Vieiros

Vieiros de meu Perfil


AVENTURA NA UNIDADE DE COORDINACIÓN DA DEPENDENCIA DE COMPOSTELA

A principios deste mes de maio, tivemos que acompañar a un familiar a Unidade de Coordinación da Dependencia situado nas instalacións que posúe a Xunta en Área Central no polígono de Fontiñas (Compostela). Co que non contábamos, era coas poucas facilidades que se lles brinda, aos cidadáns que se miran na obriga de acudir a esta delegación autonómica para -paradoxicamente- valorar o seu grao de discapacidade.
En primeiro lugar bótase en falta a ausencia dun maior número de prazas de parking específicas para aquelas persoas con problemas de mobilidade que acuden específicamente a Unidade de Coordinación , xa que me temo que non hai máis que as existentes para os usuarios e clientes da propia Área Central. A esa deficiencia hai que engadir as pequenas proporcións dos ascensores que comunican a planta baixa co 2º andar no que se sitúa dita Unidade, xa que ditos elevadores apenas posúen espazo suficiente para que unha persoa en cadeira de rodas poda manexarse con facilidade no seu interior se fora preciso.
Posteriormente chegamos á unha ateigada oficina onde se atopa o Equipo de Valorización de Minusvalía (a quen agradecemos o seu excelente trato), que precisamente tampouco destaca por contar nen cunha entrada que permita acceder facilmente a unha persoa con muletas ou cadeira de rodas (supoño que en moitos casos máis dun usuario precise da axuda de terceiras persoas para entrar ou sair) - un sistema de apertura automatizada, das que se abren sóas ao detectar a nosa presencia, creo que sería o idóneo-; nen unha sala de espera o suficientemente ampla como para evitar facer erguerse ou apartarse as persoas que alí se atopaban esperando sentadas, cada vez que tivemos que cruzar o corredor coa cadeira de rodas, xa que apenas había espazo para pasar entre a escasa dúcea de bastos butacóns alí dispostos (pouco funcionais e insuficientes por certo).
Pero o máis triste aínda estaba por descubrir... Aproximadamente dúas horas de espera dan para moitas cousas, entre elas para ter a necesidade de facer uso do lavabo... e como se pode entender que no ano 2010 -despois de levar xa tempo instando e obrigando a sectores como o da hostelería, a habilitar rampas e servizos adaptados para persoas con mobilidade reducida-que a propia Administración se “lle pase por alto” non contar adaptadas? Nun tipo de local da propia Xunta onde precisamente, dado o perfil de moitos dos cidadáns que por alí pasan para ser valorado o seu grao discapacidade, aspectos como a accesibilidade ou a comodidade deberían ser un modelo a imitar, e non todo o contrario.

Enviada por cenlumes cenlumes o 21/05/2010 12:01

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: