Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Un piloto de Iberia nunha escola de Vimianzo

11:04 11/05/2007

Temos dereito a protestar (tanto se nos acompaña a razón como se non). Temos dereito a protestar, incluso se non votamos, a pesar do que digan os utilitaristas da democracia. Todas as protestas son lexítimas. Os pilotos de Iberia reclaman máis salario, a miña veciña pide menos droga nas rúas, os cicloturistas reivindican o carril bici e os labregos un prezo mínimo pró leite. A Pantoja solicita a liberdade sen fianza, os veciños de Betanzos que suba o pan e baixe a caña, e os profesores galegos, saír entre dúas e catro horas antes nas tardes dos meses de xuño e setembro. Claro que hai un refrán sobre vicios e virtudes que vén ao dedo neste caso.

De que estamos a falar? Segundo o sindicato convocante da folga, respaldado por unha porcentaxe nada desprezábel de profesores (para os efectos, tanto ten 37% como o 73%), dunha privación de dereitos que consiste en realizar nos meses de xuño e setembro a mesma carga laboral ca en marzo ou novembro, polo mesmo salario. Non vou entrar a discutir se a reclamación é xusta ou inxusta: é xusta prós que a piden, e iso abóndame. Pero como cidadán supoño que podo formular unha opinión, e facerlles unha petición aos gobernantes: nin un paso atrás.

O executivo ten sinalado que esa medida mellorará a calidade do ensino, e seguramente non sexa certo. Como ben se ten apuntado, non por recibir máis horas de clase se aprende máis. Pero si que mellorará a calidade de vida dos pais e das nais, e probabelmente tamén a dos rapaces e rapazas, que neste asunto de educar as xeracións do futuro son numericamente moitos máis cós folguistas. Trátase entón de decidir quen debe ceder, e canto. Ou os pais e nais mudan nos meses de xuño e setembro a súa vida pra recoller os pícaros, que saen da escola antes ca no resto dos meses, ou o profesorado entende que non resulta lóxico cobrar máis por unha hora de xuño que por unha de xaneiro, malia a diferente presión atmosférica.

Non está exenta de privilexios a clase docente. Ben é certo que o seu traballo é duro e estresante. Ben é verdade que depositamos neles, cunha confianza cega, boa parte do que queremos da nosa sociedade pró futuro. Pero tamén o é que, a diferencia dos demais traballadores, nunca poden ser despedidos (agás que fagan unha que valla por sete, pero realmente por sete). Tamén o é que nunca pasan ningún control serio de rendemento e calidade. Tamén o é que gozan dun pequeno horario de traballo, moi adaptábel, que lles permite conciliar a vida laboral e familiar como ningunha outra profesión. E se sumamos aquí e acolá, un terzo do ano non acoden ao posto de traballo, ausencia que sorprendentemente xustifican co lecer dos estudantes. Vale que os nenos non vaian á escola entre o 20 de decembro e o 8 de xaneiro, pero por que non facer nese tempo cursos de formación obrigatorios pra docentes? Necesitan os profesores máis tempo cós demais mortais pra mercar agasallos?

Imaxinario popular
Se esas horas de xuño e setembro son o principal problema laboral do 37% (ou 73%) do profesorado, mal imos. Como apuntaba Manuel Bragado nun fundamental artigo, o problema non son este "mételle aí un par de horas", senón a concepción xeral do que é un horario no ensino e de pra que debe servir. Podemos optar por un horario que mellore a calidade de vida e o nivel de coñecemento da nosa sociedade. Un horario moderno, onde haxa sitio pra máis cousas cá carga lectiva. Ou, en troques, podemos escoller un horario que mellore a calidade de vida unicamente dos docentes. Pero quizais nos seus cómputos de trienios os mestres deberían integrar como sumando a percepción que a sociedade ten deles. E temo que profesores e pilotos de Iberia ocupan categorías próximas no imaxinario popular, algo que non beneficia a ninguén, e ao profesorado menos ca a ninguén.

O malo da parte socialista do goberno é que cando lles quero dar os parabéns, xa recuaron. Non dan tempo. Señora conselleira, atenda só un segundiño: ánimos e parabéns. Non se me deixe arrecunchar pola chantaxe da prebenda. Defenda a calidade do ensino en todos os aspectos, tamén con medidas como esta. Propoñan un novo sistema de horarios. Revisen o sistema de control de rendemento. Fagan testes, controis, expedientes. Miren por un control do investimento e do gasto, como fai calquera xefe responsábel. E non lles pido que abolan as oposicións e implanten o mercado laboral libre no ensino, porque sei que me dirían que contra o vicio de pedir existe unha virtude. Úsena.

