Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O Estado non inviste en Madrid

13:35 24/09/2007

O uso das fontes estatísticas non é cuestión que xere grandes consensos entre os economistas. Por un lado existe diverxencia de opinión en canto á idoneidade dos métodos de análise utilizados; polo outro, as interpretacións que duns mesmos dados se fan son a miúdo sesgadas e parciais –segundo os apriorismos de cada quen.

O caso que nos ocupa inclúese, ao noso entender, no segundo grupo e ten a ver cun aspecto de moita importancia para o desenvolvemento económico dun país como é o do investimento en infraestruturas físicas. Recentemente, nunha análise publicada por La Voz de Galicia, facíase referencia aos dados que vén de presentar a Fundación BBVA onde se da conta, entre outros moitos aspectos, da evolución do stock de infraestruturas nas distintas comunidades autónomas españolas (*).

Fiel á liña editorial do xornal, no artigo resáltase que o crecemento do stock en infraestruturas rexistrado entre 1965 e 2004 foi inferior en Galiza á media española. Contrástase ese dado coa evolución que tivo esta mesma variábel en Cataluña e Andalucía (só nesas dúas CC.AA). Nestes dous últimos casos, particularmente no primeiro deles, o crecemento do stock en infraestruturas tería sido superior á media Estatal. Constatan por tanto estes dados o consabido déficit en infraestruturas do noso país e reforzan a hipótese da débeda histórica do Estado con Galiza en materia de investimento público. Por contra, poderíamos entender que as comunidades autónomas arriba indicadas terían sido favorecidas polas políticas do Estado.

Admitindo os dados anteriores como certos, xorden unha serie de interrogantes que quizais é necesario responder para obter unha imaxe máis fidedigna da realidade que se pretende analisar. ¿Que acontece co resto de CC.AA? ¿Podemos distinguir pautas periódicas nese investimento? Contrariamente ao que se podería esperar, estas preguntas teñen fácil resposta. Abonda con botar un ollo á mesma fonte de dados utilizada no artigo referido.

Permítannos, iso si e antes de nada, indicar que para interpretar correctamente estes dados temos que ter en conta unha serie de aspectos que, se ben se poden obviar nunha primeira aproximación, matizan a fotografía final. O primeiro deles refírese ás diferenzas nos niveis de partida no stock; non falamos de quen máis ten, senón de como evolucionou no período indicado. O segundo é o da evolución da poboación así como as pautas de asentamento no territorio. As necesidades de infraestruturas varían dacordo co crecemento da poboación (ollo!, e ao revés, a dotación de infraestrutura atrae poboación). En terceiro lugar tamén hai que ter en conta que un mesmo stock de infraestrutura pode, na práctica, ofrecer servizos de peor calidade. A modo de exemplo, un quilómetro de autovía non custa (de media) o mesmo en Castela León que en Galiza. Finalmente, o tipo de infraestrutura no que se inviste (aeroportos, portos, estradas, etc) condiciona o impacto sobre o desenvolvemento económico. Aínda así, como dixemos, para unha visión xeral podemos cinguirnos á variación do stock.

¿Onde medrou máis o investimento en infraestruturas?

Atendendo aos dados da Fundación BBVA, foi a Comunidade Madrileña a que rexistrou un maior crecemento do seu stock en infraestruturas entre 1965 e 2004. O mesmo multiplicouse por 12 en termos reais. Séguenlle as Illas Canarias, as Illes Baleares e a Comunidade Valenciana. Hai que subliñar que o crecemento de Madrid foi vertixinoso, concretamente 447 puntos por riba da media española, 327 puntos por riba de Cataluña e 579 por riba de Galiza. As CC.AA onde menos medrou o investimento foron Castela León e Asturias. Euskadi tamén estaría, por certo, nese furgón de cola da evolución do investimento en infraestruturas nos últimos corenta anos. O stock madrileño medrou especialmente no apartado de infraestrutura aeroportuaria e sobre todo na infraestrutura urbana. En ámbolos dous casos duplicou o crecemento catalán. En comparación co caso galego o crecemento do stock madrileño multiplicou por 10 ao galego no eido das infraestruturas aeroportuarias, por catro no caso das ferroviarias, por máis de 2 no caso da infraestrutura urbana e por 3 nas infraestruturas hidráulicas públicas. O stock galego só medrou máis que o madrileño no caso das infraestruturas viarias e, isto non é o sorpresa, nas infraestruturas portuarias.

grafica 2


¿Cando medrou o investimento en Galiza e cando o fixo en Madrid e Cataluña?

