Sen pretender aventurarnos en exceso, posto que non son precisamente as ciencias sociais boas ferramentas de predición, o certo é que o modelo Neoliberal que inspirou ás políticas económicas das últimas décadas a nivel internacional ben podería estar en crise.
Ou polo menos iso se desprende non só do momento económico actual senón da opinión de moitos e importantes economistas que nalgúns casos mesmo foron referentes do citado modelo. É o momento entón de buscar paradigmas alternativos, paradigmas que –non sexa que nos pasemos de longo e anunciemos outra vez a fin do mundo as we know it- non van desligarnos do capitalismo nin da economía de mercado.
O remate da II guerra mundial trouxera consigo a instauración dun novo modelo de política económica acruñado como keynesianismo e que, como é ben coñecido, poñía o fincapé no papel do sector público como garantía para o sostemento da demanda efectiva, e con ela do pleno emprego. Nos primeiros anos do século XX e especialmente no período de entreguerras, o libre mercado fallara no que é moi probábel que estea errando hoxendía, no logro dun crecemento económico estábel e sen sobresaltos. Ía ser o sector público quen tería que asumir un papel de suavizador dos altibaixos da economía.
Porén o tempo histórico que nos tocou vivir a nós é ben diferente, por máis que existan paralelismos entre aquela situación e a actual. Naquel entón as políticas keynesianas acompañaron ao proceso de contrución dun modelo de acumulación cunha característica específica: por primeira vez as maiorías sociais (dos países desenvolvidos!) íanse achegando ao consumo masivo. E esta é, xustamente, unha diferenza fundamental coa realidade actual posto que a capacidade de consumo nos países da parte rica do planeta, como o noso, está fortemente desenvolvida. Xa non é posíbel, por tanto, impulsar a demanda efectiva tal e como se fixo na segunda métade do século XX.
Máis que incrementar o consumo necesitamos mudar o tipo de consumo; do mesmo xeito debemos preocuparnos –e moito- de como se produce, máis que de se se produce o suficiente para satisfacer a demanda. Todo o dito nos leva inevitabelmente a inserir de cheo a problemática medioambiental nun novo paradigma de desenvolvemento e de políticas económicas. Posto que unha das leicións que nos deixa a pegada do Neoliberalismo é que o mercado por si mesmo non evoluciona de xeito estábel e ordenado, non é descabelado pensar que sexa de novo o Sector Público, como manifestación da vontade colectiva, quen impulse o cambio de rumbo a partir da súa infuenza sobre a economía. Isto non implica esquecerse doutras leicións aprendidas, neste caso en senso oposto as anteriores, ligados aos excesos públicos tales como deficits descontrolados que afectan negativamente ao investimento privado ou á burocratización das economías.
Mudanzas dende o punto de vista do ingreso público
Existe xa un corpus teórico ben desenvolvido dentro da disciplina da Economía Pública que se centra na chamada “fiscalidade verde” e que implica un cambio nas pautas orzamentarias, dende o punto de vista dos ingresos, do sector público. A fiscalidade medioambiental non só castiga comportamento insostíbeis senón que apuntala a capacidade orzamentaria pública (sen que isto implique necesariamente substituir a figuras clásicas como o IRPF ou Imposto de Sociedades). Os exemplos que xa existen nos países nórdicos deben servirnos como experiencias das que aprender e sobre as que impulsar reformas a nivel internacional. O número de feitos impoñíbeis que actualmente se gravan por parte do sector público relacionados co medio ambiente pode ser, sen lugar a dúbidas, moito maior. Só a modo de (burdo) exemplo, na actualidade existen metodoloxías cada día máis perfeccionadas para calcular a pegada ecolóxica de produtos e actividades, gravar dalgún xeito a pegada ecolóxica (ou similar) podería constituir unha importante innovación no eido das finanzas públicas. Isto axudaría ademáis a mudar as pautas de consumo impulsándose, por exemplo, o consumo de produtos de proximidade menos intensivos en enerxía para o transporte.
Mudanzas dende o punto de vista do gasto público
Dende o punto de vista do gasto o sector público tería que afondar en políticas que xa hoxe se están poñendo en marcha se ben de xeito timorato e desestruturado. Faise necesario establecer programas ambiciosos de investimento público dirixidos á promoción das fontes de enerxía limpa por unha banda e ao aforro enerxético pola outra. En ámbolos dous casos as actuacións podería combinar a actuación pública directa coa subvención e apoio ao sector privado, tal e como xa ven acontecendo. Os ventos son favorábeis ao primeiro destes eidos, dada a crecente carestía das fontes de enerxía tradicionais de orixe fósil se ben os intereses creados ao redor destas últimas poderían lastrar, como o fixeron nos últimos anos, un cambio de rumbo.
No segundo eido fica moito por facer e ás diferentes normativas existentes de recente implementación como o Código Técnico da Edificación e outras desenvolvidas a nivel Europeo, habería que sumarlle –por exemplo- programas ambiciosos de adecuación da infraestrutura pública ao aforro enerxético que constituiría de por si un importante bloque de actuación.
