Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Un egrexio emigrante en Montevideo

13:32 09/01/2008

Recibín o libro Don Xesús Canabal Fuentes “Fillo predilecto de O Pino” que o seu autor, Manuel Losa Rocha, tivo a xentileza de enviarme desde Montevideo. O emigrante compostelán Losa Rocha tiña trece anos cando en 1953 desembarcou na capital uruguaia.

A súa profesión é a de libreiro ---é o segundo vendedor de libros galego que coñezo logo do falecido Fernando Pereira Caamaño--- e tamén desde hai un tempiño a de editor. Agradezo o bo traballo de Losa porque a vida e obra do inmenso galeguista do Amenal (O Pino--A Coruña) necesitaba dun texto no cal podemos documentarnos.

Montevideo “a taciña de prata” non era precisamente como Bos Aires “a raíña do Prata”. Nunha cidade máis pequena, menos dinámica, o ritmo de vida tamén era máis aldeán, había máis tempo para case todo. Non obstante ambas as dúas capitais tiñan gran similitude en moitos aspectos.

A miña admiración por don Xesús Canabal naceu en Montevideo dentro do seo do Patronato da Cultura Galega. Daquela eu era o dirixente máis novo da colectividade e don Xesús tiña sempre palabras de apoio diante dos meus sinsabores en momentos nos que o galeguismo brillaba pola súa ausencia nas actividades das institucións. Lembro que os seus consellos eran sempre na liña de sementar porque el vivira tempos moito máis escuros.

Xesús Canabal enseguida percibiu os valores desta a súa nova sociedade, valores que el moito admiraba, apreciaba e formaban parte dos seus ideais tamén. Por máis que tería que empezar de novo, formando a súa pequena empresa co sacrificio correspondente dun emigrante con moi escasos recursos, moi novo, sen ter familia nin amigos a quen recorrer, todo o cal non o intimidaba en absoluto e estaba disposto a lograr un espazo.

Telegrama do presidente

No ano 1985 don Xesús foi distinguido coa Medalla Castelao e eu fun a primeira persoa que o souben porque don Xesús se achegou polo local social do Patronato na rúa Río Branco cun telegrama do doutor Sixto Seco. Quería preguntarme o significado daquel curto texto: Noraboa merecido galardón. Botei un brinco de alegría dicíndolle que era a Medalla Castelao. El dicía que non lle chegara ningunha comunicación da Xunta de Galicia. Intentei convencelo ao decatarme de que detrás da distinción estaba a xestión de don Agustín que naqueles anos tiña moi bo “feeling” co presidente da Xunta xa que ademais de compañeiro de profesión de don Xerardo era socio seu no compostelán Policlínico A Rosaleda. Marchou un pouco intrigado. Tres días despois sorría feliz porque recibira o telegrama oficial do presidente da Xunta de Galicia e confirmaba que estaría en Santiago de Compostela o 28 de xuño na cerimonia de entrega das medallas.

Un ano despois de facerse socio de Casa de Galicia, nunha das reunións bailables “descobre” unha fermosa rapaza nove anos menor ca el, polo tanto moi nova aínda. Á primeira vista quedou abraiado desa dama o mozo Canabal, o incipiente empresario, observador como de costume, planificador e coa tranquilidade e a seguridade que o caracterizaba simplemente lle comentou aos amigos que o acompañaban ese día…”Esa bela rapaza será a miña esposa algún día”.

Lembrar a don Xesús é homenaxear tamén ao pequeno grupo de emigrantes que loitaban en Montevideo pola cultura de Galicia (Antón Crestar, Pedro Couceiro, Manuel Meilán...) e que mantiveron aceso o lume da galeguidade na banda oriental do Río da Prata. En Montevideo fíxose moito non pola cantidade senón pola calidade humana duns homes cultos, nobres e traballadores. Hai exemplos que logo foron seguidos por outras colectividades americanas coma ser a fundación o 3 de setembro de 1950 do programa radial “Sempre en Galicia”. O espazo radiofónico nunha emisora privada montevideana era costeado polos membros fundadores. Entre os fundadores estaba don Xesús quen sempre foi o que cubriu o déficit que houbese na recadación. Quero dicir que se a mensualidade era de 500 pesos e o recadado eran 300 pois don Xesús poñía o que faltaba. Así durante toda a súa vida e sempre coa máxima discreción.

