Aló por 1992 escribín sobre a necesidade patriótica dun centro ou museo da Emigración galega tomando como modelo o norteamericano da illa de Ellis. Non sei cal é a xustificación que sostén a insensatez de non termos en Galicia ningún espazo de titularidade pública sobre a nosa diáspora. Coido que a nosa comunidade superará vellos localismos e medrará se orienta un dos seus focos sobre o compostelán monte Gaiás para alumear sobre a palabra EMIGRACIÓN.
A dignificación dos emigrantes non se consigue por medio dun departamento autonómico reconvertido en ONG senón pola súa incorporación identitaria ao país de Rosalía e Castelao. Os netos non serán galegos por unha esmoliña ou por un posto de traballo. O sentimento nace sobre todo no agradecemento aos esforzados avós que cruzaron o mar buscando unha vida mellor para os seus descendentes.
A opinión maioritaria é que as obras da famosa Cidade da Cultura tiveron un custe desaxustado. O anterior goberno é responsable dunha desfeita de 400 millóns de euros. Logo de que a comisión parlamentaria presente as conclusións comezará realmente o traballo do bipartito para poñer en valor unhas construccións que en si mesmas non valen nada. Sen encher de contido son sinxelamente alpendres de deseño que nin sequera se poden aproveitar para almacéns porque carecen de accesos axeitados. Se fosen cartos investidos e non estragados agora non estaríamos falando de rendibilidade. A falta de políticas culturais fixo que a verdadeira riqueza quedase esquecida entre as silveiras e os toxos. As antas da cultura megalítica, xoias prehistóricas erguidas polos primeiros arquitectos de Galicia, foron desprezadas porque non se vía nelas ningunha monumentalidade nin oportunidade de negocio.
Se hai anos falaba da illa de Ellis en New York agora quero recoller un exemplo francés no que só se investiron 20 millóns de euros. Trátase dun proxecto comezado por Jospin e continuado por Raffarin que se denomina Centro da Memoria Histórica da Inmigración co que se quere agradecer a achega dos inmigrantes que se instalaron en Francia. O centro formará parte da parisina Cidade Nacional da Historia da Inmigración. O seu nome está indicando que o goberno francés quere darlle a máxima xerarquía en semellanza coas existentes cidades das ciencias e da música.
As obras de remodelación dun antigo edificio de 1920 no que estaba o museo de África e Oceanía custaron só 20 millóns de euros para unha superficie de 10.000 metros cadrados. O responsable deste centro, Jacques Toubon, impulsou unha ampla concertación con estudiosos da historia das migracións, institucións e asociacións destacadas polo seu traballo na recuperación da memoria histórica. Están deseñadas as liñas básicas para que o centro non sexa algo estático, só para mirar, senón aberto e dinámico. Por unha banda será un centro de conservación e salvagarda da memoria e pola outra un centro de producción e reflexión. Haberá unha exposición permanente (cronolóxica, desde a Revolución de 1789 ata hoxe), exposicións temporais (a primeira será sobre o proceso de colonización e descolonización e seguirá con outra sobre os estranxeiros na loita contra a ocupación nazi) e un espazo para as artes plásticas. Ademais un centro de documentación e conservación de arquivos e un departamento de eventos científicos.
Recursos para outras cidades
Quizáis un dos aspectos máis importantes para nós ---que queremos un gran museo da emigración no porto da Coruña e outro no de Vigo--- sexa o de que a Cidade Nacional de París xogará o papel de cabeceira dunha rede que valorizará e apoiará aqueles proxectos que noutros lugares de Francia son testemuña da memoria da inmigración. Non se pretende a centralización na capital senón que desde alí vaian recursos para outras cidades como por exemplo para Lyon que está construíndo o edificio do seu Museo da Inmigración entre o concello e rexión de Ródano-Alpes.
Pódese aprender deste exemplo francés que crea emprego. O que non corresponde é competir con proxectos instalados en cidades que reciben millóns de visitantes anuais ( Pompidou, MOMA, Tate Modern) porque os cartos dos galegos son para crear riqueza dentro. Non pode saír un euro fóra. Un espazo emigrante no monte Gaiás permitirá que a futura oficina administrativa do Valedor do Emigrante teña alí a súa sede. Servirá para centralizar as investigacións e a documentación sobre o fenómeno migratorio no seo dun edificio de referencia. Temos moitos profesionais espallados polo mundo que traballan con ánimo pero sen coordinación e sempre en currunchos de escasa confortabilidade. Os estudosos das migracións e os especialistas en historia americana atoparán o seu fogar ao carón da histórica Compostela. A emigración vive nos nosos descendentes e debemos ser quen de poderlles ofrecer a posibilidade dunha visita a un edificio no que atopen dixitalizadas fichas e fotografías que informen da saída dos seus avós.
