Vieiros

No lombo do Atlántico
Vieiros de meu Perfil


A por eles: caza ao inmigrante na Europa do capital

09:30 23/06/2008

Tal como era de prever, e malia os chamamentos á reflexión habidos -como o do presidente boliviano Evo Morales-, o Parlamento Europeo acaba de aprobar (18 de xuño de 2008), sen modificación ningunha, a mal chamada Directiva de retorno dos inmigrantes. Unha Directiva vergoñenta que cheira a neofascismo máis ou menos encuberto.

A fantasmagórica Europa, por medio dunha maioría relativa dos seus deputados no Parlamento europeo (367 a favor por 206 en contra e 109 abstencións), vén de aprobar unha Directiva que non é máis que un intento de facer pagar os seus propios excesos a unha franxa social, tan débil e desprotexida, como a que representan os cidadáns inmigrantes. Cidadáns e cidadás que, de certo, se ven desposuídos de dereitos elementais e, polo tanto, da súa propia condición cidadá.

A Directiva, que fora fraguada polos ministros de Interior dos países membros da Unión Europea (feito que xa daba pistas de cal sería o tratamento a dar á inmigración), é agora asumida pola maioría da clase política do continente que se dá cita en Estrasburgo. Unha clase política que é expoñente do proceso de dereitización que padece a actual Europa, con gobernantes tan desconfiábeis e temíbeis como o francés Sarkozy, a alemá Merkel ou o italiano, Berlusconi.

Eses son os que nos deberían dar medo. Eses, e non o venezolano Hugo Chávez, do que lograron construír (empregando esas “bombas en acio” denominadas mass media) unha imaxe tan deformada que conseguiron convertelo, segundo enquisas feitas no Estado español, no líder político mundial peor valorado, por riba do propio George W. Bush, o xendarme imperial dos nosos días.

A desculpa da harmonización das políticas migratorias

O texto aprobado polo Parlamento, que leva o longo e rimbombante nome de “Directiva do Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea relativa a procedementos e normas comúns nos Estados membros para o retorno dos nacionais de terceiros países que están ilegalmente no seu territorio”, tenta presentarse ante a opinión pública como un documento que ten como obxecto harmonizar as políticas dos diferentes estados a respecto dos inmigrantes sen papeis. Así, dáse un prazo de dous anos para a súa adopción por parte dos devanditos estados.

Máis alá diso, da súa lectura o que se tira é que a Directiva non é máis que o habilitamento de medidas puramente represivas, que se pretenden disuasorias para as persoas que queiran entrar no continente europeo, procedentes principalmente do continente africano ou de Latinoamérica. Como se fose posíbel reter a auga coas mans! Como se as razóns que moven a estes novos migrantes (igual que nós o fomos, e os italianos, os portugueses e tantos outros nesta medoñenta Europa) non fosen dabondo poderosas! Como se a fame e a miseria non fosen argumentos máis fortes que as ameazas represivas urdidas en luxosos despachos!

E así hai que entender que o texto da Directiva contemple a posibilidade de que a persoa inmigrante poida estar “retida” até 18 meses nos chamados “centros de internamento”. E para a súa detención, abondará cun simple orde de carácter administrativo, é dicir, sen que se faga necesaria inicialmente unha intervención xudicial.

Pero máis sangrante, se cadra, é que a Directiva admite na práctica o mesmo tratamento cando se trate de inmigrantes menores de idade aínda que non estean acompañados. Isto é, van poden ser detidos por medio dunha orde administrativa, retidos nun centro de internamento por longo tempo e finalmente expulsados e repatriados ao seu país de orixe, sexan cal sexan as causas que o botaron fóra del para iniciar o camiño incerto da emigración.

