É o noso momento. O da Mariña lucense, o de todas as comarcas que compoñen a circunscrición electoral de Lugo. O 9 de marzo imos elixir os nosos representantes pola provincia de Lugo.
Non imos votar por un presidente ou outro, senón que imos depositar a nosa confianza nuns deputados que terán que defender propostas que enriquezan as nosas vilas a través das distintas políticas sectoriais (infraestruturas, sociedade do coñecemento, servizos sociais, coidado do medio ambiente), que defendan os nosos dereitos como cidadáns no canto de potenciar políticas reaccionarias e ultraconservadoras, que aspiren a maiores cotas de autogoberno favorecendo coa súa presenza a negociación dun estatuto de igual rango que o de vascos e cataláns; que defendan, en fin, os intereses de Galiza por riba de todo.
Sendo un mociño comecei a simpatizar coa causa galeguista. Os libros que fun lendo sobre o tema, e ante todo o labor político desenvolvido polos distintos partidos políticos, deixáronme ben claro que necesitabamos dunha organización política propia, sen ataduras. Nos anos oitenta e noventa era moi recorrente o argumento de consolación vasco e catalán: “eles si que mandan, si que lles fan caso en Madrid; se vós puiderades coma eles...!” Os partidos políticos poden responder do que lles propuxeron aos cidadáns se estes lles dan nas urnas a forza necesaria para ser tidos en conta. A cidadanía sempre acudiu aos deputados e deputadas do BNG para sacaren adiante propostas coas que solucionar problemas. E o BNG nunca lles dou as costas. Tampouco prometeu imposíbeis; ora ben, sempre dou todo de si.
Incluso nos duros anos de maioría absoluta do PP conseguiu sacar adiante propostas que primeiramente eran rexeitadas e despois presentadas como propias polo partido gobernante. E cando non houbo maioría absoluta co PP tamén se lograron cousas (lembrar o deseño inicial das liñas ferroviarias feito por Álvarez Cascos e a reacción posterior tras as protestas do BNG e dos axentes económicos e sociais galegos). Realmente cren que se non houbera representación do BNG en Madrid cando o do Prestige desde o goberno central ían reaccionar como o fixeron? E aínda así canto houbo que pelexar. Nada nos é dado. Deixar todo da man dos demais non ten sentido.
Está nas nosas mans
Ao longo desta lexislatura puidemos comprobar que o protagonismo do BNG foi crecente. Vímolo na Mariña, na Terra Cha, na cidade de Lugo e nas comarcas do sur, con actuacións variadas para axilizar diversas obras públicas de grande calado ou nos orzamentos; trátase de logros acadados a maiores do inicialmente previsto Puidemos constatar, en fin, que cando se é necesario e se ten o apoio real da xente (e non só palmadiñas nas costas) pódense facer cousas. Depende de todos nós. Está nas nosas mans. Deixármonos levar pola deriva bipartidista, ou facérmonos escoitar coa forza das urnas.
Non podemos seguir laiándonos e botándolle as culpas aos demais. Temos que responsabilizarnos dos nosos actos. Non podemos caer no bucólico sentimentalismo da honra sen barcos. Que aportaba a Galiza votar contra Magdalena Álvarez se dentro duns días deixa o seu cargo? Que lles aportou a outros votar a favor dela sen negociar nada a cambio? Eis a importancia da presenza do BNG no parlamento español: actuando responsabelmente faise valer e acada melloras (tanto económicas como competenciais) para Galiza. E desta vez, Lugo tamén vai contar con presenza en Madrid. Porque xa puidemos comprobar que é útil.
Ola Farru, xa fai algún tempo que leo os teus artigos, mais sempre me daba algunha pereza escribirche, agora fago recordando algúns tempos que pasamos xuntos, nas loitas e proxectos, e sempre e bó saber que seguimos a traballar por mellorar a situación do Noso Pais, así que estou de acordo e pareceme interesante a reflexión que fas neste artigo,o mesmo que animar a xente a que nas próximas eleccións tome partido pola opción do BNG e ter mais forza en Madrid e poder conseguir mais competencias e melloras.
Un saúdo do pintor Nolo Suárez.
Un pouquiño demasiado mítin na miña opinión. Agardaba atopar máis ideas sobre Lugo.
O que si que está claro é que se queremos que Galiza exista no Congreso, necesitamos ao BNG.
Como marinhao quero-te saudar e concordar, em geral, contigo. Mágoa que os comportamentos do BNG, precisamente na Marinha, nom fossem (sejam) sempre tam correctos como eu quiger.
Assi como a grande eiva que padece o BNG radica na sua estrutura interna, certo é que nom por isso devemos deixar de confiar no único partido que a dia de hoje pode defender em primeira pessoa os interesses da Galiza. Mágoa que moitas veces nom se aposte polos mais acaidos. Eu, que voto na Crunha, pergunto-me se realmente pagaria a pena dar-lhe o meu apoio a Jorquera só para que a Galiza tenha "mais forza en Madrid".
Si, mulher, si. Vota BNG, como fago eu ainda que às vezes haja que votar tapando o naríz.
Pero se os votamos ¿vannos colocar como o director de Benestar ou a Castrillo? ¿Porque se non...?
Se fora certo o que se di como efecto das eleccións. Cómo é que a realidade é tan diferente a eso escrito máis enriba?
""Non imos votar por un presidente ou outro, senón que imos depositar a nosa confianza nuns deputados que terán que defender propostas que enriquezan as nosas vilas a través das distintas políticas sectoriais (infraestruturas, sociedade do coñecemento, servizos sociais, coidado do medio ambiente), que defendan os nosos dereitos como cidadáns no canto de potenciar políticas reaccionarias e ultraconservadoras, que aspiren a maiores cotas de autogoberno favorecendo coa súa presenza a negociación dun estatuto de igual rango que o de vascos e cataláns; que defendan, en fin, os intereses de Galiza por riba de todo.""
Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007).