Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


De soldos e ética na política

09:30 14/08/2007

Loli Rodríguez, secretaria xeral de Xuventudes Socialistas, isto é a organización xuvenil do PSdG-PSOE, é a autora dun extenso, pero pouco edificante, artigo de opinión que viu a luz recentemente en Vieiros, baixo o título de "De política, soldos e ética".

O texto podía sintetizarse do seguinte xeito:

Primeiro, os cargos públicos por asumiren a responsabilidade de decidir en que se gastan os cartos de todos deben estar ben remunerados, ao igual que os traballadores deben optar a salarios "xustos" (a diferenza semántica non é nen moito menos casual).

Se se fala das retribucións dos cargos institucionais non debemos comparar estas cos salarios doutros postos (non vaia ser que comparando, inda coa xusta ponderación, o escándalo sexa a resposta máis suave).

Aos que afirman que na política só se entra para "chupar cartos" Loli Rodríguez anímaos a entrar nela… ocurrente solución. Eu pola contra teríalles argumentado, con sólidos exemplos, que esa xeneralización é inxusta e falsa.

A moza socialista aponta tamén unha posíbel fórmula para determinar os salarios dos Alcaldes: proporcionalidade en función da povoación, do orzamento… (sen comentarios).

E tras esta pequena introducción a lider da XSG entra a fondo no tema que era en realidade a causa que fundamentaba o seu artigo: atacar á nacionalista Encarna Otero por ter manifestado esta a súa oposición á disposición adicional 17ª da recén aprobada Lei da Función Pública, pola que se establece un complemento retributivo para os altos cargos da Administración de 14.721 euros até a súa xubilación, a través dun artigo de opinión no que a Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda da Xunta de Galiza, chamaba á insubmisión política e económica a esa medida, por conciencia e ética.

O chamado á insubmisión ao aguinaldo de case quince mil euros anuais molestou nas filas socialistas. Ricardo Varela, ironizaba co posíbel carácter delictivo desa desobediencia, ao tempo que o incombustíbel Méndez Romeu cargaba as tintas contra Otero. E tras comprobar que os misís mediáticos dos pesos pesados non solventaron a polémica social criada, Loli Rodríguez serve de avanzadilla da guerra de guerrillas contra o sentido común.

Quero aplaudir a valentía política de Encarna Otero por poñer luz pública nun asunto que probabelmente non tería trascendido das paredes do Parlamento, e por atreverse desde a súa posición a denuncialo.

Afirmar obviedades é do xénero bobo, por iso tentarei non facelo. É obvio que todas e todos comprendemos que os responsábeis políticos/institucionais deben percibir polo seu traballo unha retribución xusta. Ese non é o debate, pese ás intencionadas piruetas de Rodríguez, que tiñan como obxectivo confundir.

Pero o que non é defendíbel de ningunha das maneiras, en ningunha circunstancia e sen excepción é que se fixe un complemento salarial que supera o dobre do que un traballador percibirá ao longo dun ano completo co salario mínimo interprofesional de 600€, e que se sumará ao soldo do posto que ocupe o ex alto cargo, criando ademáis unha discriminación fronte ao resto de persoas que inda desenvolvendo ese mesmo posto non cobrarán ese complemento.

A Presidenta do Consello da Xuventude de Galiza, que o é grazas a un oscuro pacto coas Novas Xeracións do Partido Popular, afirma que non admite "leccións de ética". A humildade en política ás veces consiste en sinxelamente estar disposto a receber leccións, e coido que a humildade é requisito sine qua non para adicarse ao servizo público, que non profisión, que debe ser a política.

Deixemonos de demagoxia e bravatas, e sexamos honestos. E con honestidade ¿alguén me pode explicar,como mozo traballador que non chega nen a mil eurista, porque un ex director xeral debe cobrar un complemento case vitalicio que é máis do que eu cobro ao ano? ¿alguén llo pode explicar ás persoas que sobreviven cun RISGA ridiculo que os situa ao borde da exclusión social? ¿e aos nosos maiores con pensións non contributivas? ¿e ás familias que malviven coa axuda familiar ou o subsidio de desemprego? ¿cal é o concepto, a razón ou a xustificación dese sobresoldo que pagamos todas e todos? Iso Loli Rodríguez non o contesta, cecais porque a resposta non é aceptábel socialmente: sinxelamente non hai ningunha razón.

