Quero facer un chamamento ao sentimento patriótico para que na emigración se reflexione sobre un feito que confirma a necesidade dunha reforma urxente da actual lei electoral. O meu coñecemento da sensibilidade do mundo emigrante lévame a pedir reunións en tódolos centros galegos do mundo para abrir un debate que examine se é xusto que Galicia perda un deputado no Congreso despois das vindeiras eleccións xerais a celebrarse en marzo.
Teño a certeza de que se farán moitas xuntanzas e logo chegarán a Madrid e a Santiago de Compostela milleiros de sinaturas defendendo unha realidade que a actual lexislación non recoñece. Os emigrantes manifestarán libremente o seu pensamento sobre a existencia dunha soa Galicia. Os galegos do interior ou os do exterior somos fillos da mesma nai e por iso non podemos permitir que sendo do mesmo sangue se fagan divisións entre fillos lexítimos e ilexítimos segundo sexa o lugar de residencia.
O goberno central amosa sensibilidade diante dos problemas da emigración (outorgamento da nacionalidade aos descendentes, lei de dependencia, limpeza do CERA) pero o certo é que fai falla unha reforma da LOREX (Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral) porque o voto por correo ademais de obsoleto é case que inmoral. O goberno galego quere aprobar iniciativas que rematen coas trapalladas pero necesita do consenso dos tres grupos que forman a cámara autonómica para que cheguen a Madrid avaliadas pola unanimidade dos parlamentarios.
A partir do ano 2008 se non se contabiliza aos galegos inscritos no CERA (Censo Especiald de Residentes Ausentes) Galicia terá no Congreso dos Deputados un representante menos. Perderemos un deputado pola provincia da Coruña e o total elixible quedará en 23 escanos. Lembremos que no ano 1993 eran 27 os representantes. Moitos dirán que non entenden a diminución e preguntarán pola razón que xustifique a perda de catro deputados en quince anos. A explicación para este descenso está reflectida na LOREX (art. 162) que fai un reparto de escanos sobre a poboación de dereito en cada provincia. Entran na conta os menores de 18 anos e os estranxeiros. A poboación de dereito en Galicia en relación coa porcentaxe estatal descendeu e por tanto descenden tamén os deputados asignados a cada provincia.
Poboación envellecida
Non se ten en conta o número de persoas con dereito a voto nin se considera o censo electoral que no caso de Galicia aumentou moitísimo nos últimos anos. Quedan fóra, desprezados, máis de 300.000 emigrantes galegos que tendo dereito a voto perden representantes. Cada vez hai máis censados pero teñen menos escanos asignados. En Barcelona, Madrid e Valencia aumenta a poboación de dereito porque é onde chegan máis inmigrantes. Eles suman e nós restamos. En Galicia a inmigración é escasa e ademais temos unha pirámide poboacional moi envellecida.
Coido que os emigrantes que lean estas liñas estarán decatándose de que teñen menos dereitos que os estranxeiros porque sendo cidadáns non contan no reparto de escanos. Poida que mil residentes estranxeiros (arxentinos, brasileiros, colombianos, ecuatorianos e uruguaios) na provincia de Lleida fagan que esa provincia aumente un deputado no Congreso. Polo contrario é seguro que 100.000 emigrantes inscritos no CERA e censados na provincia de A Coruña non evitarán a perda dun deputado.
A xustificación para a reforma da lei electoral é ben sinxela: mudou a realidade social. Por unha banda aumentou a inmigración e pola outra as inscricións censais dos residentes ausentes. Son dúas variables que deberán de considerar os lexisladores. Segundo indicou o senador Francisco Jorquera no Pleno da Cámara Alta [7-XI-2007] calquera sistema de cómputo alternativo ao actual elevaría o número de escanos galegos no Congreso dos Deputados. O senador nacionalista presentou a xeito de exemplo tres modelos posibles de reparto: a) un primeiro baseado no censo electoral de cada provincia ao que se lle sumaría a parte do CERA que lle correspondente (Galicia tería 28 deputados); b) un segundo que considere a poboación de dereito á que se lle suma o CERA (Galicia tería 24 deputados); c) un terceiro no que se consideraría unicamente o censo electoral de cada provincia sen o CERA (tamén serían 24 deputados).
