Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


¿ Valor ou prezo ?

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de ¿ Valor ou prezo ?

¿ Valor ou prezo ?

Só o necio confunde valor e prezo.  Adicado a tódolos que aínda coñecen o valor das cousas que non teñen prezo.

Enviada por Erasmo Erasmo o 30/07/2008 23:11 ás 2 visitas

Existen lugares máxicos neste planeta moribundo, din por todas partes que debemos protexelos e coidalos, preservalos para as futuras xeracións de homes e mulleres que habiten este mundo… e todos parecemos conformes con este principio de conservación, ata que entra en xogo o poderoso cabaleiro.

Estamos tan afeitos aos prezos que esquecemos o seu valor. Cando nos din que están en xogo os postos de traballo dun par de centos de persoas, adoitamos poñer mala cara e preocuparnos polo futuro inmediato das súas familias e das nosas hipotecas e gastos que vemos perigar ante a inestabilidade laboral.

Pero recórdolles que só o necio confunde valor e prezo. Tendemos á necidade con tal rapidez que custa pensar a medio prazo no valor do que nos xogamos.

¿Canto custa unha fonte de augas cristalinas? Se embotellamos e transportamos as augas do manantial igual represanta unha inmensa fortuna. ¿Canto pagariamos por un lugar máxico no que descansar da angustiosa vida diaria? Se se trata dun balneario de alta montaña ben comunicado e situado nas guías dos mellores tour operadores seguramente pagariamos unha pequena fortuna por ter participacións no negocio.  ¿Canto diñeiro custa reconciliar a nosa alma co noso corpo e ser inmensamente felices? Se estámonos a referir ao Paraíso entón o prezo pode ser infinito.

A nosa necidade é de tal calibre que renunciamos ao Paraíso por unhas poucas moedas que paguen as nosas hipotecas e satisfagan os nosos gastos do mes no supermercado da vida.

Ninguén no seu san xuízo aceptaría tan mal negocio e, con todo, seguimos a empuxar en dirección ao desastre. Se estamos doentes, se a razón non rexe as nosas decisións, se somos capaces de traballar para nosa propia ruína, deberiamos facérnolo mirar…!

O paraíso chámase Parque Natural do Caurel, o negocio coñéceno todos, as canteiras de lousa e os seus postos de traballo. Ún e mailo outro son incompatibles: ou escollemos as  escombreiras estériles nas que xamais medrará cousa algunha, ou apostamos polos soutos de castiñeiros e as devesas frondosas… Ou o ún ou o outro.

Velaquí o dilema: valor ou prezo?

Sen dubidalo nin un momento o Valor! Ninguén que estivese no seu san xuízo deixaría pasar a oportunidade de salvar o paraíso con todo o valor que encerra para homes e mulleres angustiados polas miserias cotiás da vida. Máis que dun territorio estamos falando dun Sanatorio: un lugar no que sanar alma e corpo para sempre cal é o seu prezo?

Fóra cal fóra este prezo deberiamos pagalo, debémosllo aos nosos fillos, debémosllo aos nosos netos, debémosllo aos que construíron coas súas mans prados, bosques de sobreiras e cortizos, debémosllo aos nosos devanceiros, á memoria colectiva de todo un pobo, debémosllo a tanta e tanta xente que poderían chegar a perdelo, que apenas si tocamos a pouco máis dun euro…  ¿Quen non quere o paraíso por un euro?

Non desexaba falar deles, porque matan a alegría e lévannos da man ao sumidoiro da vida, pero quizais teña que falar deles, dos únicos que non entenden de valor senón de prezo, dos que menten ás xentes para conseguiren o seu triste beneficio, dos que enchen as súas bocas con normativas de impactos ambientais en sórdidos despachos, dos que nos din que estamos instalados nun inmenso erro, que a vida é outra cousa, que a vida consiste en pagar a triste hipoteca que eles cobran…

Teremos que dicirlles a estes militantes do desánimo, que o Caurel segue vivo aínda malia as súas intrigas palacianas, teremos que sentarnos na beira do camiño a agardar que pase de longo o escuro acompañamento funerario destes vendedores de tristeza… ¿teremos que gritarlles á cara a súa incompetencia manifesta?

Noutras latitudes homes e mulleres tiveron que tomar as mesmas decisións: conservar o paraíso ou abandonalo para sempre. Non o dubidaron, conservaron aquilo que os conservaba vivos, aquilo que sanaba as súas feridas, aquilo que mantén as fontes da vida, conservaron cada casa e cada aldea, pedra a pedra levantaron coa súa alma as estrelas… e todo volveu renacer naqueles paraísos perdidos...

