Hai algúns que están demasiado acostumados a facelo mal e por riba cobralo caro. E hai outros que están demasiado dispostos a poñérllelo fácil. Propóñolles esta reflexión a conto do tirapuxa sobre as recentemente estreadas Normas do Hábitat Galego promovidas por Vivenda.
A enxurrada de críticas onde estes días combinaron forza construtores, certa parte do sector arquitectónico, PPdeG, e arietes políticos municipais, é unha arremetida clara contra un deses exemplos lexislativos deseñados para furar fondo en tradicións de malfacer e mudar cara a modelos de mellores prácticas. A resistencia a ese cambio nace da obstinación contra a viraxe no modelo de país.
Botarlle un ollo a este noso paísiño de feísmos consentidos fai cómico escoitar a alguén denunciar que se pretenda "exceso de regulación" á luz de normas como esta. Pero iso foi o que lle escoitamos dicir á oposición parlamentaria. A mesma oposición que xa turrara duro en favor das inercias e soberbias que desde anos decoraron de ladrillo a fronte da costa facendo do caos urbanístico marca da casa.
Seica segundo eses teóricos do "deixar facer", no noso país non hai feísmos, interiores nin exteriores, e xa o sector se autorregula. Seica non hai xente vivindo en salóns reconvertidos nun par de habitacións e cuarto de estar con medio tabique e un biombo de todo a cen, ninguén transforma armarios empotrados nun cuarto con literas, non se deseñan nichos sen fiestra á procura de estudantes con reducida bolsa que espremer... Seica non hai improvisadores, charlatáns nin chapuceiros no sector da construción.
Ao meu ver, o máis preocupante é a novidade de que desde dun dos pés políticos do goberno abrollen estas bochas municipais de insensatez imprudente. Nun país de crebacabezas arquitectónicos e planos revirados atopámonos agora rexedores con visión limitada de país que apelan á cobiza fácil do ladrillo no canto de insistir, por exemplo, a prol de cambios no modelo de financiamento local. Vendidos ao compromiso do día seguinte máis que ao de pasado mañá.
Bo será que trasacorden. A Galiza cómprenlle políticos e sectores empresariais que asuman esa visión de futuro e decidan. Pidan flexibilidade e diálogo. Pero oxalá que non sexa escusa para conceder cambios que apenas maquillen un país de cartón pedra e oculten a cotra por baixo da alfombra. Que a flexibilidade non torza a aposta por cambios reais e profundos que vaian ao miolo dos problemas.
estouche ben de acordo contigo. tamén co espírito que parece rezumar esa lei da que tanto se fala e que tampouco coñezo, pero que entendo como patrimonio de tódolos galegos, non soio do sector profesional da construcción. pero ollo, non sexamos máis papista que o papa, sobre todo no asunto feismo.
na comarca donde somos, empezando pola vila, téñense cometido múltiples aberracións ó abrigo do concello e da urbanidade lexítima e domocrática que nos legou aquel. ben.
pero unha boa parte de elas, no medio rural, foron melloras indispensabeis para a vida das xentes, de xentes ben olvidadas durante xeracións, aqueles docas que, por extrano que pareza os egresados da escola de chicago, son os alicerces da galicia actual.
unhas xentes ( e conste que non estou sendo demagóxico se non realista ) ás que caro lles custaba pagar a seguridade social e que foron ampliando e facendo melloras según se ía aforrando, xa que por entón primábase o aforro e os cretos podían supoñer entre o 16 e o 20% de interés ( ou o 30 en caso de non poder satisfacer un pago en plazo ).
ahora que xa somos europa, que a coruña forma arquitectos e entre uns e outros váise un pico entre normas subsidiarias e licencias, entre aparelladores e proxectos, rexeitamos como feas esas construccións de ladrillo visto de portomarín adxacentes á vella estructura de pedra ou eses alpendres de bloque, pero alí os nosos avós poideron cagar dentro nas noites de invernía mentras a choiva pingaba na cuberta de uralita e secalos chourizos e os xamóns unha vez que a vella lareira deixou paso as cociñas lacunza.
o valor de ese suposto feismo non estaba no paisaxismo se non na propia subsistencia desta poboación. e parece ridículo falar tanto de el ou adicarlle un posto de honra na voz de galicia cando se está a instalar nos montes ( eso sí, non escoito a ningún colexio profesional queixarse nin a nengún político negarse; máis ben vexo como uns e outros estiran a man vendendo o de todos e cargando os beneficios as súas contas, sempre polo partido de turno e polo futuro dos séus fillos )toda esa lexión de xeneradores eólicos que sí son un real atentado á natureza e á fermosura da paisaxe como tampouco vexo un intento mínimo de obligar as eléctricas a enterralas liñas de alta que surcan os montes e os vales, non vaian desplomarse as súas accións no parqué de madrí e non poder repartir o 40% de ganacias entre os asociados este exercicio.
algo que sempre me chama a atención da xente que vive en vilas ou cidades é a forma en que baixa do coche e ula o horizonte, como pon cara de comprensión mentras olla as ruíñas do vello pazo de pedra e como torce o xesto cando nora que o monte cerrado de fai dous anos deixou paso a unha casa luminosa con cerre de perpiaño e piscina. qué bonito sería sair de chantada cara o miño e ver a beleza e a pureza da paisaxe do século xix, o discurrir ráudo do río baixo a ponte vella de belesar, subir ao castro candad e oubear ó lonxe ou sentarse horas mirando como baixan as augas pingadeiras pola bacariza para rematar escachafoulándose nas penedas de pincelo amortigüando o chío dos carros que se escoitan de lonxe...
e que fermoso voltar ó calor da auga quente que circula dende os queimadores de roca, á protección da choiva tras do climalit e o wisky das oito da tarde mientra la perrita blanca menea el rabo en el salón y suena la segunda de sibelius. si, que bonito, que hermoso.
quizás até agora, o peor que tivemos en galicia, foron os políticos. éstos, como ben lles chamaba arzalluz tamén torcendo o xesto, empecínanse en negarnos calquera mellora, calquera outra dignidade que non pase por baixar a cabeza e sacala gorra diante da súa casa de gusto indiano con venezianas de madeira sempre pechas e pedra serrada que asemella indeleble o paso do tempo.
Estupenda reflexión. E magnífica conselleira de vivenda que trae sensatez ao circo esperpéntico da construción en Galiza. Toca seguir para seguir gañando batallas (se é que esta está gañada...) Parabéns polo artigo.
Roberto Noguerol naceu en Chantada en 1976. Entre outros contos ínfimos insiste en que naceu en tempo de cereixas ao pé da ribeira do Miño, aínda que recoñece que a liberdade sabe a mar. É Xefe de Redacción de Vieiros. No blogomillo está no andaime.
Desde o Mundo para Galiza (02/02/2007)
E vostede que faría co seu millón de euros? (02/11/2006)
Comisión de escenificación (16/10/2006)
Levando os cabalos a beberen á pía de auga bieita de San Pedro (31/03/2006)
Entre a terapia e a realidade (25/03/2004)