No fondo, o que latexa detrás da coñecida como “Directiva do retorno” (e baptizada por algúns como “Directiva da vergoña”) é o devezo por construír unha “Europa fortaleza”, blindada aos fluxos migratorios, agás a aqueles que sexan bocado apetecíbel para empresariado e que lle sirvan para o abaratamento de custos. Un xeito de continuar flexibilizando o mercado laboral e de facer pagar boa parte da actual crise económica aos sectores sociais máis desamparados e máis imposibilitados para dar unha resposta en clave de mobilización.

PSOE, PP e CiU votaron a favor, o PNV abstívose

Como é sabido, as eleccións ao Parlamento europeo no Estado español validan como circunscrición única o ámbito estatal, polo que son máis que evidentes as dificultades para que o nacionalismo obteña nas urnas representación na devandita Cámara. Nese ámbito, no estatal, as posicións favorábeis ao texto da Directiva foron moi maioritariamente favorábeis. Dunha banda, o PP, partidario dun endurecemento aínda maior das políticas de inmigración, tal como figuraba no seu programa electoral nos últimos comicios xerais, e en liña coas propostas do Partido Popular Europeo (PPE), do que forma parte.

Doutra, o PSOE, que, malia apoiar unha serie de emendas promovidas polos bancadas socialistas no Parlamento europeo –as cales finalmente non se aceptaron-, acabou por votar (agás 3 deputados) a favor do texto, pregándose ao chamamento nese sentido feito polo propio Goberno español. Así, o nomeamento de Celestino Corbacho como Ministro de Traballo e Inmigración, feito por Rodríguez Zapatero, só cabe interpretarse como un aceno en favor de máis man dura contra a inmigración no Estado español. No propio Grupo Socialista da Cámara de Estrasburgo o consenso a respecto da votación da Directiva non foi total, e houbo eurodeputados que se desmarcaron da consigna oficial de apoiar o texto aínda sen modificacións.

As forzas nacionalistas, CiU e PNV, a pesar de se teren presentando (xuntamente co BNG) ás eleccións europeas na plataforma Galeusca, mantiveron estratexias de voto diferentes. A dereita catalanista apoiou de maneira entusiasta o texto da Directiva, mentres que o único deputado do nacionalismo vasco optaba pola abstención. Pola contra, tanto o único deputado español do Grupo da Esquerda Unitaria Europea como o do Grupo dos Verdes manifestaron o seu rexeitamento á Directiva votando Non.

Hoxe, case coma nunca, un sentimento vergoñante percórrenos a algúns o espiñazo. E dicimos, como deixou dito o poeta Curros Enríquez (cen anos despois do seu pasamento”: “Se eu fixen tal mundo/ que o demo me leve”.

3,7/5 (20 votos)


Comentarios (8)

GALIZASOLIDARIA #1 23/Xuño/2008 GALIZASOLIDARIA

Rafa Villar acusa da morte de operários portugueses, cheira-lhe a neofascismo uma directiva vergonhenta da UE, denuncia a desculpa da harmonização das políticas migratórias e o voto afirmativo de diferentes forças políticas sem se atrever a questionar o pacto do BNG-CiU-PNB rematando com Curros Henríquez.
Nós colocamos a questão do letargo activo da Plataforma Cidadã Nunca Mais ao seu responsável, Rafa Villar, e às mais de quatro centas entidades que a integram.
Como se pode qualificar o facto da paralise, morte, letargo activo do melhor que a cidadania da Galiza construiu nos últimos anos, a Plataforma Cidadã Nunca Mais, determinado unilateralmente por Rafa Villar e uma cativa minoria de integrantes?
Será que o princípio de existência e portanto actividade mobilizadora da Plataforma entrementres não se arranjar tudo o relativo ao desastre do Prestige finou?
A demora no julgado de Corcubião, a implementação da Resolução do 23 de Setembro de 2003 do Parlamento Europeu relativa à desaparição dos petroleiros mono-casco para os substituir por petroleiros de duplo casco construídos nas áreas afectadas pelas marés negras, em ASTANO, e muita outra coisa não requer a mobilização nacional da Galiza convocada pela Plataforma Cidadã Nunca Mais?
Nós apelamos para que desde agora as mais de quatro centas entidades que integramos Nunca Mais nos mobilicemos para em Domingo, 30 de Novembro de 2008, um dia antes do 1 de Dezembro, enchermos as ruas de Compostela, como em 1 de Dezembro de 2002, do que faz falta, um novo 25 de Abril, para matar o letargo e recuperar o activo.
Quem isto escreve é Manuel Lopes Zebral, representante da Comissão para a Reunificação Nacional da Galiza e Portugal, co-fundadora da Plataforma Cidadã Nunca Mais em 21 de Novembro de 2002.

Xabi1 #2 23/Xuño/2008 Xabi1

Ola Rafa:
Caro portavoz da clandestina plataforma Nunca Máis:
Lembras cando se berraba "Sí, sí, sí, españois pra Madrid?
Pois iso.
Ah, a ver si vemos as contas da plataforma algún día...

Lidor #3 23/Xuño/2008 Lidor

Comisao de que? Reunificar o que? Seguro que no país irmán hai millóns de afiliados, tranquilo, sr. Zebral, é cuestión de tempo. Que maneira de mesturar temas! Que falta de respecto polo articulista!

Maeloc-do-Rouco #4 24/Xuño/2008 Maeloc-do-Rouco

Agora resulta que quem expressa umha opiniom e umha vontade de agir a trabalhar (sem insultar absolutamente a ninguem) e que alem disso assina com o seu nome ESTA A FALAR AO RESPECTO AO ARTICULISTA...Alguns deveram aprender educazom primeiro (o sr #3 o unico que vem fazendo -alem de jamais achegar nada a ningum debate-e desprezar (faltar-lhe ao respecto??) sistematicamente a quem escreve como o sr #3 nom gosta que se escreva INDEPENDENTEMENTE DO CONTEUDO DA MENSAGEM EM QUESTOM)...Se o senhor #2 escrevesse como o senhor #3 gosta que se escreva ja veredes como as "faltas de respecto" nom apareciam por ningures...O senhor Zebral que assina o comentario 2 fai umha achega interessante, eu estou dacordo em geral coma opiniom do sr Villar, mais a opiniom e argumentazom do senhor Zebral coido que e acaida de mais e asemade vem dalguem que, polo que semelha, tem deixado o seu tempo e esforzo (tambem o sr Villar nom o nego!) de jeito solidario pra milhorar a sua/nossa realidade. O certo e que som moitas as pessoas e colectivos que denunciam a relativa paralise de Nunca Mais e o seu aparente "aggiornamento" dos ultimos anos....e entre estes atoparemos gentes reintegracionistas, gentes lusistas, gentes isolacionistas e tamem havera algumhas gentes espanholistas...e fago esta observazom ja que este detalhe semelha ser a obsessom UNICA do sr #3 do cal nom conhecemos o nome, mais permitese acusar desde o anonimato de falta de respecto (em que??) a quem ASSINA co seu nome e expressa educadamente a sua opiniom e vissiom da realidade e da actualidade...Que valentia senhor #3??! ou se cadra...que vergonhenta hipocrissia??!!! ja se podera sentir ofendido voce senhor #3??!...Hai-nos que ter bem grandes ou nom??...Onde esta a falta de respecto?? Em que?? Diga-o e achegue argumentos por umha vez e sem que serva de precedente!!...Mas, que esperar?? Ja nos tem afeitos...a ver com que sai agora?? Agora opinar educadamente e assinar o que se escreve resulta umha falta de respecto, mais ceivar duas linhas sem argumentar o que se afirma (a falta de respecto) e desde o anonimato acusar ao interlocutor (de faltar ao respecto a um terceiro) e umha conducta plausivel...Estamos-che bem!! Eu nom acuso, eu vexo e reflicto...e pido desculpas a quem se poidera sentir ofendido (poidera haver moitas susceptibilidades excitabeis com absolutamente NADA)..Apertinhas

luisfoz #5 24/Xuño/2008 luisfoz

Um abraço; Rafa, e nom fagas caso dos que, em vez de comentarem o teu escrito, aproveitam a "oportunidade" nom para te criticarem mas para te insultarem que é cousa bem diferente.

