Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


En Montevideo ao abeiro de Peñarol

14:00 26/11/2008

Pero non todo era dóce de leite. Tamén estaba a mortadela. Un pan porteño con dúas lascas de friame de “Cativelli” ou de “Ottonello” son o mellor reforzo despois de tres horas sen saír da auga morna do Rio da Prata. Os pais preguntan se lembra cando estivo en Laxe. Non recorda case nada e non quere distraerse. Roe de présa. Quere volver axiña co neno que está a facer un pozo na area e necesita axuda. Pola noite descubrirá que o tomate ademais de comerse tamén arrefría a pel queimada polo sol.

Tamén houbo que sufrir. Na aldea nunca comera carne de vaca. Cando viu no prato unha zumenta costela de cuadril quedou paralizado. Aquilo era horrible. Non entendía a razón de que a nai día si e día tamén lle preparara un churrasco. Insistía en convencerme de que comendo carne medraría moito. Os anacos ían dunha moa á outra pero non baixaban. O sangue escorregando...ah!...que noxo. Houbo que botar man da inventiva xa que dona Valentina non me deixaba saír da cociña sen rematar. Menos mal que se me ocorreu ir agachando os anaquiños mastigados nos petos do pantalón porque senón aínda hoxe estaría na mesa.

En febreiro seguía habendo sol pero ademais da praia era tempo de entroido. Chegaban as murgas e os tamborís. Desde os ombreiros do pai vía o paso das carrozas alegóricas que ían desfilando por “18”. Estaba na esquina de Río Negro apretuxado entre milleiros de persoas. Oe un son que o fai vibrar. Un grupiño de homes negros peta coas mans nuns alongados tambores cheos de cores. Nunca vira antes tal cousa. Son os tamborís dunha comparsa de negros que tocan unha música que lle chaman candombe. Volve para a casa co ritmo na cabeza e repetindo unha e outra vez a fermosa palabra.

Os domingos pola mañá o meu pai adoitaba mercar o xornal “El Día”. Mentras el miraba nas páxinas dos avisos de compra e venda eu lía en voz alta algunha noticia e tamén o que miña nai chamaba horóscopo. Así aprendín que había un presidente e moitas vacas e que os maiores gañaban cartos coa quiniela. Esta é outra palabra que me soaba ben e moito mellor aínda despois de que o meu tío Xesús, casado con tía Maruja e residente na Arxentina, chegara sorrindo carregado de masitas para celebrar que lle tocaran uns centos de pesos. O tío dicía que a quiniela uruguaia repartía moitos premios pero eu daquela non sabía de que raio falaba.

A escola comezaba o 15 de marzo. O colexio máis achegado era o Monseñor José Benito Lamas que quedaba a tres cuadras do apartamento. Neste centro de ensino que erguera o párroco Andrés Moreno non había monxas. As clases eran impartidas por mestras contratadas. Houbo que mercar unha túnica branca e unha moña de cor azul mariño. Con este democrático uniforme obrigatorio ingresou oficialmente no novo país. A mestra falou coa nai para dicirlle: La felicito, señora, nadie diría que su hijo lleva poco más de tres meses en el país y ya habla como un uruguayo. Recordaba que en Tines coñecera a dona Leonor. A mestra da Coruña vivía na casa da avoa e ás veces ía con ela pero na clase había moito rebumbio porque os nenos pequenos estaban xunto cos maiores.

Os meus pais falan de instalarse pola conta. A miña nai insistía en que na “Casa Ponti” os salarios eran baixos. O meu pai fora ascendido a capataz de sección pero ela sostiña que aínda así gañaba menos que un condutor de CUTCSA. O meu pai retrucaba afirmando que traballaba menos horas e sen ter que facer quendas. Logo de moito mirar atopan en Propios e Carabelas un amplo terreo cunha vivenda vella no fondo que está sinalizado co número 3937. O propietario viña de enviuvar e vendía para arranxar a herdanza cos seus fillos.

Don Joaquín íase para un pequeno apartamento alugado e non tiña espazo para un can. Quedounos a nós. Cun par de chapas galvanizadas o meu pai fíxolle unha boa caseta co teito en dobre caída para substituír unhas estragadas madeiras. A cucha quedou perfecta. Fun o encargado de pintarlle o nome utilizando unha pintura negro-mate que viñera de “Ponti”. O noso “Lobo” era vello pero impoñía certo respecto. Eran os primeiros días de xaneiro de 1960.

Axiña se fixeron melloras na casa. Os dous cuartos foron renovados en paredes, pavimento e portas. Na fronte un par de parras de uva frutilla protexían do sol ao mesmo tempo que meu pai se introducía na elaboración de viño caseiro. Alí debaixo tiña sempre estacionado o meu coche vermello. A porta de entrada miraba para Propios que era unha avenida con moito tránsito. Un longo camiño de cemento ía desde a casa ata o portón de ferro da entrada. Agora pedalaba sen saír ao exterior.

A nosa casa era a anterior ao solar que facía esquina con Carabelas. Neste terreo estaba Aquiles e un empregado que se dedicaba á fabricación de bloques de cemento pero que non vivía alí. Indo para San Martín tiñamos o galpón dos irmáns Tomaduz. Tiñan unha empresa de construción que herdaran do pai italiano e gardaban alí o material das obras e un camión “Volvo” con motor “Perkins”. Logo viña o edificio no que vivían os meus amigos Claudio, Gildo e Horacio. Os tres eran montevideanos. No baixo estaba o almacén de dona Clelia, a nai de Claudio, que viñera de Pordenone no norte de Italia.

Diante do almacén había tamén un paraíso o cal era sen dúbida un bo sinal. Debaixo xogaba cuns coquitos un rapaz flacucho que semellaba ser do meu tempo. Achegueime a modiño e antes de que eu abrise a boca preguntoume: ¿Vos de cuadros sos? Como non sabía que responder fíxenlle outra pregunta: ¿Y vos?; entón el afirmou: Yo, de Peñarol;ao que engadín: Ah, bueno… yo también. Aquel peñarolense era Horacio Pablo Izaurralde Dorrego. Seguimos sendo amigos íntimos porque a irmandade aurinegra non a separa ninguén. O prezado “Flaco” descoñecía que eu viña da outra beira do mar e que nunca escoitara falar dun equipo chamado Peñarol.

5/5 (10 votos)


Comentarios (13)

baltar69 #1 26/Novembro/2008 baltar69
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

ah, montevideo...
baixar de 8 de octubre á avda de italia por propios e perderse por algunha calle paralela, entre o vecindario que se senta nos pequenos xardíns a conversar, até agofar os pulmóns na rambla de pocitos contra a lene brisa dun atardecer de xaneiro era unha experiencia magnífica e, parafaraseando a josé carbajal, foi fermoso vivilo, pero aínda máis recordalo hoxe.
daquela a oito de octubre, frente o casmu e sobre a óptica florida, era o centro do mundo e dende alí miraba a noite pensando que esas constelacións que relampagueaban no teito da panadería son as que vira cafrune o caerse do cabalo e que si un ceo era fermoso para ficar para sempre era ese que miraba.
mais atrás, en juanicó, o pequeno fiat palio roxo descansaba aparcado, listo para unha nova correría: un día pola interbalnearia a la paloma, a castillos, o cabo polonio ou a barra de balizas donde, en plena praia, unha bandeira galega ondea ó vento e unha casa achegada o areal bautízase co nome caprichoso de chantada. chantada, cona, chantada...!!!
o albergue en castillos cheira a táboas de pino e péchanseme os ollos recordando o armadillo que atravesou a vía antes de rocha obligándome a unha rápida manobra. opps...
outro día o pequeno utilitario enfila a nueva helvecia pola ruta un deixando atrás o edificio antel para sumerxirme no xentío do paseo fluvial de santiago vázquez. ensóñome con descubrir os fillos dos valerosos mariños da graf spee conformando unha sociedade secreta que manteñen na sombra; outro deslízome polas suaves colinas cara villa serrana voltando dende minas, nunha noite clarísima co teito celeste que o ollo non recoñece pero que o cerebro asimila como propio xa, a punta del este para facer noite no art las cumbres donde almorzarei ben cediño xamón con tannat maderos de forma que, as once da mañán, xa estaba ben peneque para sentarme a ollar para a lagoa do sauce e escoitar o negro rada ó que uns días antes topara ca muller nun bar mentras eu esperaba un autobús de cutsa logo de facela compra no super disco e el discutía con ela uns pormenores da grabación de ese día. hum, san martín de porres...
montevideo, montevideo...
chegar de noite a tres cruces logo de quince horas de voo con escala en recife; logo dunha loca carreira de taxi dende ezeiza a puerto madero para collelo derradeiro buquebús, a enorme eladia isabel que demora tres horas en recorrelos corenta kilómetros escasos do río que separan a urbe bonaerense de colonia e ahí, antes de coller ás tres da madrugada o autobús para montevideo, sentirme, finalmente, na casa estando no quinto carallo. na casa, entre xentes que apenas murmuran palabras suaves nun idioma que ahora sinto vivo e delicado con ese acento que me enche de paz.
montevideo.
pasear por diante do edificio do nacional ou collela diagonal da avda centenario e arrear para o parque batlle y ordóñez e sentarme diante do estadio do peñarol: el templo del fútbol, el teatro de nuestra historia, decíame o gordo luís dende o asiento da camioneta volkswagen... ir xantar con don jesús e dona pasión á unión entre o xentío do mercadillo e o trote fuxidío dos hurgadores, sentarme nun banco cerca de artigas na plaza da independencia e mirar o salvo sentindo dentro a laura canouira e tararear mucho tiene que ver el río tíbio de tu espalda con mis incendios, tomar unha botella de viño na viñoteca que desemboca na peatonal sarandí e ollar de esguello o remozado solís mentras unha forza descoñecida me empuxa a rambla sur entre nenos que xogan nas aceras desconchadas polas árbores que brotan a cachón do cemento como a espuma das botellas de litro da cervexa norteña.
tocan y tocan el aire y las baldosas se apartan para que pase en silencio por durazno una llamada. para que pasen soñando con su cuerda de ilusión los cinco niños morenos y el fantasma de un tambor.

