Vieiros

Vieiros de meu Perfil


LUGAR DOS ROMANZINHOS

O soño americano

18:30 30/10/2008

Todo indica que as eleicións presidenciais dos EEUU van ser gañadas polo candidato do Partido Demócrata, o senador por Illinois Barack Obama. Fican xa lonxe as primarias demócratas nas que venceu á senadora por Nova York Hillary Rodham Clinton, despois de esta, con 18 millóns de sufraxios, telo igualado ou mesmo superado en voto popular. Gañando Barack Obama frente a John MacCain -como queremos aqueles que preferimos os demócratas e incluso os que pensamos que Hillary Clinton sería unha mellor candidata-, non faría outra cousa máis que achegarse, despois de muitos meses á vantaxe que o Partido Demócrata tivo sempre sobre o Partido Republicano, logo dos desastrosos anos de governo do Presidente dos EEUU George Bush.

Durante o case un ano de primarias e de campaña presidencial a vitoria demócrata estivo en perigo. Deixando aparcada a cuestión crucial, que non era outra máis que a derrota da política neoconservadora e militarista de Bush, a estratexia do formidábel equipo de Barack Obama centrouse na identificación de Hillary Clinton coa política dun Washington no que non distinguían entre ela e o Presidente republicano. Reclamaban o apoio para un cambio que non se concretaba nunha política máis avanzada que a proposta pola senadora en cuestións internacionais como as guerras de Iraque e Afganistan, o grave conflito entre Israel e Palestina ou a presión sobre Iran e Cuba, ficando mui por detrás  en cuestións de política interna, como a sanidade, a educación ou, en xeral, á política social, nos que o programa da candidata pretendía achegarse a elementos que en Europa, e desde logo no Estado español, están asegurados polos poderes públicos e son constitutivos dunha sociedade democrática.

A chamada ao cambio referíase ao futuro frente o pasado. Se o futuro pertencía a Barack, o pasado e o continuismo foron identificados con Hillary. Neste clima, os ataques escritos a Hillary Rodham Clinton tiveron un nível insólito de violencia, estando presentes elementos discriminatorios pola súa condición de muller.

Paradoxalmente, do campo do continuismo washingtoniano era salvados os senadores Edward Kennedy, John Kerry e Joseph Biden; o governador de Novo México e antigo ministro de Bill Clinton, Bill Richardson; o home máis rico do mundo, Warren Buffet; a maioría dos congresistas do Partido Demócrata en Washington, que determinaron como superdelegados a decisión das primarias a favor do tamén senador Barack Obama. Tamén se salvou Collin Powell, o secretario de Estado no momento do ataque de George Bush a Iraque.

Durante as primarias demócratas, o equipo de Barack Obama ignorou a George Bush, que entanto que continuaba a guerra en Iraque e Afganistan tivo un ano sabático. O Presidente apenas reapareceu en plena campaña presidencial como instrumento de ataque e de identificación do  candidato republicano ou cando arreciba a crise da política económica ultraliberal.

Vai gañar Barack Obama e perder John MacCain. Así o desexamos a grande maioría en  Europa. É unha boa noticia que venza un intelixente demócrata afroamericano, como o sería que o fixer unha muller. Mais non se pode ignorar que a política que propugna seu equipo está fundamentada na recuperación do “soño americano” que integra un duro individualismo, con elementos da política neoliberal que a realidade está a pór crecentemente en causa, e conleva unha pretensión de superioridade no mundo, mesmo a militar. Tampouco se pode esquecer que entre os argumentos da campaña non estivo a eliminación da pobreza ou a miseria que oprimen á unha parte da povoación mundial, especialmente en África mais tamén en Latinoamérica e mesmo en capas sociais dos paises economicamente máis avanzados. Os programas das candidaturas demócrata e republicana en disputa non se encontran tan lonxanos. Resultou clamorosa a ausencia nos debates da nova realidade mundial de China, India e Brasil a Sudáfrica, Rusia ou Indonesia. 

Por iso causa estrañeza que desde a Unión Europea se vexa a Obama como o salvador do mundo e que tanta xente, seguindo a moda difundida por medios poderosos, se aponte acriticamente en Roma, Paris, Madrid ou Santiago de Compostela a ser o obama vernáculo. Tanto máis cando na campaña dos EEUU, especialmente neste tramo final, os candidatos ignoraron todo sobre unha Unión Europea que é, con diferenza, a primeira potencia económica mundial, que resulta precisa para resolver a grave crise financeira aparecida, para dar unha saida democrática fundamentada na paz, no diálogo, na solidariedade e na procura do Estado do benestar ao fracaso irreversíbel da política ultraliberal e belicista e para tratar con todos os protagonistas do mundo que está por vir. Mellor que gañe Barack Obama, esperando que o faga ben. Mais na consciencia de que os seus soños non son necesariamente os nosos.

3,6/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Camilo Nogueira (foto pequena)

Camilo Nogueira

Camilo Nogueira Román naceu en Lavadores (Vigo) en 1936. Enxeñeiro industrial e economista, foi eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004.



Máis opinións