Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


Cando o tamaño importa

11:30 10/08/2007

Pois si que se ten debatido a cuestión sen chegar a unha conclusión definitiva. Pero tiñamos que ser nós os que déramos coa solución definitiva, o pobo que se avergoña do minifundio desprezando séculos de historia agronómica. O tamaño importa e de que xeito; vexamos algún exemplo.

Poñamos por caso que vostede é un deses paisanos amantes dese fenómeno denominado pola fermosas xentes urbanas como “feísmo”: ensaia formas imposibles con ladrillos, fibrocemento e, poñamos por caso, tambores de lavadora, aluminios reutilizados, acadando solucións prácticas a baixo custe. Vostede é un cateto, está inmerso na cultura do “feísmo”. Ben, nada máis lonxe da realidade, vostede o que pasa é que o fai a pequena escala: o que debe facer é arrasar unha serra enteira cun parque eólico (que poden ser dous ou máis sobre o papel), cruzala de pistas e plantarlle un combustible eucaliptal ou piñeiral. Iso é bonito e produtivo. Incluso pode que lle subvencionen todo. Ou pode facer o Plan Xeral de Ordenación Municipal de calquera concello, canto máis grande mellor, con formas aberrantes: vostede é un planificador, un xestor, un político modélico. Pode incluso facer un Palexpo, unha cidade da cultura, ou do mar, tanto ten: vostede si que está na onda. De facer algo, hai facelo ben grande.

Tamén pode vostede ser un furtivo paisano que baleira media cuba de “purín” no regato. A autoridade competente vaille poñer unha multa que o deixa tremendo ata o día da xubilación. Pero se vostede é un Concello, de novo canto máis grande mellor, pode verquer directamente ao mar ou ao río, poñamos por caso a porcallada semilíquida de 10.000 persoas. Igualmente podería ser un empresario e non depurar nada, verquer e listo; neste caso se vostede ten 100 empregados para usar como escudos humanos mellor que se ten 10, poñamos por caso.

É posible que sexa un simple domingueiro coa feliz ocorrencia de arrincar unha rama de acivro, de novo a autoridade competente irá a por vostede, máis se dirixe toda unha consellería pode perfectamente arrasar media serra con buldozers - mesmo se está na rede Natura 2000 e contén especies en grave risco de extinción e protexidas pola lei - e inzala de eucaliptos. Non é un exemplo posto ao azar: serra do Careón.

Un pequeno propietario é moi posible que se vexa metido en problemas se transforma as uces da súa leira, pero se vostede é a Deputación da Coruña pode perfectamente facer un paseo marítimo sobre a rede Natura 2000 co visto bo da Dirección Xeral de Costas e a pasividade da Consellería que debe velar polo medio ambiente. Vaian ó Pindo e verán. Alí tamén saben.

Non se lle ocorra pasear por un coído e coller unha pedra para empregar como bonito pisapeis na casa, non: tal falla de ambición debería estar penada pola lei. O que realmente está ben, é coller media Serra, como, poñamos por caso, a do Caurel, facerlle un burato tipo donut e meterlle dentro canteiras a ceo aberto. Iso si que está ben.

Se o que lle gustan son os ríos, oia, quite esa idea da cabeza de levar unhas troitiñas que non dean a talla para fritir na casa: o que debe facer é montar unha compañía enerxética e así o río enteiro é seu e fai o que queira.

Pero se a vostede o que lle vai é o litoral que nin se lle pase pola cabeza poñer un galponciño con churrasqueira para os domingos en familia, iso é un atraso. O que debe facer é poñer unha macropiscifactoría (con subvención), unha urbanización xigantesca ou os xa comentados paseos marítimos. E non que non se lle ocorra furtivear medio berberecho: o que debe facer é montar unha multinacional da pesca e arrasar os mares de todo o planeta sobreexplotando todo tipo de caladoiros e de paso maltratando a traballadores en todo o globo; se fai iso, non só non ocorre nada senón que o consideran un pilar da economía local.

En definitiva, hai que ter ambición, facelo todo ao grande: neste país o tamaño importa. Xa o creo.

4,66/5 (44 votos)


Comentarios (9)

Cesare #1 10/Agosto/2007 Cesare

;) moi ben, mozo

xacataca #2 10/Agosto/2007 xacataca

Xenial, simplemente xenial.

moledo #3 10/Agosto/2007 moledo

Zonas como Minho, a Marinha, Rias Baixas foram, e são, devastadas pela construção incontrolada de particulares com a anuéncia dos Concelhos. Qualquer outeiro, aba, leira, do nosso pais é susceptível de ser construido por um particular com uma boa casa, grande, bem grande, com vistas, valado, e caminho próprio. Todo o pais está assim, e é um facto. As sandices da Voz de Galicia com o seu "feismo" e demais ervas não tiram à irresponsabilidade e agressão à paisagem de particulares com os quais não se deveria ser mais indulgentes, a estes efeitos, por serem cidadãos do comum ainda que se passem legalidade pelo forro. Que as grandes corporações espoliadoras façam destroços numa escala muitíssimo mais grande não exime a generalizada desfeita provocada por particulares tão condescendentemente tratada neste artigo. O maniqueísmo popular não é bom conselheiro do ambientalismo.

xacataca #4 10/Agosto/2007 xacataca

Aínda que pareza unha contradición, concordo plenamente co que di moledo ... mais o texto de Pumariño é, simplemente, xenial.

OBSERVADOR #5 10/Agosto/2007 OBSERVADOR

O artigo está bem, até é engraçado, dentro da sua tristura. Só um par de cousas: deveria dizer PIAR (não "pilar") e deveria não usar frases castelhanas como "ya lo creo", ainda que lhe dê forma agalegada. É feísmo linguístico, como colocar pias de cemento armado no litoral canguês...

Cesare #6 10/Agosto/2007 Cesare

Observador, vostede sempre tan atinado...

Non sei se o autor quixo ser condescendente (non me parece que defenda a corta de acivros), pero a insistencia no "problema" do feísmo é, cada vez máis, un escrúpulo de clase.

ecoe #7 10/Agosto/2007 ecoe

Ademáis si grande, a lei protéxeo e ...impune!

OBSERVADOR #8 10/Agosto/2007 OBSERVADOR

Cesare, você conhece o campo francês ou o alemão? Pois se o conhece, compare e depois diga-me se o feísmo é ou não é um problema de todos.

Fendecroios #9 23/Febreiro/2008 Fendecroios

Bordachelo.
Esa e a puñetera e noxenta realidade.
Parabens Xabier.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vázquez Pumariño

Xabier Vázquez Pumariño

Naceu en Lugo e vive en Santiago de Compostela. Biólogo, traballa coma consultor ambiental e leva máis de vinte anos vencellado ao movemento ecoloxista.