Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Será todo feísmo?

18:45 22/04/2008

Fálase moito, ultimamente, do feísmo. Obviamente, o ladrillo á vista, ou o recebo, non son agradábeis. Empeñarse en tapar a pedra para que se vexa máis bonito é síntoma de complexo de inferioridade, de autoodio. Faise iso cando un ten unha visión apoucada do tradicional e se considera que o urbano (ou sexa, o cemento) é mellor.

Mais o mal gusto non só o vemos nas aldeas. Outrosí nas vilas puidemos contemplar ao longo dos anos como fomos derrubando os nosos principais sinais de identidade. Ademais, en ocasións ata abrimos rúas sen saída, sen coidar as alturas, sen coordinar cores ou volumes. Cada quen foi facendo o que lle petou. Claro: como era seu o solar!

A suplantación de valores experimentada co proceso de urbanización da poboación foi caótica, lenta e por momentos agónica. É certo que se foi acentuando desde os anos 80. Mais non por iso deixa de aparentar un cambio lento, por momentos imperceptíbel e, xa que logo, difícil de expoñer e de tomar conciencia (socialmente) do mesmo.

Non é esta a primeira época de crise na nosa historia. Noutras ocasións temos experimentado momentos de confusión, de choque co novo, que deron froitos que hoxe en día consideramos achegas arquitectónicas de primeira magnitude na nosa cultura. Acaso nos é tan doado esquecer que a fachada do Obradoiro agocha o Pórtico da Gloria? Ou que a Torre dos Moreno sitúase xusto enriba do que foi a vella Torre de Ribadeo?

Porén, hai unha fundamental diferenza entre estes e outros exemplos similares, e facer casas mal rematadas, co cemento á vista ou no seu caso sen maior preocupación pola adaptación ao contorno: un modelo é substituído por outro. Na actualidade, parece que non acaba de callar un referente no que poidamos albiscar certos criterios, algo de orde. Non se trata de conservar o vello porque si. Non todo o que foi construído en pedra ten valor en si mesmo. Cada época ten achegas para o futuro e cousas que non van máis alá da súa supervivencia física sen coidado algún. Mais isto non implica defensa da destrución de todo o legado arquitectónico do país. O problema non pasa porque un modelo substitúa a outro e poida haber “damnificados” nese proceso de crise e suplantación. Radica máis ben en que semella primar o caos, a improvisación, o minifundismo estético: “no meu solar fago o que me peta!”.

A casa tradicional galega tiña unha lóxica esmagadora. A súa sinxeleza, e ao mesmo tempo, fortaleza, eran totais. Nela, todo respondía a unha dinámica de subsistencia. Cando a “riqueza” da sociedade (aparentemente) opulenta se presentou ás nosas portas, embebémonos dunha mal entendida “modernidade” e rachamos co noso pasado, co noso contorno e con nós mesmos. Que demo pinta un tellado suízo (pensado para que a neve escorra e non se amontoe sobre el) na beiramar mariñana ou bergantiñana? Ademais, trátase de modelos de casa foráneos que foron construídos por xentes de aquí que non coñecían esas técnicas construtivas nin os modelos que as sustentaban. E iso acaba notándose no resultado final.

Estreitamente vinculado a este proceso de suplantación acrítica de valores está o autoodio, o rexeitamento do propio. Por moi húmida que fora unha casa de pedra, moito máis o vai ser una de ladrillo sen cámara (e mesmo ás veces sen recebar). Probabelmente os vellos edificios consistoriais do XIX non foran o exemplo do funcionalismo que require un edificio público destinado a oficinas; mais tampouco as ultramodernísimas formas cubistas dalgunha casa do concello lograron tal funcionalidade ata que foron integralmente reformadas.

De toda situación de crise xorde algo novo. Ata aquí chegamos. Se tiveramos feito mellor as cousas outro galo cantaría (como noutros lugares). Mais tampouco podemos caer no desleixo. Se Londres superou a súa contaminación decimonónica, se nas cuncas mineiras asturianas o salmón volve sucar os seus ríos, nós tamén habemos poder. Tan só temos que asumilo como unha obriga de todos, como unha cuestión política.

3,81/5 (21 votos)


Comentarios (5)

ecoe #1 23/Abril/2008 ecoe

O feísmo tamén foi inducido polo desleixo das institucións, que non facilitaron ningún modelo nin axuda para OUTRAS solucións, ó igual que non fixeron ren pola ordenación do Territorio: agor temos misturados galpóns e naves de gando ou mernancías con vivendas unifamiliares!

sophia #2 24/Abril/2008 sophia

Había un artigo de Suso de Toro referíndose a este tema, o título era moi gráfico: "Cemento na ferida", é coma se quixesemos rachar co noso pasado de lama e corredoiras, de miseria e botar por riba cemento, ladrillo, esquecer o que fumos, botar cemento na nosa ferida, no noso pasado, na nosa pobreza...digo eu.

Morcego #3 24/Abril/2008 Morcego

Não creio que o feísmo resulte dos materiais utilizados. Na Galiza, assim como em qualquer parte do mundo, construia-se com os materiais disponíveis, sendo as edificações condicionadas pelos recursos existentes.
Existe factores históricos para o desprezo pelo espaço público. A Galiza, sobretudo a litoral, tem historicamente um povoamento disperso, onde o sentido de comunidade nunca foi forte. Acresce a isto outros factores: Um crescimento económico muito rápido, e a falta de planeamento por parte dos responsáveis, também eles interessados na espiral especulativa a qualquer preço.

Não me parece que a degradação do território tenha abrandado, desde logo, continua-se a construir não tendo em conta o espaço/função, integração na paisagem, e sustentabilidade dos solos. Acresce a este fenómeno de degradação da paisagem, a eucaliptização massiva, juntamente com os novos atentados à paisagem, como é o caso dos parques de moinhos eólicos, que são implantados sem nenhum tipo de critério de impacto paisagístico.

xoselado #4 25/Abril/2008 xoselado

De todo un pouco.As autoridades non planifican,non executan as órdenes xudiciais, non sancionan, etc, e os cidadáns sen criterios estéticos ou cando menos dignidade ou humildade.E así nos vai,un dos territorios máis fermoso estragado pola nosa colectiva deixadez.

inuit #5 27/Abril/2008 inuit

Penso que Morcego atina no seu comentario. Ademais non creo que a cidadanía careza de criterio estético: claro que o ten, aínda que non se axeite aos criterios das normas actuais e aínda que os resultados non sexan harmoniosos nin felices. Moitas veces o que se fai cun saco de cemento é experimentar, recrear o universo á maneira de cadaquén.
Se quen experimenta é alguén do mundo das artes, da arquitectura ou da intelectualidade, o resultado é unha obra (ex. Sargadelos, si si, Sargadelos). Se quen experimenta é unha persoa socialmente desautorizada, daquela é feísmo.
Compróbase que as institucións non aplican políticas paisaxísticas eficaces, mais quizais sexa preciso deixar de tapar a realidade con ese feísmo dialéctico que producen aqueles e aquelas que se permiten xulgar as formas de construír o mundo da demais xente.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: