Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Traballadores portugueses mortos nas estradas galegas: eu acuso

10:15 28/05/2008

A desgrazada morte nos últimos días de catro traballadores portugueses nas estradas galegas está a provocar unha torpe resposta por parte das diferentes administracións. E digo torpe pois só se pode cualificar así unha resposta que se limita a poñer máis controis de tráfico, por parte da Garda Civil, nas rutas dos operarios do país veciño que veñen a gañar o sustento a Galiza.

Estas catro mortes son o resultado de dous accidentes de tráfico: un que tivo lugar o venres 23 de maio en Castro de Rei (tres mortos nun vehículo ocupado por cinco traballadores portugueses) e outro, o luns 26 de maio á altura do concello lugués de Taboada (o falecido compartía coche con dous compañeiros, que resultaron feridos).

O primeiro dos tráxicos sinistros producíase cando os operarios portugueses se dirixían ao seu lugar de orixe tras unha esgotadora semana de traballo no sector da construción. O segundo, pola contra, tiña lugar nas primeiras horas do día, cando os traballadores se dirixían no seu vehículo ao lugar en que ían comezar a súa semana laboral. Dunha banda, parece esquecerse deliberadamente que a situación destes traballadores lusos é unha situación forzada polas circunstancias. O fráxil mercado laboral portugués é incapaz de acoller con garantías toda esta man de obra, que en moitos casos é man de obra que deriva do lento pero continuado esfarelamento do sector primario en Portugal, fundamentalmente dunha agricultura en declive (as semellanzas co caso galego son máis que evidentes neste eido).
Man de obra rendíbel
Con todo, esta man de obra é unha man de obra que, hoxe por hoxe, resulta altamente rendíbel para a patronal galega. Rendíbel na medida en que resulta unha forza de traballo moi barata, xa que en raras ocasións a súa contratación e condicións laborais están en consonancia cos convenios do sector, tanto no que ten a ver coas remuneracións económicas, como coas xornadas de traballo, etc. Hai quen fala nestes casos de “dumping laboral”, algo que por certo vén sendo común a todos os fenómenos migratorios, e nese sentido o noso país, que exportou inxentes cantidades de man de obra, nunca foi alleo a estas prácticas. Porén, tentar explicar estas situacións simplemente desde a consideración da existencia das devanditas prácticas de dumping é cando menos reducionista. E mesmo se pode considerar de perverso, se con isto o que se pretende é exonerar da súa responsabilidade aos verdadeiros artífices e beneficiarios disto: uns empresarios de poucos escrúpulos sen máis preocupación aparente que atender aos resultados das súas contas. As razóns destes accidentes -que se deben considerar como “accidentes in itinere” atendendo ás circunstancias en que se produciron (polo tanto, asimilábeis en consecuencias laborais a un accidente de traballo)- haberá que buscalas non tanto na temeridade na condución destes traballadores lusos, senón nas sempre extenuantes xornadas laborais que deben realizar, moitas veces de máis de dez horas e mesmo traballando sábados ou festivos. E así, mentres o tópico xenófobo se fai recorrente nos medios de comunicación (a escasa pericia dos nosos veciños portugueses co volante nas mans) e as solucións que se pretenden ensaiar desde os poderes públicos inciden no máis superfluo (maior control do tráfico), a realidade é máis crúa. O fluxo de traballadores lusos ao noso país vai continuar, e moi especialmente en sectores como o da construción, que, aínda no medio dunha crise que despunta, vai necesitar desa man de obra, máxime se esta chega desprotexida de garantías laborais. Mais estes traballadores seguirán a ser invisíbeis para unhas administracións que escatiman esforzos en inspeccións laborais e que apenas son quen de lamentar as mortes, cando estas se producen, e de reducir todo o problema a unha cuestión, importante pero non fundamental, como a da seguridade viaria.

Alguén debería de comezar a facer algo para que isto non fose. E facelo xa.

4,43/5 (23 votos)


Comentarios (12)

luisfoz #1 28/Maio/2008 luisfoz
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Muito bem Rafa, acrescentarei que ja vim em algures que para corrigir estes portugueses que "vam como tolos", os pobres querem chegar às suas casas, tremenda ousadia; vam fazer que a Guarda civil poda multá-los no acto. Esta teoria nom se lhe ocorreu ainda a ninguém para evitar as altas velocidades dos turistas que nos visitam em carros de grande potência, duas varas de medir: para pobres e para ricos.

Anxo #2 28/Maio/2008 Anxo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A solución e ben sinxela, e é obrigar as empresas portuguesas que traballan en Galicia a abrir un centro de traballo no lugar da obra, así os contratos se terían que facer en Galicia e aplicar a normativa laboral, a normativa de seguridade e hixiene, e os convenios colectivos que se aplican aos traballadores de aquí.

Pero eso non o queren facer, para non prexudicar a unha patronal que según din está en recesión e sofre unha crise.

Que se fai de cara a galería, culpabilizar aos traballadores, poñendo máis controis nas estradas, para así recaudar máis cartos vías multas, e facer sentir aos traballadores máis presionados, agora xa non no traballo senón no camiño dos seus fogares.

Toda unha grande solución que corresponde as testas benpensantes do noso país.

outrolector #3 28/Maio/2008 outrolector
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

En xeral concordo, pero coido que a crítica queda algo desequilibrada. A patronal ten moita responsabilidade. Pero tamén a ten a administración. Respecto da inspección de traballo, salientar (como din moitos inspectores) que é deficiente, por escasa e por carente de medios coercitivos ou punitivos que lle doan no peto aos patróns (sancións, autorizacións e calificacións para licitar, obrar...).

E respecto do control do tráfico... para min non é o "máis supérfluo" de ningún xeito. O considero fundamental, e cada vez máis necesario. Revisando o estado dos vehículos (rodas, freos, ...), como dos condutores (capacidade de reacción, medicamentos, tóxicos...) e como están respectando as normas de circulación e as limitacións de velocidade, carga, etc.

Isto non desculpa aos patróns explotadores que aproveitan este estado de cousas para tirar máis rendibilidade a costa destes traballadores; pero teñamos todo o importante en conta.

Anxo #4 28/Maio/2008 Anxo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Claro que o control do tráfico non é supérfluo, pero porque so se toman medidas cos vehículos e os conductores, e non se toman medidas para mellorar as estradas?

Un dos accidentes, o do Luns, produciuse nunha curva na que segundo os veciños hai practicamente un accidente cada día da semana e máis cando chove, pero non oín a ninguén que se ía solucionar o problema dese punto negro da estrada.

A que estamos a xogar?

Xabi1 #5 28/Maio/2008 Xabi1
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Acusa, Rafa, que está moito ben o que dis.
Outro día explica-nos qué pasa coa Plataforma Nunca Máis, que pasou á clandestinidade.
E qué tal de liberado da CIG, Rafa?.

Morcego #6 28/Maio/2008 Morcego
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A origem destes trabalhadores que faleceram é Vilarinho, perto da Régua, isto no coração do Douro Vinhateiro, Património da Humanidade, uma região de sucesso na produção de Vinho do Porto e de vinhos de mesa de excelência, que são referência a nível internacional, uma região rica. Ou seja, não é uma região agrícola deprimida, mas sim o paradoxo das desigualdades existentes em Portugal, que se têm vindo a agravar ultimamente. Ao lado de palácios e paços barrocos, continua a existir um legião de micro-proprietários e assalariados agrícolas miseráveis. É essa gente que emigra para a Galiza.

Morcego #7 28/Maio/2008 Morcego
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ah, só mais uma coisa. Todo o trabalho faraónico feito no Douro, essencialmente nos Séculos XVII, XVIII e XIX, foi realizado por outros proscritos, dessa vez, feito por hordas de miseráveis trabalhadores galegos. É bem possível que estes trabalhadores que emigram para a Galiza tenham ascendência galega.

ecoe #8 28/Maio/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A Régua está lonxísimo de eiquí (máis perto de Vitigudino (Salamanca) ou cecais (algo máis) a Seabra leonesa. ë unha tirada formidable, e logo de traballar arreo. A "sorte" dos probes no agoniante (por sentido doble) capitalismo!!.

(A directiva Bolkstein da U€ é resposta ó asunto salarial).