En base aos anteriores índices, para os que grazas ao grande traballo da Fundación BBVA temos tamén dados anuais, podemos ver en que períodos o investimento medrou máis ou menos que á media por comunidade autónoma. A efeitos de simplificación compararemos os casos galego, catalán e madrileño. Se dividimos os corenta anos en 8 períodos diferentes de 5 anos (en realidade o último sería de 4: 2000-2004), observamos que o investimento en Galiza estivo por debaixo da media española en 5 deses períodos. Concretamente estos períodos coinciden cos últimos anos da ditadura (onde o diferencial é certamente elevado), na segunda metade dos 80 e entre 1995 e 2004 (sobre todo entre 2000 e 2004 cando o diferencial volve a medrar sensibelmente). En canto á Comunidade Catalana o investimento foi inferior á media española en 3 dos 8 períodos. Foino na segunda metade da década dos 70 e nos anos 80. O crecemento foi sen embargo particularmente elevado nos últimos anos da dictadura sendo nos outros períodos non moi superior á media española. Para rematar, o caso Madrileño chama a atención por ter rexistrado unha evolución por riba da media española en tódolos períodos analisados agás nun (a primeira metade dos 80). O crecemento do stock en infraestruturas foi moi forte entre o 65 e o 75 e volveuno a ser na segunda metade dos 90 e a primeiros do século XXI (é dicir, na época máis recente).

Poderiamos afondar na nosa análise moito máis aínda pois, como xa indicamos, os dados da Fundación BBVA constitúen unha fonte estatística de enorme riqueza. Aínda así pensamos que co indicado abonda para tirar dúas conclusións moi simples:
O stock de infraestruturas en Galiza medrou por baixo da media Española nos últimos 40 anos. Foron especialmente negativos os últimos anos da ditadura e os que van de 2000 a 2004.
Ao contrario do que se soe dar a entender, non é Cataluña senón Madrid a que lidera (e de que maneira!) o crecemento do investimento en infraestruturas no Estado Español. O crecemento madrileño foi especialmente elevado nos últimos anos da ditadura e tivo un “revival” dende os 90 até hoxe.

grafica 1


Agora, cada quen cos seus “apriorismos”, que formule as súas conclusións.

(*) Fundación BBVA (2007); El stock y los servicios del capital en España y su distribución territorial (1964-2005). Nueva metodología. http://w3.grupobbva.com/TLFB/tlfb/TLFBindex_pub.jsp

4,67/5 (24 votos)


Comentarios (10)

Sara_Mago #1 24/Setembro/2007 Sara_Mago

Interessante analise. Seria de grande interesse aprodundar mais.

Nom podo acceder a ligacom.

ecoe #2 24/Setembro/2007 ecoe

Eses dados non fan máis que confirmar os que adiantara nun texto de abril de 2005, dispoñible, o profesor Vence, no seu "O fracaso neoliberal na Galiza".

Nele, ademáis de confirmar tamén, nas desigualdades rexionais da €uropa do €uro, que non saen beneficiadas precisamente as suas rexións pobres (entre as que nos atopamos), moito ó contrario o que ocorre é unha maior disparidade entre un campo e o outro (con GZ no fundo da cola) ofrece dados de moito interese, en especial na consideración de si nos convén ou non seguir a depender económica e políticamente de Madrí, esto é, da sua €$paña (e está correctamente escribida esta palabra, o que inclue visualmente un concepto tal).

Aplicados os dados ás desigualdades territoriais así como ás balanzas fiscais DENTRO do €$tado €$pañol, somete á nosa consideración dados históricos, -económicos e por tanto directamente políticos-, como a muda radical de territorio das actividades productivas no século XX, así pois durante a Dictadura Franquista e o posfranquismo do Reino bourbónico: case textualmente "Madrí representaba o 9% do PIB do estado e o 4% da poboación no 1900 ó comezo do século XX; no 2003 representa o 17.5% e o 13.3% respectivamente" (no 2003).

Para camuflar millor esta realidade deron desde o €$tado en falar de fluxos territoriais de ingresos e gastos públicos, esto é, os saldos de balanzas fiscais, desprazando a problemática da DEPENDENCIA

ecoe #3 24/Setembro/2007 ecoe

(disimulen) a problemática da DEPENDENCIA (desigualdades de desenvolvimento)hacaia as problemáticas balanzas fiscais.

O balance que cabe facer confirma o lóxico: non hai un proceso de converxencia máis ó contrario, acentúanse as disparidades. En resumo ben sendo como o desenrolo desigual no mundo: para que se viva e se esté superdesenrolado como no centro do Imperio mundial, é imprescindible e condición sine qua non que o resto do mundo morra á fame.

Os dados veñen sendo ben tozudos fronte ós intentos de nos contentar con pouco. Sós estaríamos ben millor.

sozinho #4 24/Setembro/2007 sozinho

Parabéns a Vieiros por esta colaboración. Isto si que é abri-los ollos da xente. Boto en falta que se fale de centralización en xeral do Estado, pero tíranse conclusións xa con estes datos. Tampouco se fala da UE e a súa influencia nas políticas do Estado. O que está claro é por que subiron os nacionalismos e Aznar perdeu as eleccións, así coma o monumental cabreo catalán.

RiQee #5 25/Setembro/2007 RiQee

habería que mandar este interesante artigo os tendenciosos diarios madrileños que lle estan dando caña a ZP co dos orzamentos deste ano que se achega...
(Ah! traducirllo antes, que alí todo o que lles sone a ANTIespaÑol...)

maruxo40 #6 25/Setembro/2007 maruxo40

Sozinho, digo eu que os nacionalismo suben por moitas outras razóns. Segundo esos dados en Castela León e Asturias o crecemento do investimento foi menor e non vexo eu nacionalismos...

Riquee, non só habería que enviarllo aos diarios madrileños. O triste é que hai que enviarllo aos galegos. Non sei se traducido ou non.

O que fica claro é unha cousa, a Galiza vaille mal co PSOE no Estado e peor co PP, o noso problema é estrutural.

O_Castrexo #7 25/Setembro/2007 O_Castrexo

O estado inviste na monarquía!!

sozinho #8 25/Setembro/2007 sozinho

Ola maruxo e ola a todos. No fondo das ideas políticas están razóns económicas, sendo as sicoloxías individuais nada máis que útiles ou non para as forzas políticas. Dás no cravo dicindo que o noso problema é estrutural (como o de Castela e León e Asturias), pero a estrutura é enfraquecida pola deixadez e pouca cohesión do estado español (atraso diría Beiras e desvertebración, que diría Ortega). Dicir, maruxo, que tamén estás equivocado parcialmente cos nacionalismos desa parte, pois o leonesismo, que non é nacionalista, pero si aspira a segregar León de Castela (a Vella), subiu ininterrompidamente dende 1991 ata 2003, xusto a época do último Felipe e toda a lexislatura de Aznar. Hoxe a UPL é peza clave no concello de León, inda que en descenso nos últimos anos, opino eu que polo efecto ZP. Dicir que si existen movementos independentistas en Castela e León, por moi absurdo que vos pareza.
En canto a Asturias, o nacionalista Bloque per Asturies, obtivo representación en coalición con IU no 2003, pero perdeuna no seo da mesma coalición este ano. É comparable ao descenso do BNG? A miña opinión é que a can flaco todo son pulgas, e o BNG goza de boa saúde.
Ao fío do que di RiQuee, pois bótase en falta a inclusión da última lexislatura de ZP. Supoño que triplica-las inversións en Galicia terá o seu reflexo non só nos stocks (que inda non me quedou ben claro), senón tamén nos resultados electorais (agardemos que máis a costa do PP que do BNG).

felipin #9 26/Setembro/2007 felipin

Agradecido a Manuel pola análise. Eu tentei acceder ó documento cando lin a nova na Voz pero está a uns 40€ ... Ninguén traballa de balde.
Parabéns unha vez máis á Voz pola súa magnífica liña editorial, a ecuanimidade o criterio e a liberdade que da ós seus xornalistas para aborda-los temas segundo a súa conciencia, do cal é claro exempro, por se alguén lle queda dúbida da ironía, o exposto neste artigo.

IgnacioMargall #10 26/Setembro/2007 IgnacioMargall

Por que sera que la Gaviota no caga aqui?

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel González

Manuel González López

Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.