Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


NO ANDAIME

Escarallamento preventivo

17:40 07/11/2008

Unha na boca, outra na man, e o ollo na mellor. Así lles definía un meu avó, que en paz descanse, a imaxe dun lambón profesional fronte a un pote cheo de talladas. Unha na boca, outra na man, e o ollo na mellor. Así parece que funcionan tamén os identificadores de choios e bicocas neste paísiño tan complicado de aquelar.

Acordábame do asunto esta semana ao fío do episodio electoral estadounidense. Aló, e mentres os focos reparan na esperanza obámica, o inefable Bush proxecta pechar mandato cun paquete dun cento de medidas coas que, case ás agochadas, abrirá buratos diversos na xa fráxil política medioambiental dos EUA. Furados en zonas protexidas, talas indiscriminadas, permisividade para novas minas... En xeral máis talladas ás que se permite botarlle o dente indiscriminadamente. Á vez, unha política de escangallamento preventivo coa que lastra o goberno entrante.

En Galiza sabémoslles ben de gobernos que deixan lastres gratis, 'apanden aí queiran ou non', nese período provisional. E tamén lles sabemos desa estratexia de escarallamento preventivo da que eu lles veño falar aquí: primeiro facilitar que se arrample con todo e despois deixar caer a xente na poza da resignación. O anterior goberno practicábaa con gusto. A barra libre para a minicentralización, os privilexios para chantar muíños a cambio de nada e a permisividade que deu en mosaico feístico a pé de costa e no interior son exemplos evidentes.

O goberno actual tamén se deixa seducir ás veces por estas estratexias do "deixar facer". Aínda recoñecéndolle ao bipartito algúns goles lexislativos, é ben reprochábel que a continuación marquen en propia meta. A insensata esaxeración do plan de portos deportivos, a inoperancia fronte ao levantamento de vías de proximidade, as chapuzas da burocracia eólica, ou os buratos acuícolas dos que ben contaba Manoel Santos a conto do rodaballo quente de Corrubedo serían exemplos claros.

Por desgraza, o país non conta agora cunha oposición capaz de presentar alternativas fronte a tales buratos. Moi ao contrario, o PPdeG usa a ampla representación parlamentaria coa que conta para animar o Goberno a deixarse seducir a fondo pola estratexia do escarallamento preventivo. Así por exemplo, mentres un golpe de explotacións mineiras ilegais furan recantos ambientais protexidos, a receita PP: legalizar as explotacións. Ou mentres o alugueiro e venda de infravivenda e o descontrol construtor seguen sendo noticia, a teima PP: pedir que se eliminen os regulamentos recentes contra a situación.

Son malas novas para o país. Fronte ás desilusións sociais coa velocidade do "cambio", a oposición escolleu agora o camiño fácil. Cando o fraguismo acababa de caer, pareceran elixir unha estratexia tan complicada como eloxiábel: propoñer alternativas para gañar cota social e recuperar o poder perdido. Agora, o cambio é radical: no canto de tratar de convencer o electorado que marchou co rival, semellan conformárense con desmobilizalo. Audis, nevera, mojitos, cadeira, despachos... Optan polo atallo da anécdota e a demagoxia, tan fácil como perigoso. Unha estratexia onde todo vale e onde a distorsión interesada da verdade que se difunde un día non é corrixida ao seguinte. Apela o PP a un abstencionismo que lles devolva os despachos? Mal favor a Galiza.

4,23/5 (43 votos)


Comentarios (9)

ecoe #1 9/Novembro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Unha na boca, outra na man, e o ollo na mellor

O teu abó tiña unha sabencia popular moi estimavel. A cántos, gobernos incluídos, RETRATA o dito? ASÚH!!

Por certo a única oposición volveremos en breve a ser os da rúa, os movimentos sociais coordenados!

ecoe #2 9/Novembro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Tamén lles vale para os amantes bourbon:
http://www.gara.net/paperezkoa...

ecoe #3 9/Novembro/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Escangállanse a banca, as eléctricas, as corporacións, totalmente yonkis de carto público

martin32 #4 10/Novembro/2008 martin32
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

"Audis, nevera, mojitos, cadeira, despachos", teríamonos que ver no caso contrario. As cousas como son. O PP da pena, pero se nos fixamos só neles e non facemos autocrítica, mal imos.

vonMises #5 10/Novembro/2008 vonMises
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Acabo de darche catro estrelas para facerche un favor. Porque a xente sabe que es da casa, e 19 cinco estrelas de 19 posibles, pois que queres que che diga Roberto, a cousa comezaba a poñerse fea...

galeguzo #6 10/Novembro/2008 galeguzo
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Senhor Noguerol, dou-lhe um 9,7 a este artigo :)

Triste destino o dos galegos o de termos de eleger entre o mau (o bipartido) e o pior (a selvagem e cavernícola oposição galega).

Como é possível que o poder corrompa tanto como no caso do governo bipartido? Proponho um exercício simples (mas maçador): comparar os programas eleitorais de PSOE e BNG com as bases programáticas de governo e estas, por sua vez, com as políticas realmente aplicadas.

O que foi da promoção inequívoca do galego, do fomento da inovação, da melhora da Sanidade, de dotar de recursos o ensino, de defender os serviços públicos e paralisar as privatizações, de proteger o património natural...?

Vakaloura #7 10/Novembro/2008 Vakaloura
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Coido que o PP está a prol de que a cidadanía non sinta ilusión (abstencionismo), convenlle aos seus intereses electorais e o bipartito actual séntese bastante acomodadiño deixando facer. Diches no cravo! Máis os goles que marcan e propia porta…..son sen querer oh!! Non sexas mal pensado. Por certo, canta razón levaba o teu avó.

aovellaquemira #8 10/Novembro/2008 aovellaquemira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Há mais oções eleitorais na vindoura convocatória.

O artigo traslada uma crítica justificada, mas também a ideia de que a alternativa ao PSOE e BNG é só o PP. Ou que os dous primeiros são alternativas entre si. À margem das políticas linguísticas (as do Bloco estariam por ver), o certo é que na altura há sectores (minúsculos) no PSOE mais galeguistas que alguns sectores (relativamente amplos, esses que vão de gestores) do Bloco. O que é lamentável.

Por último, dizer que há alternativa a estes três partidos: FPG, Nós-up, IU, UPyD, etc. O abstencionismo pode ter custos importantes para o PP porque, se calhar, não acaba sendo tal com UPyD. No caso do PSOE pode deixar de ser abstencionismo para passar a IU (com a sua deriva espanholeira) ou também ao Bloco; e neste, ingressar os partidos independentistas.

Vakaloura #9 10/Novembro/2008 Vakaloura
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

O de dar no cravo, máis ca nada, vai porque un cravo que sobresae sempre remata por levar un martelazo.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: