Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


O poeta Blanco Torres e a actualidade

11:50 14/03/2008

No ano 1999 recibíamos con agrado e sorpresa a concesión do Día das Letras Galegas por vez primeira para un escritor represaliado polo franquismo. A sorpresa foi maior por tratarse dun escritor descoñecido para a maior parte dos galegos, mesmo para moita xente relacionada directamente coa contorna da Literatura e a Lingua Galega. Non faltaron voces indignadas, ben queixándose do erro que implicaba “andar a remexer no pasado e abrindo vellas feridas” ou ben indicando hipocritamente que Roberto Blanco Torres non era merecente de tal galardón por ter unha obra en galego insuficientemente extensa.

En todo caso, foron moitos os traballos que se levaron a cabo entre os últimos meses de 1998 e os primeiros do ano seguinte, demostrando o seu talento poético e xornalístico así como o fondo compromiso coas clases populares, coa lingua e cultura galega e coa arela de acadar un status nacional para Galiza dentro dunha verdadeira república federal. Aínda que non vou entrar detalladamente na súa incesante actividade social e política no ámbito do nacionalismo, o agrarismo e o republicanismo, convén destacar a súa dilatada militancia nas Irmandades da Fala, na ING e no sector galeguista de Izquierda Republicana.

Tampouco vou tratar o aspecto periodístico, a pesar de que foi probablemente o mellor e máis fecundo xornalista do seu tempo. Penso que todos somos conscientes do escaso recoñecemento con que conta esta actividade, e neste aspecto o silencio afecta a todos os seus compañeiros de profesión, mesmo aos non represaliados; con todo tampouco é neste punto no que quero entrar nesta ocasión, senón que quero centrarme exclusivamente no labor poético.

Os poemas do autor destacan especialmente pola orixinalidade, tanto no que atinxe á introdución da temática filosófica con resonancias unamunianas, sen ningún tipo de referente na nosa lírica, como polas composicións de censura moral e denuncia social, pouco habituais no seu tempo, expresadas nun estilo sobriamente impregnado de imaxes e outros recursos propios das novas tendencias da poesía de vangarda que estaban a chegar de Europa. Podemos consideralo, por tanto, como representante dunha vertente senlleira na poesía do primeiro terzo do sec. XX.

Algúns recoñecidos críticos manifestaron a indubidábel significación da obra poética do cuntiense. Así Miro Villar na edición de Orballo da Media Noite consideraba esta obra, xunto co De Catro a Catro de Manuel Antonio, como un dos mellores e máis orixinais poemarios da Xeración do 22 e situábao “na cerna do movemento de renovación poética de preguerra”, apoiando ademais as opinións expresadas por Carlos L. Bernárdez e Ramón Nicolás no referente á existencia dunha nómina de poetas “esquecidos” ou “náufragos”, na que inclúen entre outros a Blanco Torres, Euxenio Montes, Xulio Sigüenza, e Manuel Luís Acuña. Tamén é interesante a análise que do libro fai Arcadio López Casanova, quen considera como unha das causas principais do esvaecemento do poeta motivacións alleas ao mesmo, “a falta da construción do sistema que acerte a dar explicación da estrutura e da evolución da nosa lírica máis alá de rexos esquema positivistas ou de vacuos esquemas historicistas”, ademais de insistir na unidade xeracional do grupo de vangarda e ruptura que liga estreitamente a este poeta con Amado Carballo, Manuel Antonio, Pimentel, Bouza Brei ou Manuel L. Acuña.

Mais, como era de esperar, pasado o día de Blanco Torres todo voltou ao seu rego. O escritor pasou a converterse de novo nun descoñecido que non é nin mencionado en practicamente ningunha Historia da Literatura. Unicamente habería que exceptuar a Breve Historia da Literatura Galega de Mercedes Queixas (1999), onde se sinala ao autor como un dos principias novecentistas xunto a Amado Carballo, Manuel Antonio ou Bouza Brei, e cítase o seu poemario como un dos máis representativos da súa xeración, feito que conleva un valor engadido por se tratar dun estudo, aínda que rigoroso, extremadamente concentrado. Mais quizá influíu a actualidade do Día das Letras, pois nalgunha obra posterior máis extensa nin sequera menciona o Orballo da Media Noite. Refírome concretamente á Historia Xeral da Literatura Galega, na que quizais o criterio de Anxo Gómez, coautor da obra, se impuxese á hora de estruturar o panorama poético de preguerra, considerando que o citado autor non tiña o suficiente peso como para ser tratado.
Non sei se é este o caso, mais observo que moitos analistas da nosa literatura non se atreven a recoñecer a inxustiza que se cometeu durante tantas décadas ao ignorar a este poeta, algo que resulta incomprensíbel se nos remontamos aos tempos da publicación do Orballo da Media Noite e observamos a expectación e entusiasmo que causou nos círculos literarios galegos.

A actitude dos investigadores
O feito de non fora un poeta suficientemente estudado até hai escasos anos (por motivos obvios) quizais condicione a actitude actual dalgúns investigadores que se negan a outorgarlle o lugar que lle corresponde a Blanco Torres na Historia da nosa Literatura, pois só así, en base á súa invisibilidade, poderían fundamentar o inxusto abandono e indiferencia de que é obxecto na actualidade.

Non hai moito tempo nunha conversa informal unha persoa dedicada ao ensino de Lingua e Literatura Galega, indicábame que Blanco Torres era un grande xornalista mais que non podía ser considerado un bo poeta. O certo é que inmediatamente, perante as miñas obxeccións, recoñeceu que non tiña lido o Orballo da Media Noite. Quixera facer unha recomendación a todos aqueles que gostan da poesía e especialmente aos docentes e estudosos desta materia, e é que lean a obra deste poeta de vagar e sen prexuízos; e despois que tiren eles mesmos as conclusións oportunas.

O triste é que a día de hoxe non hai un só libro de texto destinado a estudantes de ensino primario ou secundario onde se trate nin minimamente a este autor e a súa obra, impedindo así o acceso do alumnado ao coñecemento da obra dun escritor que en tan grande medida contribuíu á prosperidade da nosa cultura e da nosa terra, e que está sendo asasinado novamente polos comedidos estudosos da Literatura.

4,75/5 (20 votos)


Comentarios (5)

EVAZSOU #1 15/Marzo/2008 EVAZSOU

Mui oportuno. E não é caso único. Resulta indignante que com tantas universidades, tantos centros de pesquisa, tantos projectos, bolseiros, investimentos ainda não haja um manual decente de Literatura galega que ponha em questão às teses galácticas, periodizações, estruturas e analise a fundo e com crítica o jeito estilístico que nos legou Carvalho Calero e que é tempo de encetar a questionar.

Para além convêm destacar a importante influência que tem Blanco Torres em Ricardo Carvalho Calero como poeta.

luisfoz #2 15/Marzo/2008 luisfoz

Também eu digo, como Ernesto, muito oportuno. Como se diz popularmente "acabou o dia, acabou a romaria" e quando digo isto nom estou apenas a citar a sabedoria popular mas umha frase do artigo de Juan Luís Blanco Valdés "Tio Roberto", publicada no número 57 da revista Agália e escrita a finais de Junho de 1.999. O certo é que Blanco Torres foi menosprezado o próprio ano em que lhe dedicárom o Dia das Letras. Procurei demonstrar isto num longo trabalho que intitulei "Blanco Torres é nosso! Bibliografia e hemerografia críticas" que se publicou nesse mesmo número de Agália, especial dedicado a Blanco Torres. A verdade é que o pobre de Blanco Torres tinha-as todas para ser ignorado: galeguista de esquerdas, assassinado polos fascistas e reintegracionista; este último pormenor nom pudo, aliás, ser ocultado ja que a sua familia exigiu que os seus textos fossem reproduzidos tal e como el os escrevera. Nem sempre fora tam esquecido o nosso Blanco Torres; Ferrín considera-o "poeta de grande altura" e Carvalho dizia que dentro das correntes poéticas de seu tempo na Galiza, a poesia de Blanco Torres era de umha originalidade inegável. Além disso fago minhas as opinions de Ernesto. Nom me estranha que Blanco Torres seja ignorado em tantas histórias da nossa literatura.

luisfoz #3 15/Marzo/2008 luisfoz

Por suposto que os comentários de Marcos Seixo som também muito atinados para além de oportunos. Já me esquecera de dizê-lo.

XurxoMG #4 16/Marzo/2008 XurxoMG

Como mostra dese silencio que se impón a certas figuras, douche un dato: na facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, onde eu estudei Filoloxía Galega, non hai un mísero exemplar da principal obra do autor en cuestión: Orballo da Media Noite.
Xaora que tampouco nas aulas foi un autor tratado con certo detalle (algo que se pode esixir nunha carreira de Filoloxía Galgea), canto menos, que eu lembre. E, se me apuras, tampouco falamos nin de Luís Pimentel, por mor de que non se sabía onde encaixar: autor de pre ou posguerra?
Aínda somos un pobo que nos descubrimos aos poucos, mesmo os que estudamos isto. Agradécense logo, artigos como o teu.
Xurxo.

luisfoz #5 18/Marzo/2008 luisfoz

Já desapareceu esta opiniom da primeira página; quando apareceu pensei que haveria muitos comentários mas nom foi assi. Tiro a conclusom de que a imensa figura de Blanco Torres deve interessar a pouca gente a nom ser a Marcos Seixo, que tanto trabalhou sobre ele, a Xurxo e a mim. É o país que temos.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcos Seixo

Marcos Seixo

Marcos Seixo Pastor é profesor de lingua e literatura galegas. Na faceta de escritor cómpre destacar como autor das primeiras biografías de Blanco Torres e Xoán Xesús González, a edición dalgunhas das súas obras, así como distintos traballos sobre a represión franquista.  É membro da Asociación Cultural O Meigallo de Cuntis e coodenador da revista cultural A Taboada.