Non estamos a criticar o salario que cobre un alto cargo no exercicio das súas responsabilidade, inda que pode exisistir esa crítica. O que algúns sostemos é que non é aceptábel que unha vez que deixe de ostentar esa responsabilidade se lle asigne unha "paga" extra anual de quince mil euros.

¿Alguén dúbida de que se se ten un mínimo de ética política a disposición adicional 17ª é algo inasumíbel? Eu, como a maioría social, non o dúbido.

3,79/5 (29 votos)


Comentarios (4)

OBSERVADOR #1 14/Agosto/2007 OBSERVADOR

Será que não o duvidas (ou "dubidas" ou "dubido"). Palavra grave, não esdrújula ou proparoxítona. Muda isso que ainda te vai ler um cómico e faz-te um comentário engraçado.

Vós e as vossas liortas. O bífido bipartido a debate. Pois claro que a Encarna tem razão. Ora, nem penses que o BNG é melhor porque a Encarna seja uma senhora como é devido. Também ao próprio partido lhe está a puxar das orelhas Encarna.

Ou não foi aprovada por todos a adicional 17ª?

breixoak #2 15/Agosto/2007 breixoak

A gratificación dos 14.000 euros anuais para altos cargos fíxolle moito mal ao Bloque de cara a opinión pública. Estou convencido que é un dos maiores erros da lexislatura. E digo ao BNG porque quizais era do único que se esperaba que chegara para servir e non para servirse. Son nacionalista, votei sempre Bloque, pero creo que a organización debe reflexionar sobre asuntos coma este. Moitos, moitos, non gañan en Galiza ese salario en todo o ano. Como se lle explica isto á xente? Por exemplo eu son profesor, noménanme director xeral e aos 40 anos saio da Xunta. Durante os 25 anos que me queden até a xubilación vou cobrar, ademais do meu salario de mestre, outros 350.000 euros polo morro.

breixoak #3 15/Agosto/2007 breixoak

Veño de facer a conta coa calculadora e aínda peor: 14.721 * 25= 368.025 euros. Sen sumarlle a suma do IPC cada ano. Non Santísimo Sacramento, que diría o outro.

ulo #4 17/Agosto/2007 ulo

Esta ben, o artigo da XSG é unha xustifiacion dunha lei insultante para os traballadores e as traballadoras que se deixan a pel todos os días nos centros de traballo. Vale a crítica.
Pero si Encarna Otero pensa que iso é inxusto, que o é, porque segue no goberno que aproba a lei???, e limitase a un chamamento a que os demáis a "desobediencia civil". Que comence ela, dimitindo do goberno. Iso é coherencia, e o demáis saúdos a bandeira.
E isto é tamen vai polo autoro Xabier Perez: deixense de saúdos as bandeiras, e fagan o que teñen que facer, romper cun goberno que só esta a facer o mesmo que faria o de Fraga; para iso non os puxemos na Xunta.
Que goberno o PSOE en minoria, apoiandoos no que sexa necesario para evitar co PP volva o goberno, pero non se pringuen no goberno de conxunto; porque, que eu saiba, un goberno é responsable colectivamente do que fai; no vale dicer, eu non fun, foi Touriño.
Touriño é o Pte, pero Quintana é o Vice do MESMO GOBERNO.
Non engañedes a poboacion, que a poboacion non é tonta, como o demostrou nas ultimas eleccions municipais onde o BNG perdeu 11 mil votos -foi un aviso a navegantes-.
A cuestion non é tocar poder, a cuestion é para que se toca poder, que de éxito tamen se morre.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pérez Igrexas

Xabier Pérez Igrexas

Xabier Pérez Igrexas (Vigo, 07/08/1984) é ex-secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes e foi Responsábel Nacional de Ensino Meio da Dirección Nacional de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG). Foi membro do Consello Escolar de Galiza e representou aos CAE no Consello da Xuventude de Galiza. Pertenceu ao Consello Local e Comarcal do BNG de Vigo.