Artiguista #2 27/Novembro/2008 Artiguista
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Montevideo...si sempre en Montevideo. Que Suárez siga lembrando as veredas e os candombes. Un texto que merece un premio de la Intendencia Municipal de Montevideo porque a los retornados nos hace recordar. Esperta en algúns coma "Baltar69" a vea poética ---tamén baixei algunha vez camiñando ata avenida Italia por Propios--- e as mellores lembranzas da terra de Artigas.
Noraboa Manuel porque as túas liñas saen do corazón.

AURINEGRO #3 27/Novembro/2008 AURINEGRO
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Habería que nomear a Suárez S.non sei se embaixador en Galicia no meu equipo PEÑAROL ou representante oficial do sentimento ARTIGUISTA en Galicia. Para min que leo todo o que sae sobre Uruguai é a persoa con máis sensibilidade e que mellor escribe. Fai que viaxemos ata Montevideo. Aproveito para dicir que mañá venres Súarez falará en Carballo nunhas xornadas sobre emigración [eu non podo ir porque traballo pola tarde]. Máis información falando coa concelleira Lourdes REY.

CGB #4 27/Novembro/2008 CGB
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

A verdade é que emociona ler textos con tanta paixón sobre a EMIGRACIÓN GALEGA. Non é común nin habitual que os asuntos migratorios sexan tratados desta maneira. O cronista Suárez fai que sen decatarnos entremos con el desde o porto de Montevideo ata a súa nova vivenda en América. Tamén informa sen pretender encher de cifras...hai historia pero é lírico. Moi bo e útil para que os xunta-votos entendan que o sentimento emigrante auténtico non ten prezo.

Barbara #5 27/Novembro/2008 Barbara
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Poida que sexan as mellores páxinas escritas sobre a emigración galega estas dúas últimas de Manolo Suárez onde lembra a chegada e os seus primeiros anos en Montevideo. Son dous artigos moi ben escritos, emotivos e cheos de gratitude para coa nova terra e ao mesmo tempo fondamente galegos. O de facerse peñarolense é estupendo porque amosa o xeito de integrarse dun neno emigrante que non sabía que "Peñarol" era un equipo de fútbol pero antes de responder...fixo unha pregunta. Moi galego e moi uruguaio despois...como debe ser.

Candombero #6 27/Novembro/2008 Candombero
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Moi ben Suárez. Gústame ler o que escribes. Sempre con corazón e emoción.Coincido en que mereces un premio da República Oriental do Uruguai porque ti es un grandísimo promotor da cultura riopratense desde hai moitos anos. Por outra banda aquí en Galicia non parece que andemos sobrados de xente coma ti...a ver se o novo goberno te nomea DELEGADO na capital uruguaia. Serías o noso mellor embaixador pero na política case nunca se recoñece nada porque manda o coñecido "Don Enchufe".

