na procura dun cambio de políticas e dun cambio de modos que non se produciu. Un feito que estas declaracións non fan máis que confirmar.

Francisco Rodríguez intenta escorrer o vulto, como se a cousa non tivese nada que ver coa formación política que representa, cando cualifica a manifestación de puñalada polas costas ás Consellerías do PSOE. Cómpre lembrarlle ao Sr. Rodríguez que o seu partido fai parte da actual administración galega e ostenta a responsabilidade de Consellerías, como a de Innovación e Industria, con nefastas actuacións ambientais, como tamén se denunciou na devandita manifestación.

Tamén fala Rodríguez desa mobilización como "un totum revolutum" e unha "melé" de intereses variados. Non houbo “melé”, entendida como mestura, senón unha suma de persoas e de inquedanzas comúns. E tampouco aquilo foi un “totum revolutum". Ao contrario, un exercicio de orde, madurez, sensatez, xuizo e seriedade, cualidades estas nas que non se prodigan os responsabeis políticos, máis dados á concesión de privilexios ao mundo empresarial que á necesaria protección do territorio, auténtico motor económico e garante do futuro. Ao Sr. Rodríguez só cabe aconsellarlle un pouco de modestia e memoria. “Honores mutant mores” (as honras cambian os costumes). E as ideas.

Goberne quen goberne
GALIZA NON SE VENDE


4/5 (12 votos)


Comentarios (14)

SIBERIA #1 28/Febreiro/2008 SIBERIA

SI SI, JAJA, hai quen debería lavar a boca antes de respostarlle a Francisco Rodríguez. Calquera colga isto, e listo. Eu fun a mani e flipei, canto liberado, canto político social profesional, canto ideólogo subvencionado. E claro, onde ataca a progresía, á xente do BNG*, claro, nada de rajar da herdanza que nos deixaron, da situación estrutural. Galiza non se vende, non resposta por casualidade a Don Paco Rodríguez persoa que por outra parte non ten obra nin parte en materia medioambiental. Respostan a Paco, dicía, por cuestión das dinámicas internas que se dan nas organizacións que conforman a plataforma. Por máis nada. En vez de investir os recursos mediáticos da plataforma en respostar e atacar a política medioambiental de Patxi-PSOE, que por certo, é o Conselleiro de Medio Ambiente, en vez dixo, digo, atacamos a unha figura representativa do BNG. Curioso ¿non si?

BNG* Por BNG eu entendo a xente que milita no Bloque e non lle da vergoña, nin disimula...

FROUXEIRA #2 28/Febreiro/2008 FROUXEIRA

GALIZA NON SE VENDE SÍ PLATAFORMA NON SE VENDE NON.
Son militante do BNG estiven alí na manifa, pero non me colledes máis.
GALIZA NON SE VENDE MÁIS TAMPOUCO SE COMPRA POLA PLATAFORMA.
APUNTADE BEN AO ENEMIGO POIS ESTADES EQUIVOCADOS E SI NON É ASÍ E QUE MANIPULADES.

ecoe #3 29/Febreiro/2008 ecoe

A cada un o seu, mais as declaracións de D Paco son un tanto irritantes (poido e sabe facelo moitísimo millor cando lle convén)

O bng non é alleo a temáticas como Reganosa (ou hai que lembrervos de xentes excelentes como os Lastra, etc. que se tiveron que ir?).

Obviamente o ambente formalmente está no pesoe.

Sabrexo #4 29/Febreiro/2008 Sabrexo

Canta manipulación! Francisco Rodríguez só dixo que tería sido desleal POR PARTE DO BNG convocar unha manifestación en contra do PSOE. Nada máis, o resto son "interpretacións" de El País, o xornal do Grupo Prisa.

O que si serve este comunicado é para ver os obxectivos de algúns.

FROUXEIRA #5 1/Marzo/2008 FROUXEIRA

Para ECOE : Claro que o BNG non é alleo a REGANOSA, non sei se estas enterado que foi o ÚNICO grupo político que presentou no Parlamento de Madríd medidas en CONTRA da instalación actual e precisamente por FRANCISCO RODRIGUEZ.
Non sucede o mesmo con quen rentabilizou o problema IU, que manipulou moi moito e en Madrid....sempre Madrid...ainda que seña IU non presentou absolutamente nada, sen embargo sí está a defender a instalación de XIXÓN en condicións peores que en Ferrol.OU SEÑA EN FERROL NON E EN XIXÓN SÍ.Podes informarte nas hemerotecas a traveso de internet, nas páxinas de IU ou mesmo de CCOO.Tamén a esquerda española manipula contra Galiza.

Carballo #6 2/Marzo/2008 Carballo

Para FROUXEIRA

Non sei se es de Valdoviño polo de Frouxeira. Pero desde logo de Ferrol non es. Dicir que a planta de gas da ría de Ferrol está mellor situada que a de Xixón raia na memez. Sabes algo de xeografía?

Por outra banda direiche que moitos militantes do BNGas deixaron os seus cargos por non traizoar aos seus votantes tal como fíxoo Jaime Bello ex-alcalde indigno de Ferrol.

Votei ao BNGas pero NUNCA XAMAIS.

¿PLANTA DE GAS FORA DA RIA! Ainda que che pese.

Erasmo #7 3/Marzo/2008 Erasmo

Non vos enfadedes que non merece a pena.

O de Paco Rodríguez é normal: é a primeira lección que lles ven a impartir a tódolos militantes do BNG como dixo nunha entrevista concedida ó Programa Parlamento cando se despedía de Madríd.

Agora vaise adicar a FORMAR OS CADROS que temos en Galicia e que como todos sabemos co-lexislan ata co diaño cando de manterse no poder se trata!

