Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Revista Galega de Historia

25 de xullo. A patria viva!

12:15 24/07/2007

Imos camiño de celebrarmos o centenario do Día da Patria Galega. Era alá polo 1919 cando o movimento irmandiño en defensa da lingua e patria galegas marcaba o 25 de xullo como data de “...lembranza da Patria natural que dende antigo, como agora e sempre, ha ser a única patria verdadeira...” das galegas e dos galegos.

Aquel nacionalismo de inicios do pasado século, que viña de acumular experiencia e forzas nunha outra etapa previa (de proto-nacionalismo ou nacionalismo natural e intuitivo), sabía da necesidade de se autoorganizar a nazón, mais tamén o movimento na súa defesa. Así foi que lles tocou criar aos irmandiños aparato organizativo, así como criar e recriar referencias cronolóxicas e temporais, de carregado simbolismo patriótico, caso do 25 de xullo. Após aquela etapa, foi o soberanismo dos anos trinta, con Bóveda e Castelao á cabeza, mais, sobre todo, ao que se reartellou en plena ditadura franquista a partir de meados dos sesenta, o que debuxou os trazos referenciais do noso actual Día da Patria.

Unha data na que lle amosar ao mundo que estamos en pé, que existimos, que somos. Hoxendía, ao igual que aquelas e aqueles que tiñan a lingua como bandeira nacional, queremos simbolizar no noso Día Nacional que a Galiza fica viva; que o pobo galego é consciente da situación de dependencia nacional secular na que fica e que exixe e traballa pola súa emancipación.

O avance real do proceso de autodeterminazón no noso país e o recoñecimento da libre decisión do noso pobo é máis urxente ca nunca, en canto máis deteriorada ca nunca esta a nosa realidade nacional (lingua, economía....). Nesta orde de cousas, cómpre volver ao didactismo de décadas atrás; cando en case todo ámbito onde había un/ha nacionalista había alguén que, ás máis das veces con palabras sinxelas, doadas de asimilar, explicaba e explicitaba a quen quixer atender por que o nacionalismo reclamaba a soberanía nacional, que realidades cria a dependencia e que efeitos práticos conlevaría a independencia nacional (alén da restituizón dos dereitos históricos da Galiza e o desenvolvimento dun sano exercicio de dignidade colectiva, que non sería pouco).

Mais para isto hai que crer na necesidade e posibilidade real, con etapas delimitadas, obxectivos a corto, medio e longo prazo, dun proceso que remate coa consecución da emancipación nacional da Galiza; entendendo que só as batallas que non se libran son as que, de partida, fican perdidas.

Así, pois, e diante dun outro 25 de xullo somos conscientes do fito que representa “a nosa data”, un fito que marca un antes e un despois en canto que remata e comeza un novo curso e, aínda que só sexa por convencionalismo, estamos diante dun punto de cesura. E nesta orde de cousas, após a avaliación necesaria da realidade, novos reptos son os que lle toca asumir ao nacionalismo galego ligados ao devandito proceso de autodeterminación. Entre todos estes reptos, unha materia pendente segue sen atinxirse por parte do nacionalismo sendo fundamental para todo movimento: acrescentar a súa introduzón e influencia social –real, non epidérmico-institucional....- sen perder/abandoar a súa substancia ideolóxica. Unha substancia sen a que non sería o que foi o nacionalismo e sen a que non sería na actualidade o que se di ser. E é que tórnase máis necesario ca nunca acrescentar a base social, mais necesario tamén manter o perfil popular, de esquerda e netamente soberanista disto que coñecemos por nacionalismo galego.

2,96/5 (26 votos)


Comentarios (7)

ecoe #1 24/Xullo/2007 ecoe

A ver qué resta da dirección do actual bng si se mide cos, mínimos, criterios aquí enriba expresados

Gaviotero #2 24/Xullo/2007 Gaviotero

No me entretengáis a Quintana ahora, ¡coño!, que está calculando cuántos años más puede durar de Vice con su secretaria, su coche oficial y su sueldazo aunque sea a costa de enviar el galleguismo a la basura, para convertirse en el bufón necesario del socialismo burgués del PSdeG.

Sacho #3 25/Xullo/2007 Sacho

Isto Gavo já io sabemos mas os mestres (ou masters) são os teus porque enquanto o roubo, frude e corrupção Fraga e súbditos fizerom escola e serão estudados a tal próposito desde Eton até Yale para desgraça e miseria dos meus e teus.

carlosroca #4 26/Xullo/2007 carlosroca

Curiosisima obsesión dos militantes do PP sobre os soldos e recursos dos cargos públicos. Fraca memoria do que era antes.
Que pouco agradecidos son, por exemplo, co recoñecemento que se lle ao dinosaurio político Fraga, que non merece nin un día de soldo por vender a Galiza a chachiños.

En fin que xa coñecemos a tese do PP e a súa proposta programatica. Os cargos públicos en bici, sen móbil e sós, que se resolvan eles as súas cousas, faltaría máis...

ecoe #5 26/Xullo/2007 ecoe

PePeiro?: ó carroñeiro ave da merda urbana, eses, quédanlle ben á esquerda!

maruxo40 #6 27/Xullo/2007 maruxo40

Que rancio, por favor.
Qué deterioro existe na nosa realidade económica nacional? A taxa de paro dun 7,57%, a máis baixa en 20 anos??
Renovación si, pero de ideas e de totems.

ecoe #7 27/Xullo/2007 ecoe

E logo imos autoenganarnos ca piruleta da taxa do paro? Qué cousa é o que ela indica?

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Uxío

Uxío-Breogán Diéguez

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, (Madrid, 1978). Licenciado en Historia pola USC, é director da revista Murguia e membro da Xunta Reitora da Fundación Alexandre Bóveda. É especialista na historia do nacionalismo galego na II República. Ten publicado diversos artigos e libros sobre esta temática