NOVOGARDEL #7 27/Novembro/2008 NOVOGARDEL
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Quen puidera andar montevideando polas rúas do barrio de Aires Puros e comer con Manolo Suárez unha "mantequilla con dulce de leche". Aprendo moito de Montevideo e da emigración porque escribe e informa e tamén forma con sentimento. Quizais o máis interesante sexa que desde un xornal dixital está a facer "patria" no vilipendiado mundo da emigración. Lendo os seus textos entendemos que os emigrantes son algo máis que media ducia de votos. As empresas que fabrican DULCE DE LECHE deberán agradecer a promoción que lles está a facer Suárez.

NOVOGARDEL #8 27/Novembro/2008 NOVOGARDEL
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Quen puidera andar montevideando polas rúas do barrio de Aires Puros e comer con Manolo Suárez unha "mantequilla con dulce de leche". Aprendo moito de Montevideo e da emigración porque escribe e informa e tamén forma con sentimento. Quizais o máis interesante sexa que desde un xornal dixital está a facer "patria" no vilipendiado mundo da emigración. Lendo os seus textos entendemos que os emigrantes son algo máis que media ducia de votos. As empresas que fabrican DULCE DE LECHE deberán agradecer a promoción que lles está a facer Suárez.

CGB #9 29/Novembro/2008 CGB
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Quero pedir envíen a Suárez a Montevideo e Bos Aires tamén, se pode ser,para que entreviste emigrantes e descendentes antes da celebración das vindeiras autonómicas de marzo. Coido pode ser un bo exercicio de reflexión colectiva sobre a ausencia do voto en urna e para ver coma a maquinaria electoral PSOE-PP recauda votos. Será a última campaña sen voto limpo e por tanto haberá, lamentablemente, unha serie de trapicheos. Desde VIEIROS corresponde que denunciemos o trato indigno que lles dá aos fillos da diáspora.

Barbara #10 29/Novembro/2008 Barbara
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Pois estiven en CARBALLO e foi marabilloso escoitar a Suárez coas súas lembranzas de hai 50 anos en Montevideo. Os aplausos foron xerais porque o seu relato de neno emigrante é fiel reflexo dunha realidade. As súa palabras van abrindo camiños polos barrios montevideanos. Unha lección de humanidade e sentimento que moitos Recadadores do Voto Exterior deberían ler paseniñamente para non volver facer trapalladas que ofenden a todos os membros da diáspora galega.

Artiguista #11 30/Novembro/2008 Artiguista
[Valora este comentario Positivo +5 Negativo]

Diante das vindeiras autonómicas haberá na EMIGRACIÓN moitos contratados para ir recollendo votos polas casas. Os famosos sobres que logo abren e meten a papeleta do que paga a recollida que estaba na Arxentina en 10 dólares por sobre. Hai que entender que abonden mozas e mozos que van polas portas ---sobre todo na zona de Avellaneda--- recollendo. Poden gañar 500 ou 1000 dólares por campaña...e é unha axudiña.O delicto está en quen promove a recollida que son sempre os mesmos [PSOE e PP]. De acordo en que o cronista Suárez viaxe con rumbo riopratense sempre e cando non teña medo aos mafiosos do VOTO EXTERIOR.

Barbara #12 1/Decembro/2008 Barbara
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Un prima da miña nai chamou onte toda felez desde Bos Aires para contar que a súa sobriña que vive en Villa Domínico, en Avellaneda xa ten traballo. Comeza despois do 6 de xaneiro de 2009 a visitar aos familiares nas súas casas para informar de que o próximo presidente de Galicia é Núñez Feijóo. Terá que ir dúas veces a cada casa...primeiro para informar e logo para recoller un sobre. Con iso ten cumprido o contrato e recibe cinco dólares por sobre entregado na sede do PP. Pero a cousa non remata aquí senón que lle prometeron un posto de traballo en Santiago no asesoramento aos emigrantes retornados. Poida que o PP ademais de retrasados sexan tamén adiviños pero claro a miña nai quedou caladiña e entón a súa prima díxolle: Pero, bueno ¿no te alegrás?

Gardeliano #13 2/Decembro/2008 Gardeliano
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Quero propoñer a Suárez Suárez para un premio de xornalismo porque os dous últimos sobre as súas vivencias de neno recén chegado a Montevideo son formidables. Hai tempo que non leo algo tan cheo de sentimento e que ademais é unha ética lección de historia. Sen alardes vai debullando e nós imos con el polas "veredas montevideanas". O meu apoio total aos que propoñen sexa o noso delegado na capital uruguaia [sería un bo promotor que dignificaría a todas e a todos os membros da DIÁSPORA riopratense]

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003).



Máis opinións