Dona Carme non podía crer o que vía e sorría continuamente. O seu fillo, que fora para América con tan só trece anos de idade, unha maleta e moitas ilusións; regresaba agora triunfante, feito un señor, un cabaleiro de aspecto importante, cunha afabilidade, unha elegancia e unha educación coa que sempre soñara a súa nai e xamais dubidou que tería algún día e que agora a sorprendía…

Un lugar
Da xenerosidade de don Xesús pode dar fe Méndez Ferrín quen o coñeceu nuns famosos Xogos Florais organizados polo Centro Galego de Bos Aires nos que actuaba de mestre de cerimonias o meu bo amigo uruguaio Xosé Fernández Seivane. Poucos saben que don Xesús foi quen pagou a última intervención cirúrxica de Suárez Picallo. Teño moita información e coñezo anécdotas que me achegou o benquerido Meilán que tiña unha relación moi estreita con don Xesús desde que en 1936 foi polo seu comercio a encargarlle sobres na súa calidade de presidente do Comité de Axuda á República Española. Tódolos sobres e folios utilizados ata 1939 por Meilán foron de balde. Así era don Xesús Canabal Fuentes.

Recomendo a lectura do libro de Losa Rocha. Nel temos cumprida información sobre un egrexio emigrante que ten gañado un lugar de honor no futuro Espazo Emigrante do monte Gaiás de Santiago de Compostela. A lectura é doada non só porque está ben escrito senón porque amosa agarimo e recoñecemento. As 275 páxinas da obra comezan e rematan no Amenal. Que o libro abra e peche falando da súa aldea e da súa parroquia é quizais a mellor homenaxe posible porque agora mesmo está sorrindo e comentándolle ao seu irmán Manuel que el nunca estivo lonxe do seu fogar.

5/5 (8 votos)


Comentarios (5)

AURINEGRO #1 11/Xaneiro/2008 AURINEGRO

Alégrame que haxa quen escriba sobre a EMIGRACIÓN con coñecemento do tema porque verdadeiramente nos últimos anos o que antes era consideración mudou en descrédito. Quero dicir que o "trapicheo" do voto emigrante fíxolle moito mal á imaxe da diáspora. Houbo enormes emigrantes coma Canabal Fuentes (estupenda a anécdota do telegrama)que merecen recoñecemento porque loitaron con firmeza para que Galicia tivese un goberno autónomo.

AURINEGRO #2 11/Xaneiro/2008 AURINEGRO

Unha boa fichaxe a de Manolo Súarez(eu teño o seu estupendo libro A emigración galega no tango riopratense)porque nos achega ao mundo emigrante riopratense e sobre todo ás beiras uruguaias. Quixera pedirlle escriba algo sobre EL VIEJO PANCHO (estou investigando algo sobre literatura gauchesca)xa que segundo uns amigos meus de Ribadeo foi el quen en 1981 presentou un libro editado en Montevideo sobre a vida e obra de Xosé Alonso e Trelles. Por suposto que lerei o libro sobre Xesús Canabal.

NOVOGARDEL #3 11/Xaneiro/2008 NOVOGARDEL

Coincido con AURINEGRO en que toda a lamentable trangallada do voto emigrante non favoreceu nadiña aos milleiros de emigrantes que permaneceron alleos ao chapurreo feito polos axentes electorais (rapazas e rapaces contratados para visitar "clientes").
Pero a mocidade non debe meter a todos no mesmo saco (véxase don don Xesús Canabal Fuentes)porque sería esquecer a importante achega dos vellos galeguistas na Arxentina e no Uruguai.Neste noso país somos especialistas en escurecer as boas traxectorias. Os tempos son chegados de que todo emigrante con labor a prol de Galicia sexa recoñecido (por certo, no Gaiás hai lugar de abondo para encher os seus fríos muros co calor dos EMIGRANTES quecedores de medio mundo).

CGB #4 11/Xaneiro/2008 CGB

Claro que houbo grandes patriotas galegos no seo da emigración e sobre todo en países americanos pero hai que recoñecer que nos últimos digamos dez anos do único quese fala é de que por mor da crise os votos mércanse moi baratos. Xa sei que non todos os emigrantes se venden por unha comidiña pero temos que rematar coa estafa do voto emigrante porque máis de 300.000 galegos que viven fóra son electores nos comicios de marzo. Supoño que don Xesús Canabal Fuentes estará abraiado diante da ineficacia interesada dos dous grandes (PP-PSOE) que adían todo o que poden a reforma da LOREX (que non é ningún dogma de fe). Adiante cos teus artigos Suárez Suárez.

Barbara #5 13/Xaneiro/2008 Barbara

A verdade é que leo moito sobre EMIGRACIÓN GALEGA e cada vez sei menos porque é un mundo sen límites. Agradezo a Suárez Suárez a súa especialización para ir aprendendo algo sobre da vida e obra daqueles galeguistas que loitaron na Arxentina e no Uruguai. Aínda por aquí temos moitos patáns que non recoñecen o que fixeron por nós algúns homes e mulleres da DIÁSPORA. Por certo que o do voto emigrante non hai por onde collelo (alguén se beneficiara --digo eu-- se non hai interese en modificar a lei que o regulamenta.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003).