Saír do dilema fatal: paguemos todos un prezo por aquilo que vale a pena salvar:
Salvemos O Courel, Parque Natural, Reserva da Biosfera, Paraíso Terreal…!

Para os outros, para os que non desexo siquera nomear, sexamos xenerosos e reservémolle un merecido lugar onde descansar, nos cemiterios desta terra ancestral. Pola virtude da terra é posible que renazan sans da súa crueldade, e volvan á vida sendo homes e mulleres felices da recuperación desta máxica canteira outonal.


O Courel. Agosto 2008.
__________________________________________
Fotografía:  A serra do Courel vista dende Froxán.


4/5 (5 votos)


Comentarios (3)

Erasmo #1 29/Agosto/2008 Erasmo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

El Pais faise eco do problema e parece quedar claro que se non fora por Bruselas a estas horas xa non quedaría un castiñeiro en pé...! Agora que furaron o que quixeron disque comezan a facer mineiría de transferencia (en túneis) lástima que leven anos facendo xusto o contrario e ademáis sen licencias.

Veremos: Novidades Técnico Mineiras ? Ou bótalle terra ?
http://www.elpais.com/articulo...

Haberá que seguir traballando para Salvar O Courel das ansias depredadoras do capital insaciable...?

Testing O Courel: festa da biodiversidade o 6 e 7 de setembro 2008

Moi recomendable para aprender a mirar con outros ollos o Courel.

Informacións sobre Transportes - Aloxamentos e o Plan de Traballo.

http://www.insectariumvirtual....">http://www.insectariumvirtual....">http://www.insectariumvirtual.... BB2/viewtopic.php?t=2592

http://www.insectariumvirtual....">http://www.insectariumvirtual....">http://www.insectariumvirtual.... BB2/viewtopic.php?t=2591

http://www.insectariumvirtual....">http://www.insectariumvirtual....">http://www.insectariumvirtual.... BB2/viewtopic.php?t=2595

Salvemos O Courel!

Erasmo #2 29/Agosto/2008 Erasmo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Enlaces :

http://www.insectariumvirtual....
http://www.insectariumvirtual....
http://www.insectariumvirtual....

E se non funcionan tamén aquí podes informarte para visitar o Courel os días 6 e 7 de Setembro.

http://www.verdegaia.org/conte...

O Courel Agarda por tí...!

Erasmo #3 29/Agosto/2008 Erasmo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

SOS COUREL Resposta ao Delegado de Medio Rural de Lugo EN RELACIÓN ÓS INCENDIOS NA ZONA.

Nós, non imos especular, a pesar das faladurías dunha posible vendetta cara SOS Courel, que se difunde dende fai tempo polo Concello, nin polo feito de que os incendios do Courel se produciran no entorno de Ferreirós de Abaixo, o máis grave iniciouse a 700 metros e aproximouse ata os 200 metros desta aldea de tres casas onde vive un dos membros desta asociación, Orlando Álvarez, que foi criticado en algúns medios de comunicación de xeito miserable por o Sr. Emilio López Pérez, que exerce desgraciadamente de Delegado de Medio Rural en Lugo.

Este home tan chistoso, que é capaz de sacar gracias das situacións máis macabras, chegou a sinalar a Orlando Álvarez do seguinte xeito:

"só, sen O Courel, porque é unha asociación moi singular, que parece respostar aos intereses e ás opinións dunha única persoa".

http://www.elcorreogallego...

http://www.galicia-hoxe...

Xa en novembro de 2004, o Presidente desta Asociación, despois de ser sinalado por un sindicalista nos medios de comunicación, sufriu un atentado na tumba familiar; suceso que non foi investigado nin condenado por ningunha institución.

http://www.lavozdegalicia.es/h...

E recentemente fomos atacados de xeito furibundo polo Conselleiro de Medio Ambiente:

http://www.gznacion.com/web/no...

Dende o poder político están envalentonado aos 'tarugos' e logo non poden con eles.

O plan de desenvolvemento para o Courel do Sr Emilio ten dous eixos principais:

1 - Desenvolver o sector da Pedra, así o manifestou publicamente na festa da Pisa de Froxán en decembro de 2005, e por iso, xa antes cando exercía de parlamentario, recriminara duramente ao por entón concelleiro do BNG, Orlando Álvarez, por denunciar a ilegalidade dunha canteira no medio dun río.