A necesaria escala mundial do cambio
O dito até o momento céntrase fundamentalmente na realidade concreta dos países desenvolvidos, porén, como é facilmente entendíbel, calquera mudanza paradigmática do calado do que estamos a falar debe prantexarse a escada mundial. Non podemos esquecer que un dos principais impulsores das necesidades de cambio de paradigma é o histórico acceso de enormes masas de poboación ao modelo de consumo que nós disfrutamos dende fai tempo. (Alguén podería dicir que o Neoliberalismo morre de éxito, senon fora que o “resto do mundo” é algo máis que China e a India e que as desigualdades internas neses países son brutais). Sen embargo a axenda dos países en desenvolvemento é necesariamente difererente, tal e como nos indica Carlos Eduardo Frickmann (o “keynesiano verde”, como resalta o titular da entrevista a que facemos referencia); “a questão de padrões de consumo é da agenda do norte. A nossa questão é outra: a gente precisa aumentar o nível de renda, aumentar o nível de emprego e conservar. Numa perspectiva do Terceiro Mundo, temos que pensar en crescimento con preservação ambiental”.1
En definitiva, trátase de tirarlle das mans ao libre mercado un xoguete que lle vén moi grande como é o da orde económica internacional e volver a domesticalo para que, aínda que só sexa timidamente, a economía estea ao servizo das persoas e do planeta e non ao revés.
Ola!
Eu denantes de todo dicir que non che son un especialista en economía mais si quixera preguntar e pór en común unha serie de cuestións.
1.Dis que o Sector Público é a manifestación da vontade colectiva. Eu non creo que sexa así. En teoría si pero ben sabemos quen manda no sector público e para algo existen os clúster en determinado sector ou os lobbys de presión de sobra analizados por economistas que critican radicalmente o sistema capitalista (neoliberal).Por exemplo, e sen nos ir lonxe, que pasou co Plano Eólico, o INEGA inicial e a COnsellaría?
2. Non me parece ben que sexa o sector público quen lle teña que vir a resolver os problema ao sector privado (puro keynesianismo). POr que temos que pagar nós o que un empresario non sabe administrar?E inda que non fose culpa del senón do mercado, por que temos que ir nós a salvalo e o Estado a nós non nos asegura a mesma sorte? Ben sei, o Estado somos tod@s, empresarios e choiantes e a todos atende. Moi ben, pois entón para que se lles poida botar un cabo aumentamos a fiscalidade, baixemos o IVE nos produtos básicos e aumentos o Imposto de Sociedade. Regulemos o IPC de xeito democrático para permitir na neogicación salarial asegurar o poder adquisitivo da clase traballadora. tamén poderiamos perseguir os fraudes fiscais e condear con multas elevadas a evasión fiscal cara os paradisos fiscais.
3.Comentas o canon nas empresas enerxéticas. Moi ben pero non pos o tanto por certo necesario. Un 10%, 20% ou un 50%? Cumpría sabelo, non?Alén diso non se pode caer no tema das renovábeis a calquera prezo. Por que non se impulsa a enerxía solar como se fai coa eólica? Por que non se colocan placas solares nos tellados dos edificios asegurando unha enerxía mínima para o consumo da veciñanza dese edificio? Isto tamén está demostrado por expertos na materia.
4.Eu non creo na inxección de capital público no privado. Ou a empresa é mixta con control público ou senón, ren.
5. Outra cuestión xa de nivel mundial: non se trata de seguir avanzando pero dun xeito sostíbel como que con iso se evitasen as diferenzas sociais e de pobos. Un dos grandes problemas é a distribución da produción, non a produción. Precisamos crecer máis? Para que e para quen?
O dito, non quero aseverar nada do dito que eu de economía, o xustiño. Póñoo para comentar quen queira
un saúdo
O artigo prantexa custións importantes, pero tamén certas dúbidas razoables. Por unha banda, define o modelo xurdido despois da II GM como keynesianismo, cando de maneira mais precisa debería ser fordismo-keynesianismo. A producción en masa, a forma de consumo e a regulación do sistema coinciden cun determinado papel xogado polos sindicatos: os traballadores renuncian a facer a revolución a cambio dun aumento do nivel de vida. ¿que sucede agora?
Por outra, e tal como prantexou Harvey o neoliberalismo é todo un programa político de loita de clases, non é sinxelamente unha corrente de economía teórica Finalmente, debe poñerse como eixo do debate a posibilidade a longo prazo dun sistema de crecemento económico continuado e indefinido, nun mundo con recursos limitados. Non podemos considerar os límites ecolóxicos como un simple problema de custos ou externalidades, pois as mudanzas ecolóxicas que poden conlevar a destrucción do planeta tal como o coñecemos son inherentes o propio sistema.
Para rematar tampouco se pode devincular a producción, da reproducción do sistema e do modelo de consumo. Facendo recaer sobre os consumidores a responsabilidade. Todo forma parte dunha totalidade. Así, o gasto público non pode atentar contra o propio proceso de acumulación de capital pois forma parte do mesmo. Poñer as raposas a coidar do galiñeiro non parece a mellor forma de sair do apuro.
