O presidente da Xunta e a dirección socialista proporcionaron en semanas recentes un extravagante e gratuíto período de incerteza que, independentemente do que cavilen as calculadoras estratéxicas dun partido, non lle convén de ningún modo ao país.
Di a sabedoría popular que 'labor feito, ben parece', recomendación tradicional que aló en Monte Pío non parecía conmover a misteriosa contadoría que o noso presidente e aconsellantes lle aplican á delicada alquimia de fixar a data das eleccións. Será por iso que seica flirtearon con tirar vantaxe dun esaxerado adianto da cita coas urnas sen importarlles confirmar así o incumprimento dalgunhas das promesas máis urxentes asinadas cando gañaron a confianza do cambio en 2005.
'Se labor feito, ben parece, e ao que o fixo, ben o merece', non lles sei eu que reproche a sabedoría do pobo lles pode reservar aos que deixen o labor a medio facer. Á porta destoutra votación, as eivas en materia de transparencia, medios públicos e voto emigrante aparecen como asuntos pendentes máis graves en canto a capacidade de distorsionar un proceso electoral. Queda por ver se nos meses por diante haberá vontade e esforzo por atender esas prioridades. No caixón están tamén un golpe de proxectos clave para Galiza, desde as directrices de ordenación do territorio até o plan para o litoral.
Á luz dese escenario e co engadido da conxuntura económica desfavorábel, a decisión de adiar as prioridades comúns do país en beneficio da táctica concreta da dirección en Madrid dun partido político, o PSOE, era unha concesión perversa e desleal contra os electores. Unha decisión coa que, paradoxalmente, xogaron até esta mesma semana. E se habería que recoñecerlle á Xunta que nun primeiro momento a resposta diante da crise parecía ser áxil e prometedora mentres se deseñaba, ou así o aparentaban, desde Galiza e para Galiza, a viraxe foi nos últimos tempos significativa. Nas corredoiras sancaetánicas recoñecérase antes que nos tronos monclovitas a existencia dun escenario adverso que se lle viña enriba ás inercias positivas que seica mantiñan a boa velocidade a locomotora socioeconómica. A tendencia favorecida por Touriño nos últimos tempos semellaba frear ese cambaleante tren, co risco de que despois custase o dobre acender o motor...
A ansiedade é mala conselleira, e combinada coa cobiza urxente de repetir asento no poder tráenos episodios como o que vivimos nestes días en Galiza. Manter a dúbida sobre as eleccións con contraditorias e ambiguas declaracións xa foi na práctica unha forma de alimentar o lume do electoralismo paralizante. A propia visita esta semana do presidente do goberno español para non dicir nada que non se dixese na xuntanza de xullo e que xa daquela non era novidade, foi un agoiro pouco prometedor. Pero a confirmación este xoves de que non haberá máis adianto que o estritamente "técnico" podería ser un punto de inflexión en positivo... ou non. Polo de agora, e nun momento clave, no canto de facilitar o pragmatismo e a proposta de solucións, o presidente da Xunta ofrécenos outra dose extra de retórica.
Roberto Noguerol naceu en Chantada en 1976. Entre outros contos ínfimos insiste en que naceu en tempo de cereixas ao pé da ribeira do Miño, aínda que recoñece que a liberdade sabe a mar. É Xefe de Redacción de Vieiros. No blogomillo está no andaime.
Desde o Mundo para Galiza (02/02/2007)
E vostede que faría co seu millón de euros? (02/11/2006)
Comisión de escenificación (16/10/2006)
Levando os cabalos a beberen á pía de auga bieita de San Pedro (31/03/2006)
Entre a terapia e a realidade (25/03/2004)