Credit_Crunch_666 #6 27/Xuño/2008 Credit_Crunch_666

Simplemente hai demasiada man de obra non cualificada nunha etapa de contracción económica, estanflación para máis señas (o peor escenario posible alén dadeflación). Evidentemente é noxento que aqueles que trouxeron inmigrantes a miles para explotar e abatarar costes -e de paso conxelar salarios-, non teñen autoridade moral para enviar a estes 'esquirols' de volta ás súas casas ou mesmo 'entrullalos' uns cantos meses. Porén, non se pode obviar o deterioro económico, non hai traballo para todos, nen para os 'nativos'. Comezan os anos de De-crecemento sumados á fín do petróleo barato. Cuidao que veñen as curvas.

CGB #7 29/Xuño/2008 CGB

Moi ben RAFA. Hai que ser claros e comezar a defender os dereitos sociais que caracterizan (ata antes do triste 18 de xuño)a EUROPA no mundo. Resulta que agora porque hai só tres países con gobernos conservadores hai que dicir SI a unha barbaridade coma a de que os que buscan un traballo son delicuentes. O peor de todo é a mala memoria nosa (inclúo aos galegos)porque non vexo que a Xunta nin o Parlamento se manifesten CONTRA da "The return directive". O nome xa é un eufemismo porque de retorno non hai nada. O que hai son medidas policiais para que non entre ninguén e se o fas pois ao cárcere. En Galicia temos que dicir NON e berrar forte e pedir que os centros galegos do mundo se manifesten contra da inxustiza. Os emigrantes galegos teñen que dicirlle a Unión Europea que non queren que se desprecie aos emigrantes americanos.

Artiguista #8 29/Xuño/2008 Artiguista

Hai que agradecer artigos coma os de Rafa porque na prensa galega o tema pasa case que desapercibido agás comentarios de Suárez Suárez no semanario especializado GALICIA EN EL MUNDO de Vigo pero que aquí a súa edición en papel non se coñece. Ben. Por que non se fala do tema? Algo básico para Galicia non ocupa medio parágrafo de ninguén. Os xornalista non escriben porque os medios por desgracia consideran que estes temas non venden. As noticias falan dos presidentes boliviano e venezolano só para rirse deles (home, claro, un indio e un mestizo en comparanza cun loiro chamado Bush).ASÍ nos vai tamén a nós. Un país que perdeu a metade da súa poboación (arredor dun millón e medio de emeigrantes)e non considera que a mal chamada DIRECTIVA DO RETORNO sexa unha ofensa. Estou agardando que do Parlamento de Galicia saia unha declaración contra da inxusta e inmoral directiva. O futuro non se constrúe con normativas anti-sociais e hipócritas. Hai un grupiño de interesados que xuntan votos dicindo que os problemas son dos traballadores estraxeiros pero realmente están buscando que os de fóra sexan case que escravos (que manteñan a economía por míseros salarios). Eu digo NON e Galicia ten que mobilizarse axiña. O asunto é grave. A min ningún hipócrita presidente alemán, francés ou italiano me vai impoñer un castigo e unha penalización. Os nosos emigrantes e os seus descendentes son da nosa familia (outro probelma é o que poidan ter en Europa co ingreso de traballadores do leste)e eu ábralles as portas da miña casa cando queira. Se calamos...somos cómplices deste atropelo. Eu digo NON.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafa Villar

Rafa Villar

Rafael Villar naceu en Cee en 1968. Licenciado en filoloxía galego-portuguesa, foi cofundador do Batallón Literario da Costa da Morte e do consello editorial de Letras da Cal.