Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Trescentos anos máis

11:15 25/03/2008

Parece que nesa inescrutabel cronoloxía de aconteceres relixiosos, cando volva a coincidir a semana santa co día de San Xosé terán pasados 300 anos maís.

Non teño nin idea de cando sucedeu antes de agora, así que, se non teño mal recordo, este ano de 2008 terei asistido á primeira coincidencia e –polo visto—incompatibilidade entre o día dos Pepes e a lembranza da Paixón de Cristo.

En Valencia a concorrencia é maior, polo asunto das fallas. Non sei cántas procesións organizan, pero sei que os foguetes non tiveron reparo e cumpriron co seu cometido, sen que falleiras maiores e menores tivesen escrúpulos de conciencia, e a xente vezou de arriar a xeito mascletás e ninots e rematarán coa “nit del foc” como é preceptivo, ordeado e tradicional, ou sexa, comodiosmanda.

Pero en Ferrol, non. A Semana Santa Ferrolán, isa creación vertical tan representativa da hierarquía, tan recente, sí, tan superestrutural, tan agresiva, tan incómoda e tan retrógrada, non permite concorrencia. Non cabemos todos. Xa non abonda con que a parafernalia e os disfrazados se fagan donos de todas as rúas principais, que atoren víais e aparcadoiros, que atronen con percusións guerreiras días e noites, que poñan a desfilar militarmente a civis profusa e requintadamente uniformados, que ondeen bandeiras de sectas diversas; que, en fin, a todopoderosa Igrexa veña a demostrar o seu poder.

E as Pepitas? Bueno. O San Xosé, que dá lugar ao día do Pai –sen selo, a guiármonos polos Libros oficiais da Administración convocante—ten deixado en Ferrol unha antiga, popular, fermosa e inocua tradición que consiste en pórse a andar as rúas os músicos amadores e entoar cánticos con letras de vates locais e doutros lares so pretexto de homenaxear as lindas mulleres dese nome, Josefas, Finas, Sefas, Pepas, Pepitas, Mariajos e demais.

Digamos que temos en Ferrol unha expresión civil ligada ao Santoral que é orgullo de moitas xeracións. E tamén unha convocatoria moi interclasista, moi aberta –os compoñentes das rondallas son variopintos e variopintados—e serve de treino e lanzamento de músicos e de poetas que logo aportan ao país esa saiva nutricia que constrúe tanto coma o formigón e o ferro.

Pois este ano, en Ferrol, sucumbiron. Non sei nen cómo nin quen tivo parte na decisión, pero decidiuse que as Pepitas ficaban adiadas para outro día, queseieu, San Andrés ou Santa Leocadia, ou calquera. Así, para non estorbar.

E non sei de que houbese disidencias, nin que opinaron as forzas representativas. O caso é que ficou demostrado que cando a Igrexa toma as rúas non hai sitio para os outros. Que, ao xulgar polo resultado, a Concellaría de Cultura de Yolanda Díaz se ten apontado un tanto en contra. E eu, que coidaba que podía haber unha rúa, unha praza, unhas tabernas para as bandurrias, os laúdes, as mandolinas e as guitarras, para as voces corais, que pudiéramos ter unha cidade compartida, unha sociedade compartida, resultei defraudado, indignado, impotente. Triste. Quizais non son o único, ou é que todos estamos a perder a capacidade de pensar no interés colectivo. Ninguén pode ignorar o que significa isto, a carga simbólica e a forzada comparación entre unhas e outras afeizóns ferroláns.

O peor é que tardaremos 300 anos en ter a oportunidade de enmendar.

4,53/5 (17 votos)


Comentarios (13)

esquio #1 25/Marzo/2008 esquio

Eu tamén estiven en Ferrol nesta Semana Santa e ao igual que ti sentín vergonza e cabreo pola decisión. E non entendo como IU aceptou isto, ou mesmo se foi idea deles.

O de Ferrol non ten nome. As procesións teñen unha escasa tradición (no tempo) ainda que que vaia xente velas. Se alguén estivo alí, vería como o tempo se detivo hai 35 anos: A Garda Civil faille garda a un Cristo, a banda da Marina toca saetas detras dunha virxe e ao metela na igrexa cambian ao himno español, os da OJE seguen desfilando co seu paso marcial, detrás da Confraría do "Santo Entierro" seguen as forzas vivas, as mesmas que hai 35 anos. Todo o anterior co copatrocinio do Concello e da Deputación (coido).

Ao mellor a Ferrol non hai quen o cambie...

ecoe #2 25/Marzo/2008 ecoe

Pois pra seres ambos de Ferrol non sei como non denunciades que o integrismo católico ferrolán recebeu do Concello, por man da sacrosanta Iolandiña, nada menos que 70.000 ouros de nada para a conxunción do rancioso: militarismo con integrismo vaticanista.

En fin.

Calidonia #3 27/Marzo/2008 Calidonia

Faltaranche foros e lugares para denuncialo, ecoe. Ou querías dicir outra cousa? Eu boto de menos en Vieiros máis novas sobre o asunto este dos ciganos, nos que foi un concelleiro de IU de Ferrol o único político galego que tivo palabras certeiras para cualificar a proposta de "gueto" de Vicepresidencia.

Sabrexo #4 28/Marzo/2008 Sabrexo

A maioría dos xitanos están vivindo en guetos actualmente. Mágoa que a ese concelleiro de IU en Ferrol só se lle ocorrese denuncialo precisamente cando hai unha proposta para rematar con eles a través de poboados transitorios de integración, que malia todo van ter unhas condicións de vida moito mellores que as infravivendas nas que están agora. E esa iniciativa de Vicepresidencia conta co apoio dos propios xitanos.

A algúns cégalles a teima antinacionalista.

Calidonia #5 28/Marzo/2008 Calidonia

Si, no País dos Cegos o Chosco é o Rei.

Comentalle iso do antinacionalista tamén a Xosé Manuel Pereiro ou a Manolo Rivas:

http://sihomesi.com/2008/03/25...

http://www.elpais.com/articulo...

Sabrexo #6 28/Marzo/2008 Sabrexo

Home, o nacionalismo do grupo PRISA, que queres que che diga...

Artritris #7 28/Marzo/2008 Artritris

Sabrexo, Sabrexo... pódeche o sectarismo e a prepotencia de quen se cre con autoridade para expedir carnés de nacionalismo. Que peniña.

Sabrexo #8 28/Marzo/2008 Sabrexo

Eu non expido carnés ningúns, estábase falando dun tema e de repente cámbiase a outro totalmente distinto para acusar a Quintana pouco menos que de racismo. Algúns só se acordan do BNG para criticalo, mesmo cando non vén a conto. Éche unha pena, si...

Artritris #9 28/Marzo/2008 Artritris

E algúns só se lembran dos outros cando toca levantar o dedo, pegar carteis ou aplaudir. E logo levamos mal as críticas, claro, e acusamos aos críticos de antipatriotas ou "inimigos na casa". É unha vergoña de tal magnitude que ás veces da gañas de chorar.

Sabrexo #10 28/Marzo/2008 Sabrexo

Si, niso levas razón, os que menos carteis pegan son sempre os primeiros en falar.

Calidonia #11 28/Marzo/2008 Calidonia

Sabrexo, que si, oh, que tes razón. Que ti dictas virtudes e cualidades coma ninguén. Que eu sou parvo e voto nacionalista sendo antinacionalista. Que merezo a condena eterna por ver o lixo no ollo propio en vez da viga no alleo. Que si, CAMPEÓN.

Sabrexo #12 28/Marzo/2008 Sabrexo

Non, ho, tela ti, campión, que votas nacionalista e arremetes contra Quintana sen vir a conto só porque alguén criticou antes a IU. E que ninguén ouse contestar, que xa é un sectario e un prepotente. É que a min, que queres que che diga, que a alguén que manifesta apoiar ao BNG e que as únicas opinións que se lle vexan sexa criticar o BNG, son cousas que se me escapan. Os que non che somos tan teóricos só servimos para pegar carteis.

remexendo #13 31/Marzo/2008 remexendo

Sabrexo: Non lle deron unha medalliña a Xaime Bello, que aceptou gostosamente, por apoiar económicamente a Semana Santa de Ferrol tanto cando foi Alcalde, que aportaba moito máis que o aportado este ano, como Vicepresidente da Deputación da Coruña?.
Sabrexo: Canto lle deu este ano Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación da Coruña, ós desfiles do KKK en Ferrol? Ti o debes saber moi ben.
Sabrexo: Canto deu a Xunta de Galicia a través do departamento de Turismo ,en máns do BN Gas, para os desfiles do Ku Kus Klan en Ferrol?.

Por qué non no le explicas Sabrexo.

Concordo co artigo de Carlos Neira en Ferrol temos que caber todos e hai espazos onde poder facer festa e outras cousas arrepiantes

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Neira

Carlos Neira Suárez

Naceu na bisbarra de Ferrol en 1950. Foi un membro destacado do comité de Astano nos primeiros anos 80. Militou no PSG-EG e chegou a ser concelleiro en Fene por Unidade Galega. Na actualidade dedícase ao mundo da empresa.