Nos primeiros anos 90 houbo unha formación de rock en Cerceda que se facía chamar Os Desertores do Arado. A banda acadou certa sona na redonda e, coma tantos grupos naqueles tempos difíciles, desapareceu antes de alumear un primeiro disco. Descoñezo as razóns polas que elixiron o nome. Porén, aquel berro era unha poderosa metáfora do que acontecía no país.
A diáspora, que comezara anos antes, acelerouse a fondo coa entrada no mercado europeo. Galiza tiña 100.000 explotacións leiteiras e todas xuntas, dicían, non acañaban á peor das francesas. Chegou a prédica da reconversión. Pouco a pouco, os paisanos foron depositando as súas vellas armas de guerra. Entregaron gabillos, grades, caínzos e legóns baixo a supervisión das potencias estranxeiras.
Os nosos non o tiveron tan difícil, na corte só había dúas vacas do país que un día de tetos secos colleron, non sen algunha bágoa furtiva, o camiño do matadoiro. Os que tiñan algo de mundo, ou iso lles parecía, daban boria polas tabernas, repetindo o discurso oficial. Seica non había que ter medo. Facían reconto en voz alta:
- Na parroquia hai duascentas casas con vacas. Dentro duns anos quedarán cento e pico pero esas van ser ben fortes e non miserentas como agora. Eu estiven en Alemania e aló non pasan nin a metade de traballo e ganan o dobre.
Algún rechinaba o dente, outros asentían e a maioría limitábase a moular canda o viño uns bocados de incertidume. Dende aquela xa pasaron dúas décadas e na parroquia poucas máis quedan que vinte casas con vacas. O resto son cartillas que peregrinan a principios de mes buscando a escasa paga da agraria.
Unha xeración enteira aprendeu a muxir outros tetos no polígono da Grela, nos tellados de Fuerteventura ou, tempo despois, amoreando o lixo que chegaba a feixes á incineradora de Sogama. Foi unha reconversión muda nun tempo de cemento e uralita que aínda estamos amortizando.
Na miña aldea, cada casa (unhas 40) tiñan vacas, sempre máis de 10, así que canto menos, habería preto das 400 ou máis. Hoxe, só hai en dúas casas. O resto, son vellos xubilados (a maioría mirando casas de aluguer na vila para estar preto do médico), tres ou catro rapazotes e unha soa nena. Hai 10 anos, ían a escola desa soa aldea 50 rapaces. Hoxe, unha soa nena duns 12 anos. O rural morre e con el a sabiduría popular, a toponimia, a tradición no traballo, o traballar a terra, o coidado do monte, as lendas, os contos, o bo viño... pérdese unha xeración e un algo noso, dos galegos. A min, dáme mágoa aínda escoitalos falar dos vellos tempos porque aquel barrete (que lle din eles á aldea) non se parece en nada.
Quen quedarán nas aldeas logo de 30 anos? Nesta, en particular, ninguén. Hai 1o anos tiña máis de 200 persoas. Hoxe, non chegan a 50, nin a persoa por casa.
Mudarase algunha vez esta tendencia?
Noraboa, logo, polo artigo.
Xurxo
Xurxo, na Galiza não há nem houve uma vontade de melhorar o que havia, a vontade foi a de impor um modelo que não se ajeitava a nós. E assim nos foi e nos vai. Se a gente marcha para a cidade é porque tem motivos: laborais, sanitários, sociais. Esses motivos foram criados pela ordem económica e social que foi gerada politicamente na Galiza. Se se tivesse feito de outra maneira, seriamos outros. Como reconstruir agora o perdido? Como invertir a tendência? Como recuperar, como manter o pouco que nos resta, como sobreviver?
Talvez sendo um pouco mais coerentes dentro do nosso âmbito de actuação?
Ramón Vilar Landeira (Rodís-Cerceda, 1973). Director de Vieiros. É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Antes de asumir a dirección de Vieiros, traballou como redactor en La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Outra faceta súa é a literaria. Como escritor en lingua galega obtivo diferentes premios de poesía e narrativa.