3,32/5 (22 votos)


Comentarios (19)

Gaviotero #1 11/Maio/2007 Gaviotero
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Los padres lo único que pretenden es tener estabulados a sus niños cuantas más horas mejor. De hecho, si pudieran tenerlos en el colegio todo el verano, mejor que mejor para buena parte de ellos.

Lo que habría que preguntarse es si ese estabulamiento infantil y juvenil es realmente beneficioso para nuestros hijos.

rufus #2 11/Maio/2007 rufus
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

hohohohhohohoho, vaia pailanada de artigo!!! segundo o intelectual(???) escritor desta colaboración, as escolas teñen que ser garderías. Ben por ti machote, lucicheste.

Barcelos #3 11/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non quero ser un maleducado, pero imaxino que ser lector de galego na Universidade de Stirling, en Escocia ben che ocupará as 40 horas á semana, incluídos os meses de xuño e setembro e ata poida que non che importe seguir lendo galego nos meses de xullo e agosto.

Así dá gusto home. Facer o que a un lle encanta facer e que encima che paguen.

Barcelos #4 11/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non se que carallo de mosca picoulles a alguns para criticar as pacíficas protestas dos folguistas do ensino e ninguén dixo nada sobre as animaladas que están facendo algúns manifestantes na folga do metal.

E eu parto de que os traballadores teñen razón. Pero eu non son o culpable e non podo arranxar o problema, pero si podo empezar a odiar a algúns. Aos que me queiman o coche, impídenme o paso na rúa de malos xeitos, fodenme os contenedores da miña rua. Non me deixan ir en tren ao meu traballo. Asaltanme o Banco e amedrentan a amigos meus que traballan nese Banco, e moitas máis cousas.

Isto se esta convertendo na rapa dás bestas.

Barcelos #5 11/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Se queren aumentar o horario escolar o primeiro que se terán que suscitar é contratar a xente, que hai moita no paro, para que se encargue desas quendas.
Por outra banda, Xabier, o problema que teñen os pais en xuño e en setembro, tamén o teñen en xullo e en agosto.
Non todos os pais temos vacacións en xullo ou en agosto, así que segundo esa teoría, as escolas encargaranse dos nenos mentres os seus pais traballan como "cabrós" cun horario 10 veces máis fodido que o dos mestres.
Protestemos pois para que nos reduzan ese horario tan fodido que temos os pais. Que vaian rebaixando horas á semana e se queren establecendo quendas, pero contratando máis xente.

lavesedo #6 11/Maio/2007 lavesedo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

viva o galo de barcelos!!

viva a solidariedade obreira!!

viva os esquirois e os condutores de autobús que se botan contra os folguistas (yo paso por mis güevos' style)!!!
(Lembrade a manifa anti-guerra das Travesas-vigo hai 3-4 anos)
Mágoa de contedores queimados, mágoa de empregados de banca amedrentados 5 días ao ano!!!
(Iso si, os que morren a traballar no metal, eses,...que máis dá, non son amigos meus...)
Ahh!! Sr. Cid...como é iso de que a clase docente ten privilexios como o de non poder ser despedidos nunca????? Como?? Serán en tal caso os da pública, e o privilexio é por seren funcionarios, non por seren docentes. De feito, deben ser os funcionarios que máis problemas con inspeccións, etc..., teñen. STOP MANIPULAÇÃO INFORMATIVA, Mr. CID!!!

Barcelos #7 11/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Supoño Lavesedo que ti lles deches o teu coche aos traballadores para que cho queimen no medio da rúa e non che importa porque es un tío solidario.

Tí sabes se ese condutor golpeado tiña que pasar porque se lle estaba morrendo o seu fillo? Seguro que non. Pero ti non o sabes.

Menos lobos "caperucita". A solidariedade gáñase con outro tipo de accións, non atacando aos que están do teu lado.

Barcelos #8 11/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Os que morren a traballar no metal, eses,...son amigos meus.
Os que matan por traballar no metal, eses,... non son amigos meus.

suygara #9 12/Maio/2007 suygara
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ninguén che esplicou que conciliar a vida laboral e familiar e poder estar máis tempo cos fillos, non mais tempo na escola?
Como para o resto dos artigos que escribes te teñas informado como para escribir este...pois vaia calidade!
Ademáis, para coller unha morea de temas, facer demagoxia con eles, ocultar parte da información, terxiversar outra parte e mentir na que falta xa temos o resto dos xornais deste país. Por favor, un pouquiño de seriedade e profesionalidade ó escribir, que creo que este xornal o le xente que non traga con todo.

Sara_Mago #10 12/Maio/2007 Sara_Mago
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Concordo com Gaviotero!

Sara_Mago #11 12/Maio/2007 Sara_Mago
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E, lido o lido, desrecomendo a Universidade de Stirling.

Barcelos #12 12/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Unha curiosidade, sen ánimo de ofender. En que consiste ser lector de galego nunha Universidade de Escocia?
Lelo no alto?
Decátanse de algo os escoceses?