Eu acho que o outro pé de estes accidentes son AS ESTRADAS GALEGAS, terceiromundistas nos trazados e nos investimentos!
Só sobra com comparar a autoestrada Vigo/A Coruña ca Valença/Porto: calidade dos firmes, TRAZADO (a primeira curva considerable e pésima está moi perto de Porto; cántas ata A Coruña?), ANCHURA, etc. Non hai comparanza algunha, e na mesma orografía.

baltar69 #9 29/Maio/2008 baltar69
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

a carreteira nacional ( n540 ) de ourense a lugo actual data dos tempos da olimpiada catalana, cando o borbón sorría ca bandeira en ristre e o chapeo branco cortando o aire, e , orixinariamente, tiña un firme excelente que, si ben se amosaba algo abrasivo cos neumáticos dos automóveis, aseguraba unha perfecta drenaxe da auga da chuvia, que como sabe o lector ( pero sopoño que descoñecen os directores xerais e empresas de emulsións asfálticas ) é unha característica climática de estas latitudes.
paulatinamente, ese firme fóise actualizando ( en ocasións sen necesidade aparente ) e reparcheando en pequenos tramos por capas de asfalto escuro sen a mínima propiedade evacuante, de forma que mantén charcos nos puntos en que o firme é irregular e tramos completamente empapados cando se trata de superficies homoxéneas.
nas aforas de chantada, concretamente na parroquia de pereira, nos lindes do concello con carballedo, unha pronunciada curva foi " actualizada " de esta forma fai uns anos. creo que xa van dous ou tres mozos mortos nela o perderen, ambos, a tracción na saída da mesma cara ourense en días de choiva, da mesma forma que acabou na cuneta diante de mín, fai uns días, un automovilsita portugués ( xa que vai de esto a cousa, remarco a súa procedencia ) que, por fortuna, soio tivo que lamentar uns danos no opel de pouca consideración.
eu acuso, o modo de zola, á empresa ( ou empresas ) que están a repavimentar ou a mendala vía, e acuso ao responsable ( ou irresponsable ) político que permite este desmán e a tódolos técnicos que cobran os séus emolumentos da cidadanía e calan a boca. todos son, por activa ou por pasiva, responsabeis de esas mortes; asesinos, utilizando un adxetivo concreto que trasmite unha imaxe ben boa de fixar. asesinos e criminais, e non vería mal que ( tal e como algún furibundo pai de familia fixo co controlador suizo que ocasionou, por desidia, o choque do tupolev 154 e do boeing 757 fai uns anos preto da fronteira con alemaña )alguén se tomase a xustiza pola man nestes temas, por que así, o peor, esta administración era un pouco máis dilixente.
por que por señais verticais non é, que xa teñen posto tantas que até unhas entran en contradición con outras e si, casualmente, algún conductor tivese intención de visualizalas todas e cumplir o que nelas se demanda, os coches, tal e como os avións, necesitarían copiloto.

ecoe #10 29/Maio/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ben claro. E pódese extender a tódalas estradas e autovías (a ás autopistas o mesmo).

A autovía Vigo/Tui/Valença dá pena e vergonza -a que non teñen nin no Goberniño nin os madrileños de pro (que mentres, se buscan a vida, a conta das de outros, instalándose un AVE, mal agoiro, para chegar en 3 horas á praia-. O seu estado, inferior, non chega nin á categoría lamentable, é patética, destrozada. Está ahí para ver.

Ou calquera que se queira.

mceleiro #11 30/Maio/2008 mceleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Mas teremos polícia própria para apanhar os mortos e uma ministra "gallega" a trabalhar por Galiza como veu fazendo nos últimos anos.

E concessões eternas para cobrar portagem de vias feitas com dinheiro público aos amigos, exentos de mantê-las.

E precariedade. E mais precariedade. E a culpa seguirá sendo dos portugueses, que conduzem mal.

outrolector #12 30/Maio/2008 outrolector
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Baltar69 ten moita razón, e o explica moi ben. Nesas condicións das vías a maña, prudencia ou pericia... do condutor perde moito do seu valor para evitar accidentes.

Eis outra vez a responsabilidade da administración (como 'ente' e tamen como conxunto de persoas físicas que teñen que realizar ben, conscientemente e con responsabilidade o seu traballo, inclusive o de inspeccionar e auditar aos seus compañeiros). Pero estivemos e seguimos estando moi mal.

Lembrades a "Inspección xeral de servizos" do goberno Fraga, ese florero de nome tan bonito e tranquilizador de cidadáns? Qué foi dela? Quen é responsable agora? Qué están a facer para evitar ese pegotes de "asfalto escuro" (e nada barato, que ninguén se engane) nas vías ... e nos centros educativos, e na sanidade, etc?

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafa Villar

Rafa Villar

Rafael Villar naceu en Cee en 1968. Licenciado en filoloxía galego-portuguesa, foi cofundador do Batallón Literario da Costa da Morte e do consello editorial de Letras da Cal.





Locais:
GZ-Sete