Se temos os investigadores traballando seremos autónomos porque poderemos montar as nosas propias actividades conmemorativas que se promocionarán polos institutos do país para que os estudantes coñezan un compoñente básico da nosa historia contemporánea. Poida que haxa quen dubide do atractivo desta temática e sosteña que non lle interesa a ninguén. Unha dúbida ata certo punto razoable vendo tanta trangallada pero que se convirte en certeza cando se presenta un traballo serio no que estamos todos representados ou reflectidos.
Se organizamos unha mostra sobre Alejandro Campos Ramírez (Alejandro Finisterre) temos que crear un evento de carácter didáctico ao mesmo tempo que entretido. Que Alexandre de Fisterra inventase o “futbolín” non pode quedar nunha anécdota senón que será o fío condutor dunha narración que nos faga viaxar desde o cabo Vilán ata Montserrat pasando por Guatemala e México. Que José María Silva Fernández nacese na estradense aldea de Montillón e fose o fotógrafo máis lonxevo de Galicia pouco significa pero se engado que foi amigo persoal e tamén o fotógrafo preferido de Carlos Gardel entón a cousa cambia. A mostra iría acompañada coa música dos tangos de autor galego en aliaxe coa serie de retratos de Gardel máis famosa do mundo feita en Montevideo por Silva en 1933.
podería ser unha saida para algun dos edificios mais o conxunto debe ter unha actividade cultural algo máis ampla...creo eu
Paréceme unha boa idea que unha parte da ex "Cidade da Cultura"sexa aproveitada para un ESPAZO EMIGRANTE. A verdade é que moito falar de diáspora pero en Galicia temos moito descoñecemento desta importantísima parte da nosa historia e ademais nos últimos anos o tema dos votos mercados cunha cea non axudou. Xa sei que na emigración hai mozas e mozos que levan a Galicia no seu corazón pero debemos ser honrados e separar as eleccións do dereito ao benestar. Os nosos descendentes no exterior agradecerán un Espazo Emigrante ---que será seu--- moito máis que calquera posibilidade votar nunha ou outra cita electoral. O voto vaise co vento pero un bo centro de documentación e estudos sobre a DIÁSPORA non hai tormenta que o derrube.
Apoio totalmente que non se esqueza que a EMIGRACIÓN somos nós e que hai que ser agradecido con aqueles irmáns que no século pasado construíron máis de 300 escolas por Galicia adiante. Un lugar de referencia no GAIÁS para a investigación acabará coa miseria actual dos votos. Os dous grandes partidos políticos españois meteron o veleno nas aeleccións ao contrataren axentes ou redadores que ían porta por porta recollendo sobres. O voto por correo creou unha lamentable imaxe dos emigrantes na que aparecían coma se fosen uns merendiñas. O bipartito deberá considerar e actuar con responsabilidade sen pensar en ningún momento nos aspectos electorais. Non debemos permitir que ningún emigrante pase penurias porque o benestar actual é tamén deles. Sería rendible e moi visitada calquera exposición sobre a ampla epopea protagonizada por máis dun millón de cidadáns que se viron forzados a deixar o seu lar. Adiante pois cun Espazo da Diáspora Galega en Santiago de Compostela.
Teño curmáns na Arxentina cos que estou en permanente contacto e foron quen me informaron que o dos votos foi lamentable. Viñan polas casas recollendo os sobres e dicindo que eles os poñías en correos para que así chegasen porque moitos non chegaban a tempo. Se o sobre ía pechado enfadábanse porque dicían que tiñan que engadirlles o código electoral. Apoio e pido que se debata seriamente a boa proposta de que no compostelán Gaiás haxa un sitio reservado para as actividades culturais relacionadas coa emigración e centro de documentación. Penso que os centros galegos da diáspora deberían de reunirse e opinar para que a nova sensibilidade instalada na Xunta os escoite. Os meus curmáns serían uns bos promotores exteriores do Museo da Emigración. Galicia debe posuír un centro de Investigación Migratoria e no Gaiás hai espazo para ese destino. Coido que só fai falla un pouco de empurre desde fóra.
Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003).