Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Hai cincuenta anos en Montevideo

17:45 05/11/2008

Unha daquelas mans era a de meu pai. O fillo máis novo da casa do Rei de Tines era ferreiro pero o choio escaseaba pola Terra de Soneira e non era doado gañar unha pesetiña. Se estaba en América era por mor de Ramón de Alberte que lle escribira dicindo que viñese axiña. Na capital uruguaia os ferreiros comían carne de vaca todos os días que quixesen con só oito horas de laburo.

O paso do tempo fai que moitas imaxes se escurezan pero hai outras que se volven máis luminosas. Non lembro nadiña de cando subín da man da miña nai pola escada do “Cabo de Hornos” o 7 de novembro de 1958 pero si teño moi presente que vinte días despois buscaba entre ducias de mans que abaneaban no porto de Montevideo.

O neno que viña no barco pasárao mal. De mareo en mareo ata terras brasileiras. O tío Xosé do Rico, emigrado en Río de Xaneiro, trouxo ao camarote unha froita amarela moi saborosa chamada banana. Foi a apócema máxica que o repuxo un pouco diante da perda de peso. Non quedaba sinal ningunha da fachendosa barriga que botara na aldea grazas aos folladiños da avoa Concepción.

 O primeiro domingo americano foi unha festa. Pola mañá e aínda adurmiñado escoitou desde a cama os sons dunha gaita. Disque viñan dunha radio chamada “Carve” segundo explicou o pai. Un aparello --da marca “Philco”-- do que saen as voces duns homes que falan máis ou menos coma o facía o avó Evaristo. Parece cousa de maxia. Anos anos despois foi colaborador de Manuel Meilán e Pedro Couceiro que eran os que falaban pola radio desde o programa “Sempre en Galicia”.

Pola tarde foron camiñando ata a casa de Ramón que estaba casado con María do Remixio. Vivían na rúa Santa Ana. Tiñan unha filla que tamén baixara dun barco pero que levaba un par de anos neste lado do mar. Aquela merenda con doce de leite foi a confirmación de que viñera para un lugar único. Antes toleaba co chocolate que a avoa mercaba na feira de Baio pero de agora en diante sería o máis fiel seareiro do doce máis rico do mundo. Quedei totalmente convencido en que se a Mercediñas lle ía tan ben na escola era porque comera moito dóce de leite.

As árbores enchían as beirarúas do barrio de Aires Puros. Eran os paraísos que protexían dun sol que quentaba bastante máis que o de Tines. Ademais de sombra botaban un froito pequeno con forma de oliva que era a munición utilizada no xogo de policías e ladróns. Cando pasaba algún carro cheo de papeis, vidros e latas toda a atención ía ao animal. Lembraba a besta na que uns meses atrás volvía paseniñamente dos Denllos para a casa.

Os meses do verán pasaron voando. Foi o 8 de decembro no xantar cando a nai lembrou que a avoa Concepción estaba de santo aínda que no calendario montevideano non aparecía a Inmaculada Concepción. Poñía en letras vermellas: Día de las playas. O pai afirmou moi convencido que aquí os curas non mandan nada. Unha boa proba foi durante un descanso laboral en Casa Ponti. Pola beirarúa de Yaguarón case Agraciada pasou un crego con sotana que ía cara a veciña parroquia da Aguada e varios compañeiros de traballo ergueron a voz para dicir: ¡cuervo…cuervo!

Os ollos non daban feito. O oído rexistraba ducias de sons e o olfacto arrencedía compracido uns chouriciños na grella. Sen ningún rito iniciático o neno de Tines intégrase no sentimento montevideano. Uns días antes do nadal de 1958 era un membro máis daquel lugar ateigado de alegría. Aínda non sabía o nome do país pero sentíase ben camiñando entre a xente e os vendedores. As voces pregoaban produtos que non coñecía. O acento e a entoación eran raros: Vaamoo… que me queda el último; Yebee… la pichincha hoy; Vea doña… los mejores durasnos Rey del Monte. Estaba na feira de Tristán Narvaja.