Pois nada Don Paco... que che vaia ben nas túas 'charlas doctrinais' e que teñas moitos 'acólitos' e os deixes a todos coa boa aberta do moito que fixéchedes por Galicia 'pactando co diaño se fai falla' porque eu xa estou moi canso de escoitar parvadas...!

Despois de todo igual consigues xuntarte con Ferrín e resucitades entre os dous o marxismo-leninismo que tanto vos 'enemora'... pero mentres seguides xogando á 'alta política' facedenos o favor de deixar un anaco de territorio para os nosos netos...!!!

Como se nota que algúns sempre lles gustou MANDAR !

FROUXEIRA #8 3/Marzo/2008 FROUXEIRA

Estimado carballo coido que non leiches ben ou non me expliquei ben.
A planta de gas afecta a máis xente no seu entorno en Xixón que Reganosa, ou acaso non hai mesmo perigo?
En canto aos "cargos" do BNG que abandonan polo de Reganosa paréceme ético e coherente coas suas posturas, que por certo nada dixen deles.
O MOTIVO DE FONDO É A POSTURA DE CADA GRUPO POLÍTICO E NON ME DIS NADA DISO QUE É O IMPORTANTE.
IU DEFENDE A XIXON E XOGA COS VECIÑOS DO ENTORNO DE REGANOSA, ISE É O TEMA.
E si fas o favor fala con respeto que eu non dixen que naide fora memo, e ademáis estou en contra de Reganosa na actual ubicación, como o estou de AS SOMOZAS E AS PONTES, OU O ESTERCOLEIRO ATÓMICO QUE TEMOS AO NORTE, outra cousa e que me teña que fastidiar e aguantar, máis sí me revelo contra todo isto ainda que esté todo amañado.
Por riba firmei todos os asinamentos para a liberación do patrón maior e ademáis non son do bloque.Coido que vexo eu as cousas con unha dimensión maior da que tes tí.
Repito co insulto non vas a convencer a naide e ademáis non fago caso de quen así o fai, e é a primeira vez que contesto a alguén que insulta.
E mira outra volta o que escribin e pensa antes de contestarlle a alguén, si non é certo o que escribin demostramo CARBALLO, só describin o que acontece e nada máis.

SIBERIA #9 4/Marzo/2008 SIBERIA

Moi ben ERASMO, só xuizos de valor, non argumentos.
Curiosamente, e en atención a esta discusión, a pltaforma Galiza non se vende, xa fala de qeun debe falar, isto é a persoa competente, o Conselleiro de Medio Ambiente.

Carballo #10 8/Marzo/2008 Carballo

Amigo frouxeira:
Sinto non contestar antes o teu comentario anterior. Crin que Vieiros retirara o artigo.
Antes de nada desculpa polo termo memez. Non pretendía chamarche memo. Entendo que as bobadas e as memeces adóitanas dicir persoas normais e non teñen que ser memos.
En canto a Xixón coméntoche que enviei as miñas alegacións técnicas ás asociacións desa cidade e que no seu día presentei contra a localización de Reganosa. Xa que logo non me etiquetes como que estou a favor da planta de Xixón. O que ocorre e así llo dixen aos de Xixón que moitas das alegacións que expuxen aquí en Ferrol non serven para o caso de Xixón como son: Saída do gasero a mar aberto en caso de urxencia, proximidade das casas aos tanques (aquí 100m e alí 1.500m), base naval (obxectivo bélico de primeira orde), proximidade de Forestal (efecto dominou) etc. Insisto hai tecnoloxía pata situar estas perigosas plantas en alta mar.
Con respecto ao BNGas xamáis os votarei e se podo animarei aos meus colegas para que non o fagan nin mañá nin nunca polo menos que dimitan Paco Rodríguez e o Quintana.
Desculpa se che molestei. Carballo

FROUXEIRA #11 22/Marzo/2008 FROUXEIRA

Carballo estás desculpado e estou ledo da explicación que das sobre a ubicación de Reganosa, que é do que se trata.E moi certo que hai sitios mellores para colocar a Planta. e xustamente o que ti dices son motivos máis que suficientes para non poñela onde está.
En canto o BNG, coido que ten problemas á hora de resolver situacións como a de Reganosa ou as Plantas de Piscifactorias, non por estar no goberno se poden xustificar agresións ao noso medio e que crean situacións de desamparo coa xente afectada.Deben ser exemplo de garantía para Galiza e os Galegos e aplicar políticas de desenvolvemento non agresivas.Deben calibrar o que e mellor e deixar de ser continuistas.Eu non estou de acordo en que se cambie de posicións "según conveña", ou somos ou non.Saude e Saudos.

Erasmo #12 23/Marzo/2008 Erasmo

SIBERIA se queres 'argumentos' igual aquí atopas algún...
http://www.vieiros.com/open/am...

Eu, coma moitos, estou farto de aturar análises da cunquiña... e sempre son os mesmos os que pontifican sobre o futuro (será o deles?)

Xeonllo #13 23/Marzo/2008 Xeonllo

Eu non podo simpatizar con quen, dende a UPG, é apoio firme para que o líder do BNG sexa alguén como Anxo Quintana, que non move un dedo para que os dirixentes e militantes con cargo, e militantes en xeral do BNG, pero especialmente o dirixentes, poñan empeño en falar un galego digno, incluíndoo, por suposto a el. Esta xente di estar empeñada na "normalización lingüística", mais non fan esforzos por eles mesmos non caer constantemente nos mesmos erros elementais cando falan galego.

Xeonllo #14 23/Marzo/2008 Xeonllo

Dá a impresión de que só pensan na moqueta e na poltrona, e o demais só é "música celestial".

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: