Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Histórica (parvada)

09:40 08/05/2009

Se algún de vós está seguindo a prensa madrileña estes días para informarse da mudanza no Goberno vasco, seguro que reparará no feito de que é difícil atopar un xornal que manteña unha liña algo diferenzada con respecto ao resto. El País e máis El Mundo din practicamente as mesmas cousas para (tratar de) explicar a chegada de Patxi López á Lehendakaritza. Dous xornais que basean a súa supervivencia na esperanza de que o rival sexa engulido pola crise, que discrepan en todo, empregan os mesmos titulares para falar dos vascos. É certo que se algo logrou Ibarretxe foi, ademáis de acadar máis votos que ningún outro lehendakari da historia (600.000 el só no ano 2001), unir a El Mundo e a El País. Ao PP e ao PSOE, en definitiva.

Din en Madrid que Ibarretxe non acepta o resultado das urnas, pero ocultan que el foi, de lonxe, o máis votado. Na Voz de Galicia escribe un analista que agora comeza a verdadeira “liberdade para os vascos”, coma se antes os que aquí vivimos e traballamos estivéramos presos. O Presidente de Estremadura, Fernández Vara, sentencia que a chegada de López a Ajuria Enea é o máis importante para a democracia española “desde a aprobación da Constitución”, algo que afirma un señor do PSOE que leva gobernando esa comunidade toda a vida. O PSOE pode mandar 30 anos en Andalucía ou Estremadura e o PP outros 30 en Murcia ou Castela porque iso é vontade cidadá, pero en Euskadi que o PNV sexa o máis votado é “anormalidade democrática”.

Zapatero xa atopou a cortina de fume perfecta para ocultar uns días que a súa xestión da crise está a ser un caos censurado pola OCDE,  a Comisión Europea e o FMI. López e Basagoiti cortaron a cabeza do vasco fedello, e iso para todo o demais. Pero Ibarretxe tivo razón cando lembrou aos socialistas que gobernarán contra a maioría social deste País, que segue sendo abertzale. E Patxi López non pode tender a man ao acordo co PNV cando, como lle dixo Egibar, con esa mesma man afogaron ao partido que gañou rotundamente as eleccións.

Aínda así, a pesares deste pacto contra natura que non se dará xamais en calquera outra comunidade, a alternancia no goberno pode ser saudable. 30 anos xa eran suficientes. O PNV debe abrir agora unha reflexión sen Ibarretxe, pero tendo presente que a vía soberanista reportoulles os mellores resultados da súa historia. Tamén volta a estar o Partido Popular no taboleiro político. Desde que o nefasto Oreja (este tipo vai gañar as europeas e aínda nos queren dar clases de política desde o centro!!!) decidira autoexcluilos do debate mantíñanse á marxe de todo, e hoxe voltan ser homologables.

En Madrid, uns e outros, progres e fachas, coinciden en que a data do 5 de maio é histórica porque Patxi López foi designado lehendakari. Todas as designacións de lehendakaris son históricas, como a maioría das paridas que tiven que ler estes días.

A sociedade vasca asistiu con total normalidade ao cambio de goberno, con madurez e con expectación. Realmente, moi afastada do que aseguran de tertulia en tertulia aqueles que o que coñecen do País Vasco é a Gran Vía de Bilbao.

Xa me estou estendendo abondo. Para máis información sobre as cousas de vascos, lean vostedes a prensa madrileña.

4,51/5 (37 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións