Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


De botellón

11:45 09/11/2007

No pasado artigo toquei de refilón o asunto do botellón, o que fixo xurdir algúns comentarios en torno ó tema, así que hoxe escribirei definitivamente sobre este fenómeno que últimamente convertiu á mocidade en portada dos medios de comunicación.

Desgraciadamente en portada dos medios de xeito negativo. Non saímos pola capacidade de interrelacionarse e formar grupos que ten a mocidade nesta era da incomunicación na que non se coñece nin ó veciño da porta. Non. Saímos como mozos cuxo único obxectivo na vida é sair xoves, venres e sábado a beber alcol coma tolos, causar algún acto vandálico e logo coller o coche para seguir a marcha.

Cando abrimos o xornal non hai fotos de mozos e mozas facendo botellón e pasándoo ben. Non. Hai fotos de xente desfasando. Ás veces penso que algúns fotógrafos deben andar toda a noite en busca de imaxes coma esta que representan máis ben pouco o que é o botellón.

Para min o botellón é nin máis nin menos que unha reunión de xente moza. Non creo que o obxectivo sexa xuntarse para beber alcol, senón para verse, rirse, ligar, compartir alegrías, tristezas, chismes, problemas…e se cadra tamén algún litro. Pero non comparto que se beba máis alcol do que se pode consumir en calquera bar, como din moitos.

Tampouco creo que o botellón sexa un problema de saúde pública. Moitos están a queixarse ás autoridades porque somos unha xeración de “futuros alcólicos”. O que me pregunto eu é porqué non se queixaron cando se bebía nos bares ou discotecas, porqué non se preocuparon daquela nin agora pola sáude desos mozos e mozas que consumen en lugares pechados… Ou será que alí non se ve e, polo tanto, non molesta, e, entón, non preocupa? E porqué non se preocupan do alarmante incremento do consumo de cocaína en tódalas idades? Será porque non se ve e, polo tanto, non molesta? Porque digo eu que si o botellón é un problema de saúde pública o consumo de cocaína tamén o será…

A rúa é deles

Dame a impresión de que hai algúns adultos que pensan que a rúa é deles. Porque imos ver, un parque ou unha praza pública está ocupada ó longo do día por avós, por pais e nais cos nenos xogando á pelota, por persoas paseando os cans…e ninguén di nada. Agora cando son os mozos e mozas os que ocupan esa praza ou parque acúsannos de “okupalo”, case de apropiarnos do espazo. Parece que o espazo público só estivese reservado ós adultos.  Ou fai máis dano un rapaz cunha copa nunha praza que un adulto coa mesma copa nunha terraza tres metros máis para alá?

Hai moita hipocrisía en torno a este tema. Os adultos xa non se acordan de cando eles ían ás festas de campo e volvían peneques polas corredoiras, nin cando ían de tazas polo Franco en Santiago ou pola rúa dos viños en Lugo…Non se lembran tampouco de que vivimos nun país no que non hai celebración que se preze na que non se consuma alcol: Nadal, festas gastronómicas, cumpreanos… Vivimos nunha cultura cun alto grado de tolerancia ó consumo do alcol. Algo terá que ver isto co consumo da mocidade.

Sí entendo dúas cousas:

1.É certo que moitas veces somos uns porcalláns que deixamos todo cheo de lixo e que deberiamos recoller o que emporcallamos. Pero, aínda recoñecendo isto, non me resisto a facer dous comentarios: en moitos lugares onde se fai botellón apenas hai contedores para o lixo; visitade o lugar onde se fixo un mercado ou feira despois de que remate, veredes como queda. A non concienciación e a falla de educación ambiental non só é patrimonio dos máis novos.

2.Non é menos certo que en determinados lugares onde se fai botellón se molesta ós veciños. O que non entendo é que no afán de todos (políticos, veciños, forzas de seguridade…) por buscar unha solución esqueceron ó actor principal: a mocidade. Estou segura de que si as autoridades sentasen ós mozos e mozas ó redor dunha mesa para falar deste tema se chegaría a unha solución satisfactoria para todos máis pronto que tarde. Non creo que sexa pedir moito que se nos escoite e non se nos xulgue antes de facelo.

2,67/5 (9 votos)


Comentarios (14)

981brais #1 9/Novembro/2007 981brais

botellada, non botellón

dun tempo a esta parte, cando leo algunha nova, ou cando escoito a xente da galiza falar arredor do tema, quedo apenado polo desprazamento do termo "botellada" en favor do termo "botellón".

un desprazamento que eu achaco a dous factores, o primeiro ao poder de modificación dos medios de comunicación masivos sobre os imaxinarios individuais e, o segundo, a profunda ignorancia, ao afastamento da realidade, de todos eses teóricos envellecidos ou non, aos que nunca lles interesou o fenómeno hasta que a prensa do estado español comezou a facerse eco.

aquí, na galiza, hasta fai un ano, eu marchaba de botellada cos da miña panda. Esa era, e segue a ser, a nosa denominación. eu non che vos fago un parrilón (que pode ser definido como rexa metálica para asar alimentos a brasa aínda que algo mais grande do que adoita ser) eu, e case que todo o mundo fará unha parrillada. a miña familia non prepara laconóns nin lacoóns (repárese no absurdo do termo) preparamos lacóns, e si a festa e boa chamámoslle lacoadas.

quizais, poderase argumentar, que o termo “botellada” leva aparellado o seu nacemento a influencia do falar propio dos da coruña, ese falar de rúa, mestura do galego, do castelán e dunha chea de termos do argot popular. mais, pola miña propia experiencia, teño recollido que a utilización do termo non era exclusiva de ningunha zona en particular.

botellada era a nosa designación, a da mocidade galega. é a nosa forma de chamarlle a irlle tomar algo nas rúas, algo mercado nunha tenda e desfrutado en cuadrilla en cuadrilla.

a xente que dende a galiza esta a utilar o termo "botellón" faime sospeitar que pouco ou nada coñece o fenómeno. por moi conciliadores e respetuoasa sexan as súas posturas coa mocidade.

981brais #2 9/Novembro/2007 981brais

botellada, non botellón

dun tempo a esta parte, cando leo algunha nova, ou cando escoito a xente da galiza falar arredor do tema, quedo apenado polo desprazamento do termo "botellada" en favor do termo "botellón".

un desprazamento que eu achaco a dous factores, o primeiro ao poder de modificación dos medios de comunicación masivos sobre os imaxinarios individuais e, o segundo, a profunda ignorancia, ao afastamento da realidade, de todos eses teóricos envellecidos ou non, aos que nunca lles interesou o fenómeno hasta que a prensa do estado español comezou a facerse eco.

aquí, na galiza, hasta fai un ano, eu marchaba de botellada cos da miña panda. Esa era, e segue a ser, a nosa denominación. eu non che vos fago un parrilón (que pode ser definido como rexa metálica para asar alimentos a brasa aínda que algo mais grande do que adoita ser) eu, e case que todo o mundo fará unha parrillada. a miña familia non prepara laconóns nin lacoóns (repárese no absurdo do termo) preparamos lacóns, e si a festa e boa chamámoslle lacoadas.

quizais, poderase argumentar, que o termo “botellada” leva aparellado o seu nacemento a influencia do falar propio dos da coruña, ese falar de rúa, mestura do galego, do castelán e dunha chea de termos do argot popular. mais, pola miña propia experiencia, teño recollido que a utilización do termo non era exclusiva de ningunha zona en particular.

botellada era a nosa designación, a da mocidade galega. é a nosa forma de chamarlle a irlle tomar algo nas rúas, algo mercado nunha tenda e desfrutado en cuadrilla en cuadrilla.

a xente que dende a galiza esta a utilar o termo "botellón" faime sospeitar que pouco ou nada coñece o fenómeno. por moi conciliadores e respetuoasa sexan as súas posturas coa mocidade.

Anxo #3 9/Novembro/2007 Anxo

Sinto non estar dacordo contigo Loli, primeiro por se interesa nacín no 1971, polo tanto non son moito máis vello o xoven ca ti, como o queiras ver.
O fenómeno do botellón e novo, non server para relacionarse, na época na que eu saia, podías ir a locais como na rúa da Estrela é bebias na rúa, pero era limpo se facía ruido pero nas horas estabrecidas, se querias ir a facer unha festa cos amigos collias bebida e ías so cos teus amigos a algún lugar afastado a divertirte e non molestar.
O botellón de hoxe ben dado primeiro pola publicidade nos medios de comunicación (é o que fan o xovenes e ponse de moda), logo está a proliferación de empresas que se enriquecen a costa de este tipo de moda, so hai que ver o aumento de tendas de 24 h. (que ademáis vende o alcool en bolsas brancas).
Dise que é un fenómeno social, para relacionarse cos amigos, dígoche eu que nunha praza como na do Humor co barullo que hai pouco te entendes cos teus, no é certo que non haxa alternativas económicas hainas, tes teatro no Forum, ou no novo local no barrio dos Rosais, poder ir o cine, tes concertos, hai moitas cousas, pero o máis sinxelo e mercar alcool e beber, non digo que toda a xente se vaia a por peneque, pero a maioria si o fai.
Ben dis que os adultos usamos as prazas e os parques si e certo, pero o deixamos en condicións para disfrute dos demáis, unha praza despois do botellón aparece cheo de vómitos, mexadas, bolsas de plasticos, vasos, botellas, cristais rotos, e eso non e por falta de colectores, e por falta de educación e de que "me la sopla" todo que o limpen os demáis que para eso están.
Non defendamos cousas indefendibles, eu aposto pola diversión dos mozos, pero como se fixo sempre con cabeza, e non ao mogollón de a onde vas tolo vamos todos, eso é falta de imaxinación dos xovenes que parecen autómatas, visten igual, peitean igual, fan as mesmas cousas, como na canción de Seguridad Social de "La máquina gurú", eso estamos a facer unha xuventude de apampanados.

ecoe #4 9/Novembro/2007 ecoe

Ben, certo que hai negocio. Mais beber bebeuse sempre. E bébese, mais cada quen adoita a posoloxía que lle convén (uns nas comidas, outros nas tabernas e tascas, outros de copicheos, outros en aúnas, outros na finde polas noites, outros na casa, etc. etc.)

O do ruído é un outro asunto: a única razón ca que estaría de acordo en axeitar os lugares onde non sofra a viciñanza. Desde logo.

Barcelos #5 9/Novembro/2007 Barcelos

De acordo co meu conveciño Anxo.

Loli, a idade que tes e o que posiblemente non esteas casada e non teñas fillos de 13-18 anos condicione o teu artigo desenfadado sobre un problema que ti, e por agora Losada, o alcalde, non queren ver.

Atrévome a apostar a que tampouco vives nin na praza de Azcárraga nin na praza do Humor.

Eu por sorte, tampouco. É máis, por primeira vez, alégrome de non vivir no centro.

O alcol non é o problema que máis preocupa aos veciños. Preocupa principalmente o ruído e a sucidade.

Tampouco se pode xustificar dicindo que hai que ver a todos os teus amigos e a moitos máis á hora que che de a gana. Ás tres da madrugada. Que che parecería se os citas a todos na túa casa?

En Euskadi estase pondo de moda un modelo novo: "La Bajera". Varias persoas alugan un baixo e alí reúnense. Vexamos se aquí cópiana e as consecuencias.

Barcelos #6 9/Novembro/2007 Barcelos

Atopar lugares onde non se moleste hainos: Os soportais do concello de María Pita, as praias, o estadio de Riazor, o coliseo, o parque de Santa Margarita, o dique, o Monte de San Pedro... O Gaias en Compostela

O problema: quen carga o custo do seu mantemento e limpeza?

Barcelos #7 9/Novembro/2007 Barcelos

Os rapaces e seus pais. Por suposto.

Sara_Mago #8 9/Novembro/2007 Sara_Mago

O alcohol, quando menos em forma de vinho tinto, é a droga bendita pola igreja catolica. Que problema ha em que os jovens se reunam para consumir com alegria o corpo de Cristo? O problema som os cubatas e a coca negra.

Sara_Mago #9 9/Novembro/2007 Sara_Mago

nom é o corpo que é o sangue, o corpo som as hostias que havia que dar-lhes pra que fossem trabalhar, que nom trebelhar como os de CaixaNova.

crunha #10 9/Novembro/2007 crunha

Neste tema estase a esaxerar moito.
Leo noticias nos xornais como: "intoxicacións etílicas por culpa do botellón". Como se non as houbese antes de existir esta moda.
Tamén está e o ruído que montan. Claro que se molesta aos veciños, igual que nas zonas de pubs de toda a vida, e logo estes últimos non teñen dereito ao descansaren? só por que os rapaces pasan por caixa nos bares?
Da suciedade, o mesmo conto.
Que conste que penso que habería que buscar solucións para respectar o descanso da xente, a min tampouco me había gustar vivir nun sitio de "marcha", nin onde se fagan botelladas ou botellóns, pero non creo que este sexa un problema novo.

sanquera #11 10/Novembro/2007 sanquera

parvadas, yo nací en el 64 y con 14 o 15 años ya tomabamos cubalitros, ya se quejaban los vecinos por que no los dejabamos dormir y nos echaban cubos de agua por la ventana. Es cierto que no eran concentraciones tan grades sino de grupos mas reducidos pero no os preocupeis que: "otros vendrán que buenos nos harán"

BonKarallan #12 11/Novembro/2007 BonKarallan

Ten razón Loli, que nos deixen beber tranquilos e que non nos quiten o bailado.

En Betanzos tamén temos movida e bebida, e unha boa tortilla de Betanzos, por suposto.

Os partidos non saben que facer e están agardando a que se pronuncie un, para os demais porse en contra. Pero como a todos vailles a movida, ninguén se atreve, ¡¡pois a beber toca!!

alog #13 12/Novembro/2007 alog

Loli sempre foi moi demagoga na busqueda do voto victimista dos mozos agredidos. Na Facultade xa o era. Creo que o enfoque non é acertado, imos ver´e certo que non se pode criminalizar os do botellón, e certo que as imaxes da mocidade son moitas veces negativas, nembargantes o botellón é un problema de convivencia, de respeto e de educación. Polo que é loxico que existan actuacións publicas que restauren o equilibrio.

Barcelos #14 18/Novembro/2007 Barcelos

Teño unha solución para o botellón. Se non podes co teu inimigo úneche a el.

Toda a poboación ao botellón. Pais, adultos, concelleiros. Institucionalizalo. As cousas institucionalizadas acaban por aburrir.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Loli Rodríguez

Loli Rodríguez

Loli Rodríguez Amoroso naceu en Lugo en 1978. Meteuse de cheo no mundo asociativo na súa etapa universitaria, cando estudiaba Dereito na Universidade da Coruña, chegando a ser representante de estudantes na súa Facultade, no Claustro Universitario e no Consello de Goberno. Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia dende o 2005, accedeu á Presidencia do Consello da Xuventude de Galicia en 2004. Tamén podes ler o seu blog.