2 - Encher o Courel de piñeiros, pistas e cortalumes de terra espida, empregando fondos europeos da loita contra a erosión. Este feito foi denunciado recentemente por SOS Courel o que provocou grande indignación na Delegación Provincial e adláteres forestais. Nós cremos que o Courel xa está completo, e o monte raso ( término despectivo do pasado) non é para arrasar, é para pacer e está protexido pola Rede Natura.

Sobre o operativo “científico-táctico” da Delegación Provincial que actuou nos lumes do Courel:

1.- No primeiro lume fracasou estrepitosamente e de feito arderon 66 hectáreas. O lume atravesou a estrada comarcal de Quiroga, a local de Ferreirós de Arriba e logo con todo o continxente presente volveu atravesar a estrada comarcal por outro punto. O feito de atravesar estradas asfaltadas dá idea dos poucos esforzos que se adican á prevención e a inutilidade de facer pistas no monte. Sen embargo o lume non foi capaz de atravesar as masas de frondosas presentes na zona mentres o piñeiral foi devorado nun intre.

2.- O numerosísimo continxente, a inmediatez do campo de fútbol co seu macro depósito de auga, a retaguardia protexida polo río Lor no fondo do val e a humidade do monte non fan máis que agrandar o estrepitoso fracaso do operativo “científico-táctico” que en ningún momento aceptou o ofrecemento dos veciños coñecedores da orografía do terreo.

3.- Os veciños desanimados polo caso omiso da “Dirección”, acudiron pola súa conta a cortar a fronte abandonada que se dirixía cara a aldea de Ferreirós de Abaixo e conseguiron finalmente, despois de suplicar, a mangueira dunha motobomba e co apoio de varios brigadistas conseguiron paralo a 200 metros da aldea. Seguidamente e tamén apoiados por brigadistas cortaron a fronte no río Ferreirós e a que se dirixía á ponte de madeira das Arandainas, evitando que o lume cruzara para as aldeas de Sobredo e Seceda. Neste grupo de catro veciños, todos eles de Ferreiros de Abaixo e da mesma familia, estivo traballando Orlando Álvarez.

4.- Mentres a maioría dos efectivos permanecían concentrados ao redor da “Dirección”, onde xa se incorporara o Delegado Provincial, o lume colouse pola beira da estrada cunha fronte de menos de 15 metros e unhas chamas ridículas a menos de cen metros do operativo, e queimou unha parcela entre a estrada Comarcal e o río Lor de 10 hectáreas, este despiste costou un día máis de lume coa intervención continua dos medios aéreos e tivo que ser cortado o subministro eéctrico.

5.- Denunciamos que ordenaron sucesivamente, unha vez que se ían extinguindo as frontes, queimar restos de parcelas que quedaban sen arder coa escusa de facer cortalumes de seguridade, sen ter en conta que se trataba de vexetación protexida pola Rede Natura.

6.- Non se pode entender como a motobomba da Xunta que chegou dende Folgoso, a que estaba máis preto do lume, non puido funcionar por estar avariada, según manifestaba o seu conductor. Tamén a motobomba que se accidentou, saíndose da estrada e que foi monte abaixo a parar nun regato, cando circulaba pola comarcal LU 651 en dirección a Quiroga, parece que sufriu unha avaría pola que se lle bloqueou a dirección e perdeu o control nunha recta, tal e como manifestou tamén o propio conductor aos veciños que o rescataron.

7.- Recoñecemos que nos dous lumes seguintes as brigadas de retén actuaron con rapidez e contundencia, o cal demostra que no primeiro lume non había ninguén atento no Courel ó que puidera pasar cos lumes, e logo presúmese da vixiancia vía satélite, cando a cunca do Lor goza de unha visibilidade óptima dende os Ancares ata Manzaneda e dende o Cebreiro ata a Ribeira Sacra. Pensamos que se debe dotar ao Courel dunha vixiancia efectiva, e non deixar que cada lume se coma 66 hectáreas dun espacio de tanto valor natural.

8.- Canto antes poidamos, presentaremos unha queixa na Comisión Europea para denunciar a desfeita ilegal que se está a producir nos montes do Courel, obra que o Sr delegado cualifica como 'saneamento forestal'.

Saúdos

SOS Courel, 29 de agosto de 2008

Teléfono 607 22 58 87
soscourel@mundo-r.com

Salvemos O Courel !!!

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cando aínda se sentía latexar a Terra…