Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O urbanismo e os puti-clubs

09:00 17/03/2008

Da desaceleración do mercado inmobiliario xa falan até aqueles que hai poucos meses negaban con vehemencia a súa existencia. Cada vez que me xunto cos amigos acaba saíndo o tema. Uns teiman en que o que se está a ver é só a punta do iceberg mentres que outros defenden a idea de que os pisos subir non van subir pero tampouco van baixar. A liorta está armada e a intensidade do debate é directamente proporcional ao ritmo das cañas. Mais eu, nestes momentos de augurios varios, penso cabreado en quen nos defendeu desta burbulla que a tantos enriqueceu e que agora ameaza con deixar petos esfolados.

Neste país, dende mediados dos 90, non mercar un piso era case sinónimo de ser un pouco parvo ou un ninguén. Póñolles exemplos. Na miña parroquia, contaxiados polo extraordinario andazo do cemento, os paisanos investían os aforros para pagar a entrada dunha segunda residencia en Ordes ou Carballo (os máis afortunados mesmo se atrevían a facer o propio na Coruña ou en Santiago). O negocio redondo corría de boca en boca. Comprabas un piso por 15 millóns e antes de que marchasen del os obreiros xa custaba 18.

Os promotores e construtores de toda a vida viron como de repente se multiplicaba a competencia. A suma de terreos e ladrillos eran a ecuación perfecta cara un ‘pelotazo’ asegurado. Aqueles que tiñan poucos escrúpulos e moito peito aprenderon de seguida que as normas subsidiarias, os PXOM e as áreas de reparto se deseñaban á calor de requintados pratos e riojas gran reserva. Os tratos pechábanse verbalmente nas barras dos puti-clubs, mentres o alcalde ou o concelleiro de Urbanismo pedía a enésima botella de champán poñendo nos escotes das camareiras billetes de 500 euros. Para moitos chegara a súa sórdida ‘belle époque’.

E para o cidadán de a pé quedaba a máis absoluta indefensión. As urbanizacións abrollaban coa facilidade das labazas. Un podía erguerse ao día seguinte cun edificio de cinco alturas (con áticos non declarados, por suposto) ao lado da súa modesta casa. Defender un espazo natural senlleiro ou poñer peros á cimentación dunha praia era cousa de “preas”. Pouco importaba que non estivesen previstos os sumidoiros, que as rúas tivesen dúas cuartas de ancho ou que a única zona verde do barrio quedase reducida ao cemiterio. Todo se cociñaba de costas aos cidadáns, aí estaba o cerne do negocio: mercar terreos a prezos de saldo, recualificalos, construír de calquera xeito e multiplicar beneficios...En fin, quizais son optimista de máis falando en pasado, non si?

4,61/5 (69 votos)


Comentarios (14)

Maeloc-do-Rouco #1 21/Marzo/2008 Maeloc-do-Rouco

Bo Artigo...Dos que compre ler pra abrir os olhos a REALIDADE e os seus actores activos e passivos, honestos e funestos...Umha boa regenerazom sociologica e o que fai falha neste pais nosso tam marabilhoso -coas suas falhas jaora- e tam deixado da mau de deus polos proprios filhos(?)

Gaviotero #2 21/Marzo/2008 Gaviotero

Redacción justita. Argumentación cogida con hilos...

Un suspenso en primero de periodismo.

Barcelos #3 21/Marzo/2008 Barcelos

Estanse rifando unhas cantas hostias e hai un que ten todas as papeletas.

Sabrexo #4 21/Marzo/2008 Sabrexo

Non esquezamos que unha figura básica do urbanismo gavioteril é a do alcalde-promotor ou o concelleiro-promotor. E nalgo teñen que gastar logo os "pingües beneficios".

A2b2 #5 21/Marzo/2008 A2b2

Moi bo título, si señor!, .... porque grandes operacións urbanísticas cuallaronse nos PUTICLUBS. ..... e despois decides que os Puticlubs non cumpren grandes fins sociais e económicos???? (jejejeje...)

BonKarallan #6 21/Marzo/2008 BonKarallan

Fálavos un parvo. Ou sexa, un que non mercou un piso e que non o pensa mercar. Non se se me toca o Euromillones...

A min o que me repatea é esa xente que merca un piso para investir. Sóbralle o diñeiro, non sabe que facer con el. (Non mo quere dar a min) e decide investilo en algo sólido e seguro.

E que máis sólido que un piso feito de ladrillos.

E vivir nel? Non que xa ten o seu.

Alugalo? Para que meterse en problemas, se logo cando consegues botar aos inquilinos déixancho feito unha merda.

Eu en vivenda son comunista e para min os pisos deberían ser todos propiedade pública.

arantza #7 22/Marzo/2008 arantza

Suponho que o feito de comparar o urbanismo cos lupanares pode quedar feio, mais é o melhor exemplo posível. Gaviotero, deve ter algum andar sem aluguar. A especulaçom em Galiza é de julgado de guárdia. Mas nom há ninguem que o diga. Assim estamos...olhai...Em Verim...

Maeloc-do-Rouco #8 22/Marzo/2008 Maeloc-do-Rouco

Gaviotero, es umha pessoa muito razoabel...Tudo o que dis e dumha clarividencia meridiana e o teu preclaro juizo sobrancea pacifismo, educacom, estilo, justiza, liberdade e humanidade...Que pouco tolo estas!!!

corunas #9 22/Marzo/2008 corunas

estás moi informado.¿Foches testigo casual de moitos deses tratos?.¿tes alguen que te informa dende dentro?. Non sei eu.....

Sabrexo #10 22/Marzo/2008 Sabrexo

A relación entre o urbanismo e os puti-clubs fica ben clara a través dese concelleiro de urbanismo ultrarrelixioso do PP en Palma que gastou 50.000 euros coa visa do concello en ir de putos.

BonKarallan #11 22/Marzo/2008 BonKarallan

Redacción inxusta. Argumentación collida con tenaces.

Un suspenso en educación ao comentario #2

Maeloc-do-Rouco #12 22/Marzo/2008 Maeloc-do-Rouco

Pr aos "listillos" 2 e 10..Isto e uma rtigo de opiniom, se nom das nomes (que nom os da) nom tes que citar fontes...Tes que argumentar com logica e claridade...Nem um nem 10 estudarom jornalsimo nem semelha que exerceram...agora critcar e doadop e de balde

Sabrexo #13 23/Marzo/2008 Sabrexo

O concelleiro do PP que gastou cartos públicos en prostitución (masculina) é Javier Rodrigo de Santos, non é preciso citar a fonte porque é unha nova de actualidade.

http://actualidad.terra.es/nac...

edreira #14 23/Marzo/2008 edreira

Cousas da lei do solo, ou mais ben deberíase chamar lei de reservas de Rioxa e puticlubs.
Se lle vas engadindo concellos pequenos con catro listos derredor do poder, falta de mecanismos de control na redacción dos plans, unha CPTOPT que non pode con todo o que se lle ven enriba xa tes o resultado....pelotazo o canto.
È imposíbel que a dirección xeral de urbanismo poida controlar tantos PXOM o mesmo tempo en profundidade. Consecuencia traballo feito a medias e "erros" por ser suave, nos mecanismos de control, os plans óllanse por enriba.
O cidadán prexudicado so lle queda berrar e a Fiscalía, ou meterse nun preito de "in secula seculorum".....magoante.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ramón Vilar

Ramón Vilar Landeira (Rodís-Cerceda, 1973). Director de Vieiros. É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Antes de asumir a dirección de Vieiros, traballou como redactor en La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Outra faceta súa é a literaria. Como escritor en lingua galega obtivo diferentes premios de poesía e narrativa.

Máis opinións