Todo era novidoso e os novos nomes fóronse gravando por riba doutros anteriores que axiña se esqueceron. A primeira esquina estratéxica foi a de Propios e Burgues. Había que recordar dous números de tres cifras segundo a viaxe fose ao mar ou ao centro. O mar eran os areais de Buceo e Malvín e no centro traballaba o pai. Para bañarse o “202” e para traballar o “158”. Nesta encrucillada as mantequillas da panadería “La Futurista” eran unha gozada. Levaban de recheo o mesmo dóce de leite que probara na casa de Mercediñas.

4,58/5 (12 votos)


Comentarios (7)

Barbara #1 6/Novembro/2008 Barbara
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Estupendo Suárez. Parabéns irmán emigrante. Farei fotocopias do teu artigo para enviar aos amigos e curmáns da Arxentina. As túas lembranzas valen por centos de folios dos historiadores. Espero que alguén as premie porque é xornalismo con maiúsculas ---sen aspaventos nin marketing--- dicindo o que hai que dicir e coas palabras xustas. Graciñas, de corazón.

CGB #2 6/Novembro/2008 CGB
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Pois certamente unha marabilla. Si, señor así é doado entender a emigración e a integración dun neno da aldea nunha nava vida en América. Os parágrafos de Manuel S.S. son leccións de historia que ademais espertan en nós o desexo de coñecer a feira de Tristán Narvaja.
Se a Xunta de Galicia anda na procura dunha delegada/o para a DELEGACIÓN EN MONTEVIDEO eu propoño que falen con Suárez porque o seu servizo ao país será inmellorable. Imaxinade a gozada que sería telo de guía por Montevideo adiante. Unha boa fichaxe para "Vieiros" que debería pensar en que fixese crónicas desde alí antes das vindeiras autonómicas.

AURINEGRO #3 6/Novembro/2008 AURINEGRO
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Os que estivemos polo mundo adiante agradecemos honestidade no tratamento da EMIGRACIÓN e aquí é onde Manuel Suárez nos ofrece un exemplo de traballo serio e sobre todo alonxado dos "cazadores de votos". Lín tres veces o seu fermoso artigo e cada vez me emociona máis. Ademais de escribir síntese que hai sentimento nos seus textos. En Montevideo debería recibir un recoñecemento das autoridades porque é sen dúbida un moi bo axente turístico.

Artiguista #4 6/Novembro/2008 Artiguista
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Desque Suárez S. escribe sobre emigración estou enterandome de moitas cousas. Antes vía aquel mundo lonxe e ademais totalmente manipulado polos dous grandes partidos nacionais. Agora quero coñecer os barrios montevideanos e as mantequillas e o doce de leite de Mercediñas. O seu texto trasmite autenticidade e amor á nova terra sen perder a propia identidade. Pasaron 50 anos pero o autor está alí xogando debaixo dos paraísos [fermoso nome para unha árbaore].

NOVOGARDEL #5 6/Novembro/2008 NOVOGARDEL
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Nunca estiven en Montevideo pero agora teño ganas de ir. Se vou visitarei as rúas de Manolo Suárez e preguntarei por aquel emigrante que traballaba en "Casa Ponti". Apoio que sexa o vindeiro Delegado da Xunta na capital uruguaia porque o fará estupendamente ben. Claro que para a burocracia e o enchufismo no currículo de Suárez non sumará que sexa un ético exemplo da harmónica unidade sentimental entre a terra de nacemento e a de adopción. De calquera xeito eu voto por el [por correo electrónico mentres que non poñen urnas na emigración]

Aldara #6 6/Novembro/2008 Aldara
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Cando un artigo xornalístico pasa pola peneira da literatura saen cousas fermosas coma esta.

Candombero #7 10/Novembro/2008 Candombero
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Fermoso artigo que debería recibir un premio xornalístico porque Suárez condensa dunhas poucas liñas a visión dun neno emigrante na súa nova terra americana. Coido debería editar algo conmemorativo do seu 50 aniversario da chegada ao porto de Montevideo. Por certo que falarei con amigos meus montevideanos residentes en Carballo para que pidan ás autoridades uruguaias un recoñecemento ao labor divulgador de Suárez. Aquí en Galicia sabemos quen é "El Viejo Pancho" e Xosé Artigas e Cristina fernández polas notas e as conferencias de Manuel Suárez Suárez. Os meus parabéns neste próximo 27 de novembro...cincuenta anos despois.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003).



Máis opinións