Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

O domingo gañou Zapatero

10:00 12/06/2009

Levo explicando a miña teoría sobre o resultado das europeas a unha ducia de observadores da política e compañeiros de profesión e ninguén a comparte, así que vou probar sorte aquí. Creo firmemente que a vitoria do PP nas eleccións do domingo pasado é, en realidade, unha bendición para o PSOE. ¿Por qué? Pois, simplemente, porque xa ten garantido que o candidato do Partido Popular no 2012 será Mariano Rajoy, un candidato, segundo os socialistas, que xamais gañará unhas eleccións xerais. Para o PSOE tratouse de perder unhas eleccións para gañar outras, as realmente importantes.

Era evidente que se o PP non superaba aos socialistas desta vez, Rajoy ía acabar a súa carreira política de súpeto. E mandaría truco  que fora tras unhas europeas, cando tivo que superar un congreso en Valencia con medio partido facéndolle a cama e outro medio loitando polo seu posto. Sería moito tamén que despois de perder por dúas veces as xerais –a primeira delas partindo dunha maioría absoluta- foran unhas votacións nas que participación quedou embaixo do 50% as que o sentenciaran. Por iso, Rajoy guindou todos os folgos que lle quedaban en gañar desta vez.

Mentres, Zapatero estaba pasando o peor da crise, atópase só no Congreso, e a piques de afundirse nas areas movedizas do que foi o oasis catalán. É dicir, sen moito ánimo para baterse nunha cita na que tampouco ía gañar demasiado. Por que non tirar a toalla e deixar que o seu rival colla velocidade? Se gañaba Rajoy tampouco ía pasar nada; e se perdía, acabóuselle a peseta na política.

A cousa é que aínda faltan tres anos para as vindeiras eleccións, e no caso de que Rajoy se retirara, o PP tería tempo de preparar un novo equipo, engraxalo, dalo a coñecer e plantar batalla nas eleccións. Agora non hai marcha atrás: Rajoy estará nas papeletas do 2012, e entón os socialistas só terán que lembrarnos como será España se o líder do PP é Presidente.

Para entón, a crise económica xa estará formando parte do pasado, a enguedellada catalana resolta e, posiblemente, ETA estará negociando de que xeito se reintegra na vida civil, e a súa expresión política loitará co PNV pola hexemonía do abertzalismo nas urnas. Con esa situación, Mariano Rajoy irá á campaña falando de futuro e de mudar as cousas. E o PSOE revalidará o seu mandato.

4.29/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións