Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Chabolismo

11:35 04/04/2008

Non é tema fácil falar do que está sucedendo estes días na Coruña a conta da polémica polo realoxamento dos chabolistas que viven no poboado de Penamoa, ou en Monteporreiro e O Vao. Aínda que a exposición que vén a continuación se centra no caso da Coruña podería aplicarse perfectamente ó caso pontevedrés, é unha cuestión de proximidade que escolla esa como exemplo.

Non é fácil porque chocan moitos intereses ou sentimentos, seguramente lexítimos, e tamén seguramente fundamentados de moita xente: dos chabolistas, dos veciños de Mesoiro, Eirís ou Os Rosais, do propio Concello …

Mais tamén creo que nun tema así, con toda a complexidade que ten, é necesario posicionarse, aínda a risco de non contentar a ninguén ou de recibir críticas dun ou doutro lado. Para facelo direi que case toda a miña vida vivín moi preto dun poboado chabolista de familias xitanas en Lugo, o poboado do Carqueixo, co cal, cando falo, fágoo con algún coñecemento de causa.

Teño escoitado non poucas veces a algún veciño meu dicir iso tan común de "eu non son racista pero os xitanos non os quero". E dicíao pola experiencia que el tiña con respecto a ese colectivo, e polo tanto lexitimamente. Pode que incluso, dende o seu punto de vista persoal, con razón, pois valorábaos polo que coñecía.

Tamén escoitei moitas veces iso de que "os xitanos non se integran nin de broma", cousa que entendo dende o punto de vista das persoas ás que llo teño escoitado, pero na que non coincido, cando menos expresado de tal xeito.

Pero dito iso, creo que as administracións públicas teñen a obriga de tratar todas as persoas en condicións de igualdade, sen discriminación de ningún tipo, tampouco por razón de raza. E creo que en toda esta polémica moitas veces se está caendo na discriminación dende a propia Administración.

É dicir, hai un poboado chabolista en Penamoa, que hai que desaloxar porque se van facer alí actuacións urbanísticas. Ben. O primeiro que ten que ter claro calquera Administración é que non se realoxan xitanos, realóxanse persoas, e como tal deben ser tratadas. Esta é a primeira trampa na que, dende o meu punto de vista cae a Administración, a de centrar na raza o traslado do poboado chabolista. Para os veciños serán xitanos, pero para a Administración deben ser persoas.

Poboados de transición

Direi tamén que non comparto a proposta da Vicepresidencia de facer poboados de transición, cando menos tal e como se formulou. Supoño que o obxectivo de toda Administración que teña un poboado chabolista nun municipio debe ser a da integración progresiva desas familias no contorno da cidade dende un primeiro momento, non cando non queda máis remedio. Falar de poboados de transición agora significa recoñecer que non fan ou non se fixeron ben políticas sociais, de inserción, educativas ou formativas durante todo este tempo. Digo eu que os poboados de transición terán que ser iso, de transición, dende o primeiro momento.

Dende logo, isto fíxose nalgunhas zonas da cidade da Coruña, por exemplo nas Rañas ou en Orillamar, con notable éxito por parte dos sucesivos gobernos municipais.

E outra cousa máis na que creo que nos equivocamos cando falamos deste tema, é a integración. Teño a convicción de que para nós, moitas veces, integración significa que o pobo xitano adopte as nosas tradicións e costumes, as dos paios, que loxicamente nós consideramos as mellores. Pois creo que o punto de partida é erróneo. Non se trata de que abandonen os seus costumes, senón de que todos poidamos convivir con normalidade, cada quen segundo vexa mentres non moleste ó do lado.. Todos e todas, sexa cal sexa a nosa raza, paios e xitanos, temos que respectar as leis e as normas das que nos dotamos. Considero que integrar significa respectar a legalidade e, alén diso, compartir o común e respectar o diferente E mentres iso non sexa así non haberá integración posible, porque moitas veces buscamos uniformidade, buscamos impoñer como teñen que vivir os demais, e iso é imposible e pouco respectuoso coa pluralidade coa que moitas veces se nos enche a boca.

E xa para ir rematando, podo comprender, aínda que non o comparta, o medo dalgúns veciños de Mesoiro ou doutra zona a que persoas que venden droga vaian ser os seus veciños. Paréceme unha xeralización absurda e fóra da realidade, pero podo entendela como persoa. O que xa non entendo é que isto os leve a actuar de determinados xeitos, facendo barricadas para que supostamente non entren determinadas persoas no barrio.

Racismo e discriminación

Persoas que, como moitos, entraron nunha listaxe para acceder a un piso de protección, que cumprían os requisitos, e que teñen o mesmo dereito ca eles a gozar, mentres paguen, da súa vivenda. Non creo que a mellor maneira de protestar contra unha suposta delincuencia sexa utilizar determinadas formas violentas que se usaron. Non se pode xustificar a ninguén que copia actuacións “nazis” marcando os edificios onde supostamente viven persoas de raza xitana. Aí xa non hai comprensión posible, o que ten que haber é aplicación da lei por racismo e discriminación.

E tampouco entendo que de xeito ilegal se ocupen determinadas vías como a de entrada á cidade da Coruña, provocando un caos xeralizado de tráfico e moitos inconvenientes ó resto da cidade. Son pacífica, e creo no diálogo, pero tamén creo que os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado están para algo. E se alguén de maneira ilegal ocupa unha vía pública terán que actuar. Ou non o fixeron cando foron as protestas dos traballadores despedidos de Attento (aquelas si con razón) que apenas ocupaban a vía pública e cargouse igual contra eles incluso de xeito desproporcionado?

Hai xa algúns anos que vivimos en democracia, e hai determinadas actuacións que non se poden consentir. Cando se goberna hai que facelo con valentía. Hai que escoitar a todo o mundo que se manifeste con corrección ós seus posicionamentos e logo tomar a decisión máis xusta para todas as PERSOAS.

2,97/5 (34 votos)


Comentarios (23)

alog #1 4/Abril/2008 alog

Loli coma sempre desacertada... O fondo o comparto, pero polo medio deixas claro varias cousas:
1) O que fai o Psoe esta ben, pero se o BNG fai o mesmo xa non estás dacordo. Se o do poboado transitorio non é bo, dende o teu ponto de vista, non o será nun caso ou noutor, ou cando menos as diferencias deben ser explicadas, senon e lóxico pensar que e un tema partidario.
2) As referencias aos dimes da xente... en fin, e un pouco curioso.

e NON TEÑO TEMPO A SEGUIR... PERO ALEDOME DE QUE ESCREBAS EN VIEIROS.

ranciadas #2 4/Abril/2008 ranciadas

Voltamos coma sempre a demagoxia barata sociolista. Como é Vicepresidencia pois xa está, a darlle. Como se o PSOE desta señorita fixera moito pola integración dos xitanos, e como en Poio onde o PP está ben detrás do barullo. E si falo de integración, na nosa sociedade hai moitas cousas que non me gustan e teño que afacerme a elas, de igual xeito a poboación xitana ten que facelo e non vivir sempre da axudiña do Estado, que hai moito paio coas mesmas necesidades. Non son un exemplo precisamente e eu que traballei con eles foi decepcionante, así que podo falar con máis coñecemento de causa que ti Loli.
Será que Torito que tamén está de acordo con Vicepresidencia (BNG) pois está errado ou non é da corda da Loli.
Eu, pola miña parte, creo que sobran este tipo de comentarios en Vieiros e en particular desta señorita, que xa nos deu moitas mostras de estar moi desacertada. Como se lle ve o plumeiro.

xermolo #3 4/Abril/2008 xermolo

Pido un pouco de seriedade a Vieiros, por que o lado de comentaristas tan sobresaintes como os que con frecuencia nos ilustran co seu talento, Loli Rodriguez, ou o que é o mesmo, unha enchufada da dedocracia socialista española, que preside non sei que Consello da xuventude, e que mira os intereses dos xoves socialistas.... perdón... quería dicer galegos, non debe de meterese en prados alleos, e menos darnos leccións a sociedade galega de como teñer que ser a cousas.
Sinceramente creo que non é unha voz autorizada nesta matería.
Saúdos

galeguzo #4 4/Abril/2008 galeguzo

Senhorita Rodríguez, a ideia de Vice-presidência é partilhada polo seu chefe directo, o senhor Touriño, assim que menos sectarismo e mais auto-crítica.

baltar69 #5 4/Abril/2008 baltar69

non fagas moito caso, loli. eu non son do pesoe nin comparto ese tono presuntamente ilustrativo do sentir poboacional nos párrafos cós que inicialo texto, pois esas actitudes para nada poden ser consideradas lexítimas, tanto sexan aceptadas por dez coma por dous millóns de persoas. pero estimo no que vale as últimas duas partes e creo que estou en consoancia co que dís, anque tamén discrepo do asunto dos poboados de transición, máis por que creo que ese é un disparate que soio pode vir precedido dunha nefasta conciencia política e social e dun penoso traballo anterior.
un xitano, un negro e hasta un republicano neocon ben branquiño e sonrosado non poden ser repudiados de esta forma nin silenciadas estas actuacións vergoñentas polos medios. si a autoridade política e as suas forzas coercitivas non teñen o que hai que ter para volver a cousa ó rego, sen dúbida é un problema de eles e do séu concepto de tratala cidadanía, pero para nada aimeitjeiras tivo tan bó talante nouitras ocasións donde máis ameritaba. ter que aguantar a unha parte da nosa cidadanía soltando as groserías e improperios que escoito na tv lévame a pensar que estamos bastante mal e que non é moi extrano que nos goberne toda esta caterva de mangantes.
si o sentir maioritario está con poñela marca nas casas de xitanos ou pederastas, algo se rompeu entre mín e os meus veciños.

Sabrexo #6 4/Abril/2008 Sabrexo

Concordo con #3, os artigos desta señora non teñen nin punto de comparación cos de outras persoas que escriben en Vieiros, de moita máis calidade.

xoselado #7 4/Abril/2008 xoselado

Salvo erro o "gueto" Penamoa foi creado polo socialista-embaixador ante a Santa Sé- sr Francisco Vázquez, ao desplazar a todo o poboado para deixar sitio ao Corte Inglés.Progresismo do PSOE!!!.

condedecotobade #8 4/Abril/2008 condedecotobade

Eu tampouco son un gran defensor dos artigos de Loli pero este polo menos trata un tema de actualidade, non como outros que son propaganda sociatísimaaaaa. Contodo, non concordo en moitas das cousas que di. Por exemplo a utilización do concepto "raza". Sen ser sociólogo, nin ter grandes coñecementos sobre socioloxía teño escoitado a xente sabia dicir que o de "raza" é unha cousa que xa vai demasiado vella, que é un concepto que non explica nada e que só serve para mostrar argumentos reprobábeis (racistas, vamos). Tampouco penso que os que din "eu non son racista pero aos xitanos non os quero" teñan lexitimidade ningunha. O seu non é "coñecemento", é "ignorancia". Pero teño que dicir que a min tampouco me gusta o plan de Quintana, sigo a ter medo de que sirva só para enfriar aos marulos que se andan a manifestar e que despois calquera proxecto de integración serio fique en stand-by.
E por unha vez concordo con Sinaí Jiménez, o paiaso que disque defende os xitanos de Pontevedra, cando di que en Monteporreiro xa teñen sitios onde se vende droga e traficantes propios,e que non é preciso que se instalen xitanos alá para que os fillos deses veciños racistas merquen droga. E na Coruña pasa o mesmo, hai traficantes dabondo e rapazolos que poden comprar toda a droga que queiran sen ter que relacionarse con ningún xitano.

edreira #9 4/Abril/2008 edreira

Se nos puxeramos a miralas comunidades de veciños polo miúdo o mellor teriamos moitos poboados de transición de paios e pouquiños de xitanos.
O artigo esta ben, pero fagome a seguinte pregunta. ¿O teu artigo é a versión beta do PSdeG ou o libro branco desbotado?. ¿Quen vai parala toleada da Coruña, a que espera o Alcalde da Coruña e o Delegado do Goberno?.

vacaloura #10 4/Abril/2008 vacaloura

É incríbel!!!Non quero ofender a ninguén, pero o discurso das "vangardas socialistas" (enténdase cunha boa dose de retranca)é un discurso baleiro. Esperaba que introducira ao debate referencias ao multiculturalismo e unha pequena crítica a democracia liberal...
Pero non. Matinaches en que as normas e a legalidade so responden aos requisitos impostos dende o imaxinario social dominante, co único fin de perpetuar o statu quo establecido?. O imaxinario social dominante, non tende a respetar ás minorias e moito menos á etnia xitana. A legalidade, de partida neutra, tradúcese na práctica na conservación do statu quo establecido. Non se recollen supostos das mionorias que non son quenes de introducir a súa percepción do problema no debate público, polo que a produción lexislativa responde a parámetros asumidos e asumibles pola maioría. A cruel tiranía das maiorias.
"cada quen segundo vexa mentres non moleste ó do lado.." Sobre todo, a miña posición na estructura social. Mentiría se dixera que esperaba algo máis, pero...

Maeloc-do-Rouco #11 5/Abril/2008 Maeloc-do-Rouco

Penamoa leva sendo a vergonha da Crunha des ha 20 anos nos que se mirou pra outra beira..QUEM GOVERNOU A CRUNHA NOS ULTIMOS 25 ANOS?? QUEM GOVERNOU A XUNTA A MEIRANDE DESSES TEMPO?? O ESPANHOLISMO POLITICO NOM TEM VERGONHA NEM PAR MENTIR NEM PRA AMOSAR UM MINIMO DE ECUANIMIDADE...ESTA JA FIXO O RIDICULO DEFENDENDO COMO UMHA PAP... A POLITICA PPOPULISTA PERNATE A SENSATEZ E SISO DA CONSELHEIRA (E PROFESSIONAL DA ARQUITECTURA) TABOAS...DA-LHE "GALLEGUINHA" DEIXA QUE MEXEM POR TI...E LOGO DI QUE CHOVE OU QUE SOM OS DO BLOQUE QUE TENHEM CORNOS E SOM O DEMO

Roquinho #12 5/Abril/2008 Roquinho

Non é cuestión de quen goberne nin de quen gobernou, existe un problema como é o do chabolismo que debería erradicarse por simples necesidades humanas, toda persoa ten dereito a vivir nunhas condicións dignas.
O pobo xitano ten un xeito peculiar de vivir e entender a vida, mais é mentira que non existan xitanos totalmente integrados na nosa sociedade como tamén o é que non existen paios sen integrar. Déberíase facilita-la posibilidade de acceso a vivenda das persoas en situacións precarias, cando a realidade é que moitas veces esas vivendas van a persoas que por dereito terían que agardar, xa que hai outras que por lóxica deberían acceder antes.
Considerar que a venda de droga e algo exclusivo dos xitanos é ve-la problematica dun xeito racista, a droga vendese con ou sen xitanos, sen colombianos, etc., a droga vendea xente normal, sen raza nin cor, e detrás deses vendedores están os verdadeiros delincuentes, persoas cunha vida moi digna que promocionan clubes de futbol, bares, discotecas, etc., e todos tan contentos e convivindo con eles sen problemas de ningún tipo, saludandoos pola rúa coma a calquer cidadan normal, ademais é a xustiza a que debe solucionar este problema e non ollar cara outro lado.
O racismo existe e como tal fai que teñamos actitudes que se as medíramos, daríamonos conta de que botarse ó monte para protexer o noso debe facerse respectando a lei e os demais, quizais neste conflicto faltou un pouco de man esquerda dos responsables políticos para levar as cousas cun pouco de racionalidade, pero sobrou tamén un moito na actitude das xentes que din defender o seu barrio da delincuencia, cando no fondo so se lles ve unha actitude xenofoba.

maceirax #13 6/Abril/2008 maceirax

Pero segue escribindo aqui esta señorita?

dumiense #14 7/Abril/2008 dumiense

Manda carallo! señorita Loli, o problema creouno o seu partido en mans do independentista vaticano Francisco Vázquez (aka Vaticano ceibe!) e aghora pretenden botarlle a culpa ó Quintana.

Tedes uns collóns!!

Xistral #15 7/Abril/2008 Xistral

Eu flipo. Gobernando o PP un montón de anos a Xunta e o PPSOE de Pacu Vásques na Coruña cando hai alguén que quere facer algo móntase unha trifulca dirixida por ben se sabe quen e por intereses puramente partidistas para sacar rédito político. Porque non lles importan nada os xitanos nin os veciños (simplemente para facer unha instrumentalización dos mesmos). Ademais apoio a X que defende o mesmo que Y pero non apoio a Y porque é doutro partido.
En fin, apoio e subscribo as palabras de Maeloc-do-rouco unha por unha.

manhoca #16 7/Abril/2008 manhoca

Loli en vez de ir para diante vas para atrás...non sera que confundes todo.Seguro que a culpa non é tua senon de quen che da de comer!

ollo #17 7/Abril/2008 ollo

é mágoa que moitos comentarios deste artigo baseen a súa crítica na filiación política da autora. paréceme pouco serio.
eu penso que non debe tratarse con panos quentes a actitude sectaria e racista dos veciños do novo mesoiro.
coincido en que as autoridades deben actuar con rigor diante dos excesos desta turba de pijos ofendidos.

ranciadas #18 7/Abril/2008 ranciadas

A filiación política ten a súa importancia, se cadra ti non o ves, máis cando no artigo ataca ao BNG e pon cousas tan estupendas como "raza", ou "posturas lexítimas", por favor...

Maeloc-do-Rouco #19 7/Abril/2008 Maeloc-do-Rouco

Loli: ti soinha (ainda que a responsibilidade nom e tuda tua) representas o triunfo da mediocridade (e em certo jeito da indignidade) que IMPERA neste paisinho...Nom sabes do que falas nem o sabes expressar, o cal nom e grave... e esperpentico

Raxoigrouchomarxista #20 8/Abril/2008 Raxoigrouchomarxista

Resulta curioso ler comentarios nos que se elude directamente o tema da intregración,en favor dun acoso-derrubo persoal a Loli Gómez.

Desgrazadamente, neste país a exhibición explícita da orientación ideolóxica segue a ser motivo de escarnio.E digo explícita,por que todos nos posicionamos, aínda que sexa tácitamente.Mentres algúns se adiquen a desprestixiar ás persoas en lugar de refutar os argumentos, continuará triunfando a MEDIOCRIDADE...

ranciadas #21 8/Abril/2008 ranciadas

SI, tes razón a MEDIOCRIDADE é o que escribe esta señorita, non a súa filiación política que tanto che me dá se polo menos fose imparcial, non atacando aos demais, cando o PSOE gobernou na Coruña e non fixo nada. Polo tanto, non coidarás que para refutar o seu pesudodiscurso escribamos aquí unha tese de doutoramento. Nonsi?

Maeloc-do-Rouco #22 9/Abril/2008 Maeloc-do-Rouco

Eu penso "Raxoigrouchomarxista" que ou bem nom les os comentarios ou nom sei de onde tiras que nom ha argumentos. Precissamente por isso quem amossa carecer de-les es tu mesmo. A sra. Rodriguez (nom Gomez)nom tem nivel nem estilo nem fio argumental coerente nem estetica literaria...Alem disso bota umha olhada e comprovaras como as criticas (xustificadas e absolutamente legitimas...pra que nos agochar!!) tenhem abondo peso argumental des a referenza aos 25 anos de vazquismo, ao fraguismo, ao oportunismo desta senhora pra criticar por sistema ao BNG cum sectarismo que roza o paroxismo e o ridiculo infantil (lembro cando defendia a propina dos 200 euros da oportunista ministra (sem carteira a efectos REAIS) Carme Chacon contra a Lei propiciada por umha conselheira (com COMPETENCIAS REAIS) trabalhadora e PROFISSIONAL como Tareixa Taboas. EM PARTE (SO EM PARTE) lembra um chisco ao Sr PPoPPulista Orozco em Lugo, trata-se de se opor a tudo o que faigam as conselherias do BNG por principio (lembro ainda o ridiculo que fixo cando arguiu que a conselheira de Cultura nom queria fazer a biblioteca de Lugo, cando a realidade era outra e respostaba mais bem ao respeito da legalidade urbanistica). A diferenza e que entre a sra. Basadre (que se opom as medidas de Vicepresidencia no caso latexante dos ciganos em Galiza) e esta sra. Rodriguez e que esta quere e nom pode e a sra. Basadre (cuxa postura semelha outro caprichinho sectario) cando menos fala com dominio do seu discurso.Soscrebo o que di o "ranciadas" da primeira a derradeira letra e nom entendo o comentario 20.

Raxoigrouchomarxista #23 10/Abril/2008 Raxoigrouchomarxista

Maeloc do Rouco,non digo que non haxa argumentos dabondo para refutar as teses da srta. Rodríguez(desculpe o lapsus linguae),senón que maioría de comentarios afondan máis na descualificación persoal e no menosprezo ca no enfrontamento dialéctico.Como fai vostede comigo ao dicir que amoso carecer de argumentos.A saber en que se fundamenta para afirmar tal cousa...Por certo,xa que fala de reler,probe a recontar as alusións ao enchufismo,sectarismo e outros -ismos varios...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Loli Rodríguez

Loli Rodríguez

Loli Rodríguez Amoroso naceu en Lugo en 1978. Meteuse de cheo no mundo asociativo na súa etapa universitaria, cando estudiaba Dereito na Universidade da Coruña, chegando a ser representante de estudantes na súa Facultade, no Claustro Universitario e no Consello de Goberno. Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia dende o 2005, accedeu á Presidencia do Consello da Xuventude de Galicia en 2004. Tamén podes ler o seu blog.