Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


De vello, parado

19:24 29/05/2008

Ten 63 anos. Leva traballando dende os 9 cando comezou a ser un neno de recados de Falange Española. Despois foino dun panadeiro comunista, Pucho, no Barrio do Cura, en Vigo. Comezou a cotizar aos 17. Soldador, camioneiro, peón, obreiro cualificado, construción, granito, vendedor… Unha chea de traballos. Cotizando en diferentes categorías. Houbo anos en que estaba na categoría 1. Cotizaba alto. Tamén o Estado levaba o seu. Xusto, loxicamente, mais loxicamente xusto sería que as ganancias empresarias tamén cotizasen nunha porcentaxe maior, así como calquera oficio que dobrase o salario medio.

Traballa con 63 anos, con problemas de saúde, operado hai menos dun decenio, no sector da construción. A empresa vai a pique, vai enfilada. Con 63 anos con vistas ao paro. Dende os 9 traballando. Agora, mírase preto do paro. O capital reconducirá a súa inversión. Nunca perde. El perde poder adquisitivo nun contexto de alza de prezos de bens de consumo que non se reflicte nin en salario nin en paro nin en pensión.

Máis de 50 anos traballando e agora, ao paro. Xusto? Na lóxica do mercado, si; no racional da humanidade, non.

Falamos de xubilación. Prexubilarse e non cotizar, perde cartos. Xubilación a tempo parcial, onde? A empresa pecha. Entón, até os 65, cando se xubile pola lei, entón si, pensión. Pero dous anos de paro.

Sobe o petróleo, sobe a electricidade, sobe o cereal, sobe o pan, sobe, sobe… sobe a nós, aos das familias traballadoras, si, ás familias que cotizaron, que cotizan e cotizarán. Como os empresarios, non? Si, como os empresarios. Pero temos salarios diferentes, temos capacidade financeira diferente. Si, como os empresarios.

Mais el estivo dende os últimos 15 anos traballando entre categoría 7 e 8. Cotiza baixo, moi baixo. Nin a pensión mínima. Tivo repuntes altos e iso permitiulle facer media por riba da mínima. Pero non dá, non dá para dúas persoas, pois ten dona e ela traballou, abofé que traballou.

Ela, falemos dela. Costureira, para Zara, Boxer… contrato? Seguridade social? Cotización? Pensión? E ela traballou para remendar mangas de chaqueta ou os baixos dos pantalóns, deses de boa tela, deses de marca, deses que sobrepasaban os cartos que podía arrecadar en tres meses. Por remendar os baixos, un euro cincuenta. Debeu enfrontarse a eles, denuncialos. Pero el, o de antes, estaba en paro. Calou e aguantou.

Agora, 63 anos. Vistas ao paro. Ela cosendo para a veciñanza, os coñecidos. E sobe a alimentación, a gasolina, a electricidade… E el sabe que a súa pensión só se calcula dende os últimos 15 anos de vida laboral, é dicir, cando estivo entre a categoría 7 e 8. A fins dos 80 até inicios dos 90, traballando en categoría 1 no sector do granito. Non conta. Non conta para nada. Non serve para nada, só para cotizar ao estado quen non repercute agora nel e emprega o seu traballo para axudar a reflotar a economía das empresas, as cales nunca perderon nin perden. El só é unha persoa. Non importa, importan as empresas porque dan traballo, dannos traballo a nós, ás familias traballadoras.

Eles forman parte da sociedade, do pobo. O pobo son moitos máis do que empresas serán nunca porque eles son os que dan traballo ás empresas e quen cotizan sen fraudes ao estado. Pero el e ela vivirán da pensión dos últimos 15 anos, non da pensión de máis de 50 anos traballando (moitos sen cotizar). Xusto? Como el, moitos a facer contas.

O estado, a lei, o sistema, miran para outro lado e a maioría en terra de lobos, aulan todos. Cando hai problemas nunca se fai unha reforma laboral a prol dos traballadores.

Esta historia non é conto, non che vos é porque escribín o que me tocou moi de preto. Mais eu confío e quero crer. Sei que son un inxenuo. E quero crer porque son mozo e escribo agora dende a raiba mais como dicía José Martí, apóstolo dos valores humanos, algún día “Yo sacaré del pecho lo que llevo de rabia y de dolor”.