CANDI #13 14/Maio/2007 CANDI
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Eu concordo con Xavier. E que abolan as oposicións xa!Un pouco de ar fresco para a Galiza...que está viciado de máis!!e un pouco de virtude!!

lavesedo #14 14/Maio/2007 lavesedo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Barcelos, déixasme abraiado coas túas explicacións!!!

Primeiro: o tema do lectorado de Mr. Cid en Escocia. Un lector de galego promove, amosa, traballa pola literatura e cultura galegas no exterior. Algúns se vos nota de máis a envexa polos bos choios, irmáns...
Segundo: que dis de que o condutor tiña un fillo a morrer????? Toleaches ou é que cando non tes argumentos simplemente alucinas??
Aínda non mirei unha manifestación do naval onde un vehículo de urxencia, ambulancia ou particular fose retido polos manifestantes, NUNCA. Que doado é luxar o nome dos traballadores e traballadoras!!
E por último, eu non quero que me queimen o coche, que non son parvo, pero é que queimaron vehículos os manifestantes de Vigo??? Onde??? Cando???

Barcelos #15 14/Maio/2007 Barcelos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A envexa non é un dos meus defectos. E alégrame que Xabier teña un bo choio, porque ademais seguro que lle gusta. Pero eu non tiña nin puta idea de en que consiste, así que grazas pola explicacion.

A esaxeración si pode ser un dos meus defectos. Pero mellor non darlles ideas. Aínda non queimaron ningún coche e espero que non o fagan. E estou seguro que se o fan, é o gracioso de quenda que sempre lles fai un fraco favor aos que piden as súas xustas reinvindicaciós.

Estou de acordo contigo que o que nos está tocando os collós a todos é a patronal.

O que eu penso é que había que ir direitamente a por eles, a donde desbástalles. Hai que cambiar os métodos de protesta clásicos porque co paso do tempo esgotan aos obreiros e aos que soportan estas protestas. A patronal sábeo e aprovéitase disto.

Tócalles os barcos. Conxélalles as contas e os beneficios á patronal e non sigo porque tampouco quero inducir á violencia. Pero en todo caso, a violencia contra os culpables, e en defensa propia.

vidual #16 15/Maio/2007 vidual
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Parabéns polo artigo de Xabier Cid, máis unha vez vexo que as críticas son de carácter persoal, ou resolven a cuestión co simplismo de que "os pais queren convertir os coles en garderías", sen entrar no fondo da cuestión, o das eivas que ten o ensino público, e o dos privilexios dunha clase docente que perde o creto día a día. Dende logo, os ensinantes da pública son os principais benefactores do ensino privado con estas actitudes.

rufus #17 15/Maio/2007 rufus
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

vidual, a analise grande é a que facedes ti e o "intelectual" que escribe esta chorrada; un que levas xa uns anos traballando na formación (privada, non reglada) en actividades de dinamización social ve como vai decrepitandose o sector da educación; pero non polas/os profesionais do sector que xa teñen suficiente con aturar a cada día nenos e nenas dos que son responsabeis da sua formación (que é polo quie se lles paga), senón que ademais esiselles que os eduquen (actividade que sempre foi asumida maioritariamente polos contornos familiares).
E se a esto lle engadimos o paulatino decrecemento das inversión, pois podes responderte a ti memsmo (se eres capaz de unir argumentos, claro está). Se ti crees que o xusto é ter privilexios, non teño a menor dúvida que en breves teremos a filofascistas campando á súas anchas largando como larga este tipo que fixo o artigo(?) e asumindo estas declaracións como normais.
Manda truco...

rufus #18 15/Maio/2007 rufus
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

esquecía: e para que quere a "sociedade" actividades de dinamización social coas crianzas??? pois para que exerzas de gardería, claro está. Como na escola non os poden deixar, pois xa lles meten nos cornos aos concellos facer estas actividades...
E sobre todo que cheguen moi cansados e cansadas á casa. Así non dan o conhazo.

vidual #19 16/Maio/2007 vidual
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

recapitulando argumentos, é certo, tendes razón:
- o escritor do artigo e eu mesmo somos filofascistas
- o escritor do artigo é un "intelectual" que escribe chorradas
- queremos que a escola sexa unha gardería onde aparcar aos nosos fillos para non aturalos.
- non queremos educar, delegamos na escola esa función.
- ampliar 1 hora en xuño e setembro é inadmisíbel, un recorte de dereitos.
- os que critican esta folga teñen envexa das condicións laborais do profesorado.
- o artigo é unha pailanada

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cid

Xabier Cid

(Ourense, 1975) é xornalista. Na actualidade é lector de galego na Universidade de Stirling, en Escocia. Máis información na súa web.