Sei que na emigración haberá acordo unánime para rematar coa inxustiza de que por criterios xeográficos uns conten e outros non. Trátase de que 300.000 cidadáns deixen de ser un cero á esquerda. Recordade meus amigos que antes do vindeiro mes de marzo os candidatos están máis atentos e receptivos ás demandas dos seus electores. Os máis de 300.000 votantes do exterior tedes a posibilidade de que nos programas dos partidos políticos se inclúa a reforma da actual lei electoral. Quero pedirvos amigos lectores na emigración que reflexionedes e participedes desde o exterior. Sodes donos de centos de entidades galegas espalladas pola mundo nas que reunirvos en irmandade. A nosa democracia goza de boa saúde pero debemos estar sempre alerta para que non haxa pequenos catarros que se volvan crónicos por mor dos que están pisando o freo.
Aquí os únicos galegos de segunda (ou terceira ou cuarta) somos os galegos emigrados a España, que nos retiran a condición de galegos polo artigo 3 do Estatuto de Autonomía e nos negan o dereito a voto. Eu o que propoño para non perdermos máis deputados e senadores nas Cortes españolas é:
1º) evitar a emigración que continúa.
2º) políticas que favorezan o retorno dos "neoemigrantes" nados e formados no país.
3º) políticas que favorezan o retorno dos galegos espallados polo mundo e os seus descendentes.
Trapalladas electorais Nunca Máis, graciñas.
Cando falo de "únicos galegos de segunda" falo do punto de vista do dereito de sufraxio activo.
Totalmente de acordo. E os emigrantes galegos no Estado español? Non teñen os mesmos dereitos? Vese que non. E un de Arxentina que nin sabe onde está Galiza vota. Ë un sistema electoral con trampas.
Creo que o exposto polo Manuel Suárez é moi importante e realmente tería que ser analizado e difundido de xeito máis profusa para que a poboación galega de fóra e dentro das nosas fronteiras coñeza esta realidade e tome acciónelas pertinentes.
Aínda que creo que o voto emigrante presenta perversións importantes, de forma especial cando o mesmo decide eleccións a nivel municipal. Non é menos certo que a nivel provincial ou xeneral de Galiza ten que ser considerado como importante e necesario.
Cando se invocan os centros galegos da diáspora hai que sinalar que nalgúns non priva un espírito aglutinante da comunidade. Nalgúns casos funcionan como cotos pechados onde intereses moi afastados da galeguidad prevalecen. De tal xeito, a Xunta de Galiza tería que ser mais celosa á hora do otorgamento de axudas de moi variada natureza (económicos, viaxes, campamentos, etc) que brinda aos mesmas e esixirlles fomentar o contacto coa poboación galega independentemente de que sexan socios ou non das mesmas. Ten que fomentarse a galeguidad por encima de todo.
Outro elemento a considerar fora do número de representantes galegos ante os parlamentos galegos, españois e europeos. É o nivel de compromiso real coas súas comunidades xa que nalgúns casos ponse os intereses políticos e personais por encima da galeguidad.
Por outra banda hai inconsistencias nos medios que teñen que informar dos eventos e situacións que afectan á comunidade da diáspora. Que por motivos inconfesables dedican os seus espazos a falar de calquera cousa menos as opinións ou necesidades da comunidade motivo do apartado informativo. Como exemplo podo citar o apartado dedicado a Venezuela GZ-EXTERIOR de VIEIROS. Nos últimos 20 artigos fálase de calquera cousa menos dos padecimentos e realidades da comunidade galega en Venezuela. Pola contra parecese que a defensa do proceso revolucionario de Chávez é o fin que xustifica este apartado e non a realidade da comunidade galega neste país.
De tal xeito que o mellor que se pode facer para que o pensamento autonómico frutifique. É permitir que a pluralidade de todas as formas de pensamento sexan respectadas e que o sentimento de nación non sexa patrimonio dunha forza política en particular.
Falamos moito de democracia, pro que caste de democracia é esta na que para o reparto de escanos conten os residentes, incluso os que non teñen dereito ó voto, e sen embargo non conten os votantes que non sexan residentes, lease CERA.
Deste xeito, Galiza aumenta os seus votantes, votantes manipulados que non coñecen a nosa realidade e que son facilmente enganados dende Madrid, pero reduce os seus escanos polo que perde poder decisorio nas cuestions que se debaten alí.
Esta claro que a única via que nos queda é a emancipación, a independencia, para decidir que queremos e debemos ser, para decidir quen pode votar no noso país, como e para que, e ademais para poder ser nos mesmos no contexto europeo e mundial.
Capacidade temola, aínda que algúns intenten negala.
Concordo totalmente co exposto por Manuel Suárez e apoio as demandas de senador Francisco Jorquera. E a vergoña da falta de dereito a voto dos emigrantes galegos no Estado español ten que REMATAR.
No comentário que fixem a Pérez-Barreiro (antes de ler isto) opinava como muitos dos galegos emigrados que aqui escrevem. O mais intolerável resulta que os emigrantes de fora do Estado contem para votar mas nom para determinar o número de deputados. Pode-se aceitar que haja mais "votantes" do que "habitantes"?
No es razonable que gente que no vive en Galicia vote en unas elecciones ya sean municipales, autonómicas o nacionales. Para que luego, encima, vengan haciendo estúpidas declaraciones como las realizadas por el mentecato ese desde Argentina.
Bo artigo, señor Suárez.
Que os nados no país voten nas xerais e nas galegas como "quinta" provincia, VIVAN ONDE VIVAN, os fillos e os netos que voten onde viven.
"gavioteiro", o mentecato eras ti? Que baneen xa a este impresentábel.
Fraga reside en Madrid, xa non pode votar na Galiza, non? xa non vive aquí, eh! gavioteiro.
A verdade é que doe moito comprobar o descoñecemento que temos sobre a EMIGRACIÓN ou mellor dito sobre a DIÁSPORA. Coido que a educación falla ---algo que xa confirmou a OCDE--- pero é ben triste que moitos universitarios non saiban que se hoxe poden estudar e formarse foi porque onte saíron milleiros de irmáns fóra buscando un lugariño no que quecer. O do voto emigrante é un tema que debería estar perfectamente regulamentado ---non ten ciencia ningunha--- pero foise adiando e así nos vai. Un dereito para os cidadáns galegos no exterior quedou enlamado porque houbo dos partidos que buscaron "axentes" que ían polas casas recollendo papeletas. Non ético o sistema, claro que non, pero tampouco o VOTO é o único que lles interesa aos emigrantes. Quizais sexamos máis xustos e democráticos se estendemos alí a Lei de Dependencia ou se lle permitimos aos netos que teñan un permiso de residencia para traballar aquí. Hai choio por diante, moito, pero é un desafío que coido resolverá positivamente o goberno bipartito antes das vindeiras eleccións autonómicas. Trátase de reformar unha lei a coñecida LOREX e desde Galicia temos que empurrar para que se faga a reforma porque somos nós os que temos máis irmáns espallados polo mundo.
Que me queiran "colar" que un arxentino ou un venezolano, polo feito de que un dos seus catro avós, ou un dos seus oito bisavós, ou un dos seus dezaseis tataravós... fora galego, ten dereito a elexir aos meus reprensentantes políticos, chéirame a corno queimado. Xa está ben de adulterar á democracia.
Outra cousa son os galegos que emigran temporalmente podan votar, ¿pero os fillos e netos, e posteriormente (porque este dereito estase a pasar de pais a fillos), bisnetos, tataranetos, tataratataranetos...?, ¿estamos de coña?
ranciadas, desgraciadamente muchos gallegos residentes en Madrid o en Barcelona que conocen mucho mejor la realidad de su región que los que jamás pisaron Galicia, como en el caso de algunos argentinos o venezolanos, no pueden votar en las elecciones gallegas mientras que los argentinos o venezolanos sí.
Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003).