4,54/5 (50 votos)


Comentarios (11)

ecoe #1 1/Xuño/2008 ecoe

Seguimos á espera. Tamén o dixo Marx, mais Celso Emilio Ferreiro de este xeito:

Agora tomo o sol
pero até agora,
traballei cincoenta anos sen sosego
nun labourar arreo
...
O patrón
está rico á miña conta
eu, á sua, estou vello.

Ben pensado o patrón
todo mo debe.
Eu non lle debo
nin siquiera este sol
que agora tomo.

Mentres o tomo, espero.

Telleiro #2 1/Xuño/2008 Telleiro

Esperando morreulle un burro ao meu avó.

aldaraonline #3 2/Xuño/2008 aldaraonline

De nova, desempregada.

ecoe #4 2/Xuño/2008 ecoe

pois eso

Xoan_da_Tolda #5 2/Xuño/2008 Xoan_da_Tolda

Sinto toda a simpatía por eses dous seres retratados no artigo. Máis quero poñer o meu contrapunto. Coñezo non poucos casos de persoas que se viron beneficiadas pola normativa que eiquí se denuncia coma de inxustiza social. Coñezo moitos vellos que durante a súa vida laboral non cotizaron pouco ou o xustiño, máis eses últimos quince anos, ás veces aportados polos fillos, deronlles unha pensión (unha mísera pensión, todo sea dito, que non estou a contar un conto de fadas). O sistema parece xusto en canto que se supón que na maioría dos casos é nos últimos anos cando o traballador ten mellores posicións retributivas e acadou a súa mellor categoría profesional. Se podo elixir, dende logo, eu prefiro que chegado o momento non entren no cálculo os meus anos como precario. Non hai ningúnha dúbida de que algúns traballadores veríanse beneficiados polo cómputo de toda a súa vida laboral, como é o caso, pero non os máis deles. A proposta de usar toda a vida laboral para o cálculo das pensións é, de feito, unha proposta conservadora.

http://www.cincodias.com/artic...

leghom #6 3/Xuño/2008 leghom

A culpa é nosa por non mudar as cousas e por nos deixar gobernar por un estado cego, que non é capaz de ver a realidade social na que vivimos. E despois teñen a cara de lles chamar, ás medidas que toman e ás decisións que adoptan-aproban-lexislan, "política social" socialista (redundancia, non creo!). Como diría a miña "ela" de 61 anos: "–Manda collóns!".

As túas palabras son loubábeis! No entanto, eu comezaría a me preocupar tamén polo que vai acontecer contigo ou conmigo no futuro: nados na década dos 80, traballaremos toda a vida en PRECARIO e, cando academos a idade dela ou del... nen pre-xubilación, nen pensións, nen nada! Porque o sistema hai que cambialo e quen nos gobernan aínda teñen moito que ler, moito!

Porque a día de hoxe —con ou sen bolsas, con ou sen traballo, dentro ou fóra do terruño— tod@s temos perto a unha ela ou a un el dos que ti falas e tod@s somos, ante todo, PRECARI@S.

De novo, precario!

Ah! Non te esquezas de que J. Martí, apóstolo dos valores, tamén nos dedicou estes versos no 1891:

[…]
Ya llega la bailarina:
Soberbia y pálida llega:
¿Cómo dicen que es gallega?
Pues dicen mal: es divina.

Lleva un sombrero torero
Y una capa carmesí:
¡Lo mismo que un alelí
Que se pusiese un sombrero!
[…]

Neste caso eu si empregaría ese "Yo sacaré del pecho lo que llevo de rabia y de dolor". No entanto, comprendo que eran outros tempos e que a distancia hermenéutica é necesaria para comprendernos e para entendelos. Por tanto, no canto de nos laiar por ver ás nosas elas e aos nosos eles nesta situación, loitemos por cambiala para tod@s!

lavesedo #7 3/Xuño/2008 lavesedo

Parabéns Xurxo! gostei do artigo.
Tamén quería comentar o que di Xoan_da_Tolda. É certo que a cotización dos 50 anos pode ser inxusta nun sistema "ideal" en que as persoas teñan os traballos mellor pagados nos últimos anos laborais, pero coa tendencia actual do capitalismo de arrombar os operarios de máis de 50 en calquera recanto mal pago da súa estrutura, esa inxustiza vai afectar bastante menos á clase traballadora.
De todos os xeitos, podería haber outras opcións. Eu poño unha: escoller os 10 anos, por exemplo, en que a persoa ten mellor ratio co salario mínimo correspondente e aplicar ese ratio sobre o salario mínimo do ano de reforma, cun mínimo digno universal garantido: por exemplo, salario mínimo+cubertura médica total(menciñas, desprazamentos, etc.)

