Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Ler a proposta de Ibarretxe

09:45 23/10/2007

A única intencionalidade deste artigo é conseguir que todos aqueles que opinan da proposta de Ibarretxe a lean. Non pretendo ir máis alá, nin teño por obxectivo lograr apoios a prol ou militantes na súa contra. Só intento que, no medio do rebumbio no que nos meteron os indocumentados de sempre, as persoas interesadas nos problemas do pobo vasco saiban de primeira man que propón o lehendakari Ibarretxe, para logo xulgar se o que se di que propón é certo.

A tromba que lle está a vir enriba ao xefe do Goberno vasco estes días era esperada: a estas alturas nada que propoña será recibido cos brazos abertos en España. Unha parte de España é así e non hai nada que agardar dela. O que si me sorprende é a reacción de persoas de certos círculos que se teñen a si mesmos por progresistas e plurais, e que sen ler nin unha soa liña da proposta se adicaron a calificala de inmenso erro ou a poñerlle epítetos máis propios de Génova e do seu exército de Blancovaldeses que da suposta tradición de apertura ao debate de ideas da que normalmente presumen.

Polo tanto, a miña primeira intención é esa: visto que case ninguén leu a proposta de Ibarretxe presentada no Parlamento, a recomendación é que todo o mundo que queira o faga, que vaia á web institucional do Goberno vasco e que a estude. E logo que xulgue. Estamos ante unha proposta que parte da tese de que no seo do pobo vasco hai un problema político máis alá de ETA. Porque lles goste aos Blancovaldeses ou non, en Euskadi o apoio que tivo a Constitución española foi mísero. Seguramente en Jaén votou si unha gran maioría, pero en Euskadi a abstención pasou do 55%, e apenas se alcanzaron os 480.000 votos afirmativos. Se a iso engadimos que unha maioría de partidos vascos demandan o dereito a decidir que esa mesma Constitución nega, pois temos un problema político de entendemento entre dúas comunidades.

Ese problema ten unha derivación armada que se chama ETA, e que según Mayor Oreja (o que di que o franquismo foi un tempo de extraordinaria placidez) xa estaba sendo derrotada no ano 1997, e que segundo Aznar dicía no mesmo ano, non nos pode marcar a axenda. Polo tanto, podemos intuir que non se pode agardar toda a vida a que ETA deixe as armas para debater de política. Sobre todo, porque o proceso de diálogo coa organización fracasou.

Aí xorde a proposta do lehendakari, que consta de varios pasos que non penso detallar porque quero que sexa coñecida de primeira man. Non é só unha consulta (os opinadores deberían saber diferenciar entre referendo e consulta), consta doutros elementos que se fan plenamente democrática. E aínda se só fose unha consulta, hai algo de antidemocrático en cederlle a palabra aos cidadáns? A quen lle asusta que a sociedade opine? Lean a proposta e logo debatámola.

5/5 (5 votos)

Comentarios (9)

O_Castrexo #1 23/Outubro/2007 O_Castrexo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Os parágrafos do texto están repetidos.

leituga #2 25/Outubro/2007 leituga
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Castrexo, non é certo que estean repetidos.

O mesmo que está a pasar agora pasou no 2004 co chamado 'Plan Ibarretxe'. Estou segura de que a meirande parte dos que opinaban daquela (moitos dos que agora o fan) nin se molestaran en follealo. De feito, seguro que nin sequera sabían de cantas páxinas constaba. Pero é o que ten a ignorancia, que é moi atrevida.

O_Castrexo #3 26/Outubro/2007 O_Castrexo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Xa, xa. Agora non están repetidos porque foi modificado pero estaban.

Gaviotero #4 26/Outubro/2007 Gaviotero
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

¿De qué serviría leerse una propuesta, si la conclusión principal ya sabemos que es falsa?

Ibarreche NO puede convocar ningún referéndum.

Dani-Alvarez #5 26/Outubro/2007 Dani-Alvarez
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Gaviotero, le ao menos o que escribo eu, home: "Non é só unha consulta (os opinadores deberían saber diferenciar entre referendo e consulta)".

O_Castrexo #6 26/Outubro/2007 O_Castrexo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A pregunta é: caso de facerse a consulta, quen opinaría? Irían opinar, sumisos, os votantes de PP e Psoe?? Partidos que consideran a consulta/referendo (como sexa...) ilegal...

Eu penso que a abstención sería moi alta e o resultado, se cadra favorable ao "si" (se opinan nacionalistas é evidente), podería considerarse ilexítimo. Non??

Barcelos #7 28/Outubro/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O goberno español, estea quen estea, ten que respectar o que quere o pobo vasco. Se quere a independencia pois terá que darlle a independencia.

E unha vez independentes se o pobo vasco ten problemas con ETA e pídelle axuda pois deberá prestarlla.

E se non lla pide, pois se supón que estarán preparados para resolver os seus problemas sos.

Así de sinxelo. A quen escandaliza ou non lle gusta isto?

Barcelos #8 28/Outubro/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

señor Gaviotero:

Supoño que non se che ocorrerá entrar nunha igrexa católica, no medio dunha misa, fumando, falando alto e dando berros.

Tampouco se che ocorrería visitar unha mesquita e se che piden que deixes os zapatos na porta, entrar con eles manchando todo e dando voces.

Suponse que non farías iso porque é unha falta de respecto e ti considérasche unha persoa respectuosa.

Pois tamén é unha falta de respecto que nun foro, no que se fala en galego, esteas constantemente expresándoche en castelán e atacando todas as noticias que che soan a nacionalismo non español, que son todas, por suposto.

Temos o exemplo de Coutoven, un médico venezolano, que non sabe falar galego, pero se tomou a molestia de utilizar un tradutor e agora faio perfectamente, por respecto aos membros do foro.

Por favor, fai ti o mesmo e libérache desa teima persecutoria. Se non podes, non tes ningunha obrigación de seguir picando nacionalistas e galeguistas.

Barcelos #9 28/Outubro/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Outra cousa. Seguro que non se che ocorre ir cunha bandeira do Real Madrid ao Nou Camp, onde se pon os Boixos nois.

Pois xa sabes...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".





Locais:
GZ-Sete