Sabemos que as vellas armas xa non serven pero non temos outras, así que a refacelas e apuntar ben. Server a dous amos plantexa problemas de credibilidade.
Gústanme as propostas realizadas pero teño unha cuestión que abre a porta da necesidade dun cambio de modelo estrutural da cidadanía e os seus modos de tomar decisións (cambio nos valores e nos hábitos) e non sectorial (consumo, urbanismo, arquitectura, mobilidade,...) como se promulga dende o propio status quo.
Nesta liña, se ben me parecen correctas as propostas de "fiscalidade verde", sería preciso un cambio non exclusivamente de nome senón de fondo no sistema de xestión da facenda pública xa que o principio de caixa única dificulta que poidamos contar con garantías abondo de que os ingresos verdes dos que fala o autor se correspondan con gastos verdes.
No meu entender, sen ser economista ou experto, é un artigo moi interesante que fai unha breve síntese (a extensión non permite máis) de varias cuestións actuais. Eu boto en falta algunha mención doutro tema, tamén de actualidade, como é o sistema financeiro. Pode que estea errado, mas eu vexo o sistema produtivo e o financeiro, como dous ingredientes dunha receita, ben mesturados e proporcionados sairá un bo xantar, o exceso dun fará que o prato sexa malo, e se un está podre..... o resultado será incomible.
O artigo remata cunha declaracion de boas intencios, que se non fose por que falamos do capitalismo serían do máis ilusionantes: En definitiva, trátase de tirarlle das mans ao libre mercado un xoguete que lle vén moi grande como é o da orde económica internacional e volver a domesticalo para que, aínda que só sexa timidamente, a economía estea ao servizo das persoas e do planeta e non ao revés.
O mercado, o mellor dito "a man obscura do Mercado" en palabras do grande teorico do capitalismo, Adam Smith é, por defincion, incontrolable. O mercado, é dicer, onde as mercadorías intercambianse polo seu valor en forma de diñeiro, e transforman o tempo de traballo socialmente necesario para producilas en valor (lembrolles a algúns que diran; xa esta o marxismo, que a lei do valor non é un invento de Marx, senon de Ricardo), en diñeiro; pois ben, o mercado non o controla nin deus. A historia esta chea de tentativas de controlado, e o final, sempre é o mercado o que domina.
Por iso, por moito que haxa monopolios, oligopolios ou multinacionais, o capitalismo segue a ter crise como a actual, porque o valor das mercadorias non deixan de baixar, fruto do aumento da productividade do traballo, e cando chegan ao mercado, intercambianse por un diñeiro inferior a taxa que o capitalista, ao comenzo do ciclo, desexa. Para recuperar a taxa que perde (que deixa de gañar), sube os prezos, xera inflacion.
Mais se isto non basta, reduce costes de produccion, despedimentos e deslocalizacions, aumenta a xornada laboral, etc.
As crise do capital non son de consumo ou na distribucion, senon na súa esencia, o capitalismo e un rexime que non pode parar de producir e producir... o mercado, actuando como o proceso da evolucion das especies, o que fai é determinar cales capitais son rendibles e cales non, e polo tanto son expulsos do proceso productivo.
E o capital supera a crise sobre a base dun aumento da explotacion dos traballadores, da incorporacion de novas tecnoloxias que aumentan a taxa de productividade, e recomeza o ciclo.... ata a proxima.
Mais isto non é un circulo pechado, senon unha espiral. É como se estivera nunhas areas movedizas, e a cada paso que da, afundese máis, e iso adopta a expresion brutal dos paises "fallidos" dos que fala o imperialista Bush, dos cada vez más amplos sectores da poboacion mundial expulso do mercado laboral ao subemprego, a imigracion, a miseria e a fame,... mentras os ricos fanse máis ricos.
Esta é a loxica infame e destructiva do sistema capitalista, en todas as súas versions, a neoliberal salvaxe de Bush, Blair, Aznar, etc., ou a social liberal dos ZP, Obama, e a socialdemocracia.
E isto non se soluciona con "inxeccions" na privada, nin con empresas mixtas nin coa compra de accions... Cada vez que o capital ten problemas recurre a estos sistemas, ese foi o New Deal de Rooswelt trala crise do 29, que tiña a mesma loxica, só que con metodos "democráticos" -importantes, mais aqui falamos de economia- fixo o mesmo que Hitler e Mussollini na Alemaña e Italia, inxectar diñeiro publico na privada, para resgatala da crise.
Todos tiñan a mesma palabra de orde: salvar o capitalismo, e preparar a segunda grande carniceria do seculo XX.
Hoxe atopamosnos nunha crise con moitos elementos comuns, e as dificultades do capital para saír da crise son do mesmo nivel.
O resultado, senon se ergue unha verdadeira saída revolucionaria, vai ser máis explotacion para os traballadores, máis saqueo dos pobos e máis miseria para o conxunto do humanidade, menos para isa minoría cada vez máis rica.
Ao caos do mercado mundial e nacional (non quero usar o termo "anarquia", porque os anarquistas sintense molestos, e con certa razon), só se lles pode opor a planificacion democrática da economia, unica maneira de que a "economia -non o mercado- este a servizo da humanidade".
Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.