lavesedo #8 3/Xuño/2008 lavesedo

esquecía unha cousa...formular propostas deste tipo é tentar facer política de esquerdas e isto xa non se fai...perdón ;)

mare #9 3/Xuño/2008 mare

Concordo con lavesedo. A estas alturas non son poucas as persoas que chegan con 50 anos con contratos precarios, por certo habitualmente nos sectores máis precarizados (a clase obreira en si) falemos da construcción, sector servizos,... onde os salarios son máis baixos.

Cando o empresariado consideran que non son rendibeis, danlles unha patada no cú e como moito fican vivindo cunha pensión de algo mais de 400€, e con moitas dificultades para atopar un novo contrato laboral. Quen coñeza o mundo laboral sabe que non son poucos os casos, e a perversidade deste sistema enfatizase coa cuestión de xénero.

O futuro destas persoas é vivir miserentamente ate que morran, cunha dependencia económica, sen poder moitas veces cubrir as necesidades básicas e, tal e como decia o compañeiro Xurxo moitas veces tendo traballado toda a vida duramente.

Moi bo artigo Xurxo.

Teño familiares na mesma situación e é duro despois do sacrificio de anos para tirar a familia adiante e de súpeto na casa, despreciadas polo mundo laboral e cunha man diante e outra atrás...

Cal é o futuro destas persoas, vivir con

XurxoMG #10 3/Xuño/2008 XurxoMG

Ola!
A verdade é que non cavilei se a proposta é conservadora ou de esquerdas porque escribín o texto de tirón logo de coñecer esta situación dun familiar. Agora ben, existen casos de xente que teñen un contrato normal e chegan aos últimos anos de cotización e, se teñen un amigo empresario, contrátanos con categorías altas a cambio de que eles lles paguen a seguridade social. Eu non podo entender que un persoa que poidera cotizar en categoría 1 toda a vida (non falo de empresarios) chegue unha mala época e cotice 15 últimos anos en 8, e perda todo o que cotizara. Para máis datos, esta persoa que cotizara en 1 a inicios dos 90 no sector do granito, tiña de pensión base case 2.000 euros. HOxe, antes de ir ao paro, a súa base é 800 euros. Foron 12 anos cotizando en categoría 1 pero fins dos 80 e inicios dos 90. Agora leva anos traballando entre 5,7 e 8. Non sei cal pode ser a estratexia máis xusta para os traballadores pero este non a é. E polo tanto tamén me alegro de ter posibildaide de que alguén debata o tema e comente porque así tamén pensamos todos e de algo servirá, digo eu.
Por iso se agradecen os comentarios en positivo.
Xurxo.

Xoan_da_Tolda #11 3/Xuño/2008 Xoan_da_Tolda

Pareceme loubable que escribiras sen prexuizos ideolóxicos, escribiches de corazón e con toda a razón do mundo. E por suposto, malia a miña puntualización, gustoume o artigo, coma outros teus.

Engado que non teño ningún interés en defender o sistema actual (por deus) está claro que algo ten que cambiar e de feito creo que é máis xusto un sistema mixto coma o que propón Lavesedo, coa salvedade de que escoller os millores anos produciría unha suba xeral das pensións, e pensando en termos de caixa, tendo en conta que xa se ven falando da inviabilidade do sistema dende hai anos pois seria un pouco cavar a nosa tumba, pois este si que é un país para vellos.

No que non estou de acordo con Lavesedo é que os cambios nas políticas de protección social (ou nas fiscais) vaian a afectar menos á clase traballadora, senón máis ben ó contrario, a inmensa masa de traballadores por conta allea por baixo do salario medio son as máis vulnerables a estes cambios. O cómputo de toda a vida laboral para as rendas altas non vai producir alteracións graves no seu poder adquisitivo (a parte de que cada vez máis están cubertas por sistemas de previsión privados), as rendas medias e baixas, con rendementos a miudo moito máis irregulares son as grandes perxudicadas.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: