Nestes casos, cando a realidade bate coa lei, a miúdo non é a realidade a que se equivoca: é a lei a errada. A loita en favor dos tres do Eixo é un exemplo de loita fronte a xustiza inxusta e as leis reviradas que se volven contra os inocentes.
O primeiro erro, hai dez anos, leva a sinatura de Fomento, o ministerio falta á súa palabra (sóalles o detalle?) e dun día para o outro ábrese o carril que se comprometeran a manter pechado até facer na estrada as obras que garantiran a seguridade dos veciños. Logo, a administración envía os furgóns policiais contra unha manifestación pacífica. A continuación, un axente con pouca paciencia e dubidoso criterio teima en deter un rapaz de trece anos que na calor do momento non pasara de insultalo. Poden ler o resto en Vieiros, que se resume en castigo tan pretendidamente exemplar como innecesario, na práctica: escarmento gratuíto e inútil.
As mesmas burocracias da legalidade que parecen non ser capaces de actuar contra as irregularidades que asolagan a actualidade diaria, aparecen lixeiras e parasitarias para amargárenlle a existencia a xente de ben e levar á cadea aos que non teñen culpa, poñamos por caso, un fontaneiro, un chofer e un libreiro que coma ducias de seus veciños, se botarán á rúa coa razón da súa parte.
Dicía un meu profesor que, daquela que aínda eramos inxenuos, non esquecésemos que o Dereito debía deixar que fose a sociedade quen o guiase un pedazo por diante, encarreirando os requirimentos que o conxunto do sentidiño fose capaz de esixirlle. E porén, velaí como, unha vez máis, é a atravesada touza do Dereito a que impón os pasos.
Dezaseis ministros e un presidente do goberno español sentaron hai xa días como cada venres en Consello. Na mesa, e entre a designación de embaixador no Sultanato de Omán e revisión do estatus da delegación murciana do Colexio de Decoradores, non tiveron tempo de tratar o indulto ao que xa rexeitarán botarlle sinatura antes. Un indulto que evitaría que tres cidadáns sen culpa entrasen no cárcere este martes. A petición de milleiros de composteláns e o aval da maioría de edís da cidade no favor de Simón, Xosé e Xesús non conseguiu que atendesen os que tiñan que atender.
Cada peso de multa que xa lles espremeron aos veciños e cada día inxusto que sexan obrigados a permaneceren presos, serán mancheas de lexitimidade que perderán os que teñen o deber de escoitar as nosas voces, e non escoitan. Lexitimidade que perden aos ollos de todos nós.
Esta loita é unha loita de todos. Se hai xustiza, que haxa indulto.
non coñezo a fondo o tema e non quixera pecar de falabarato, pero a idea que teño do feito é que foron os gobernantes quen non cumpliron os compromisos ( coma sempre, por outra banda ) e abriron un carril sen consenso ca cidadanía. os veciños concentráronse e o señor gobernador civil da época mandou á garda pretoriana en forma de antidisturbios a repoñer a libre circulación de persoas e mercadurías, como lles gosta decir a estes liberales máis ben rancios, cecais sen decatarse que, como ben se sabe no resto dos fogares, estes esforzados gardiáns da orde e o progreso teñen por costume utilizar métodos pouco estimulantes para convencer as comunidades levantiscas.
é o de sempre. cegados polo poder e pola presión do cargo e sopoñendo sempre que o contribuinte porá o lombo humildemente antes de romper filas e meterse na casa rosmando ( os galegos de choiva e calma, que decía miguel hernández ), os responsables políticos encirran as súas huestes de desertores do arado contra o mesmo pobo que os lexitima. desta volta, xa digo que non coñezo os pormenores, un de eses ( hum, cómo chamarlle para que nengún membro da maxistratura poida tentar aplicarme a lei antiterrorista? ), un de esos empecinados e celosos gardiáns da divina devoción, víuse perxudicado pola trifulca e sufriu severas lesións, lesións que o colectivo policial parece ser está preparado para infrinxir pola xenerosidade de deus e no ollo de inmigrantes de cañada real pero non para padecer en carne propia.
ahora, o dereito civil ven a condenar a ultraxe do indefenso axente, quizás por considerar que os do eixo se ensañaron en demasía con este pobre cidadán que o cabo soio cumplía co seu penoso labor, anque a mín dame que os condenan por non ser máis mansos e non terse deixado mallar a pracer. por que si o exemplo cunde ( e eu no fondo así o espero ) e a poboación se volve máis fera ( e leda, que decía ferrín ), toda esta caterva de cans de presa ( políticos, leguleyos e forzas de choque )van te que bregar de moito carallo para manter o pelo engominado os domingos de pascua e resurrección.
O indulto non é a millor saída CANDO UNH LEI É INXUSTA. O indicado é derogala e por outra ben no seu lugar.
Mais cando NON HAI PERSPECTIVA DE CAMBIO NAS LEISES, que non a vexo por ningures, tanto nestes coma en outros moitos casos, eu tamén me sumo á petición.
Sempre é um prazer ler artigos como este, bem argumentados. E sempre é um prazer ler os artigos tão bem feitos que redige o senhor Noguerol.
No entanto, poderia dizer-se que este é um artigo retórico, já que, como se diz das perguntas retóricas, a resposta já vai dada no enunciado, concretamente na sua primeira palavra, "SE".
Porque "SE" há justiça, realmente HAVERÁ indulto. Porém, "SE" NÃO há justiça, não o haverá. Do mesmo jeito, "SE" nos remetermos para outros casos (policiais indultados em Vigo após factos gravíssimos e criminosos como o sequestro e a tortura), as esperanças caem ao chão como a saraiva: de forma fria e contundente.
Roberto Noguerol naceu en Chantada en 1976. Entre outros contos ínfimos insiste en que naceu en tempo de cereixas ao pé da ribeira do Miño, aínda que recoñece que a liberdade sabe a mar. É Xefe de Redacción de Vieiros. No blogomillo está no andaime.
Desde o Mundo para Galiza (02/02/2007)
E vostede que faría co seu millón de euros? (02/11/2006)
Comisión de escenificación (16/10/2006)
Levando os cabalos a beberen á pía de auga bieita de San Pedro (31/03/2006)
Entre a terapia e a realidade (25/03/2004)