No ano 1957 creábase a Empresa Nacional de Celulosa de Pontevedra, en paralelo ás de Huelva e Motril polo Instituto Nacional de Industria. España estaba en plena dictadura franquista, no económico, a autarquía era norma.
Dende o punto de vista económico, social e ambiental é obvio que as consideracións a facer hai 50 anos son moi diferentes ás de hoxe en día, pero hoxe, transcorridas cinco décadas hai un debate sobre a conveniencia de que Ence sega a contaminar e ocupar o litoral da ría de Pontevedra e, en calquera caso parece que non é desexable instalar grandes factorías nas rías xa que ocupan un valioso espacio, contamínanas e diminúen a calidade de vida das poboacións circundantes. Semella que se hoxe tivéramos unha máquina do tempo para corrixir actuacións do pasado, este podería ser moi diferente e Ence estaría noutro lugar, pois fai medio século o país era moi diferente, as necesidades completamente distintas e o contexto planetario non tiña moito que ver co de hoxe.
Pero determinados dirixentes do país non. Seguen a ser os mesmos de hai 50 anos de cambios históricos, fósiles viventes, zombis atrapados no tempo e nos paradigmas económicos do franquismo e na sensibilidade ambiental do século XIX. Se non, cómo se pode explicar o que está a pasar na ría de Ferrol?
Instalación perigosa
Cun porto exterior, dous mellor dito, a minutos de distancia, crease unha instalación absolutamente perigosa dentro da ría, unha planta regasificadora que incumpre a lexislación vixente, destacando a carencia de Declaración de Impacto Ambiental, o incumprimento da distancia mínima de 2000 metros a áreas habitadas, a Directiva 96/82/CE máis coñecida como lei de Seveso sobre industrias de risco, non hai plano de emerxencia e incumpre moitas outras normas. En definitiva, unha cacicada decimonónica como ás que nos tiñan afeitos os sucesivos “gobernos Fraga”, un despropósito na planificación do territorio, na planificación económica, unha desfeita ambiental e unha agresión social, con máis que obvios riscos pois de ocorrer calquera accidente no só estaríamos a falar de medio ambiente senón dunha poboación considerablemente grande. No Parlamento Europeo, curiosamente estase a falar durante todo este tempo de “security” e “safety” nos portos Europeos, dous conceptos que nola traen frouxa, polo visto. Por suposto Galiza sempre por detrás, concretamente medio século.
Como é lóxico e natural, os mariscadores protestan pois Reganosa, ademais do risco ambiental é unha agresión económica e supón, de facto, a privatización da ría de Ferrol. Logo, unha das miñas personaxes favoritas, o delegado do Goberno, di que hai que cumprir a lei. Ben, depende (idiosincrasia galega?). Os mariscadores si, Reganosa e a Xunta non, pois o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa fallou anulando as declaracións de efectos ambientais emitidas pola anterior Xunta (sentenzas 536/2004 e 606/2006), inda que claro, recorreuse e mentres non saen xa entran os gaseiros na ría. En definitiva, depende quén e de qué leis.
Cacicada
Todo soa á típica cacicada e estulticia planificadora da Era Fraga co apoio dunha clase empresarial que proviña do franquismo, poderíamos dicir que o de sempre, que normal. Pero agora na Xunta mandan outros que presumen de lei de litoral e desenvolvemento sustentable pero que non teñen ningún tipo de problema con esta descomunal estulticia. Véxanse as declaracións de Touriño e Irisarri, por exemplo, e a nebulosa que mantén o seu socio de goberno. Resulta sorprendente que unha das economías máis potentes do planeta, a de California, rexeite unha planta como a de Reganosa da man nin máis nin menos que do seu Gobernador Republicano, o famoso Schwarzenegger.
Falouse moito de qué facer coa famosa Cidade da Cultura sen reparar en que había máis caramelos envelenados de Fraga: Reganosa e os dous portos Exteriores, en definitiva, debates roubados. Reganosa, os portos exteriores e a Cidade da Cultura eran o Irak do Goberno galego, había que saír deles ao día seguinte.
Todo esto ven a explicitar que existen dúas Galizas: unha ancorada en 1957 e outra que mira cara ao futuro; que cada un escolla. Eu estou co Patrón Maior.
Grande visión paralelística do que é a agresión á ría de Pontevedra e como non se ten aprendido nada delo e se volta coa vaca ó millo. Mais, isto é peor; houbera sido desexable unha "reconducción" do proxecto e non esta Cacicada tecnolóxicamente avanzada.
Parabéns polo artigo. Aínda que eu boto en falta algunha referencia a outros personaxes: Fernando Blanco (x2), Francisco Rodríguez, Anxo Quintana mesmo, por que non?
Parece-me bem. O paralelismo entre Reganosa e ENCE é mais que evidente. A denúncia disso e a posição em favor do patrão, fundamentais e lógicas.
A denúncia dos debates roubados e este parágrafo, do melhor: «Pero determinados dirixentes do país non. Seguen a ser os mesmos de hai 50 anos de cambios históricos, fósiles viventes, zombis atrapados no tempo e nos paradigmas económicos do franquismo e na sensibilidade ambiental do século XIX. Se non, cómo se pode explicar o que está a pasar na ría de Ferrol?»
Só diria que não são "dirigentes", mas "dirigidos". E que a desfeita da Galiza não se artelha dentro dela.
¿Ónde está o poder de decisión dos galegos e as galegas sobre o que nos afecta dun xeito tan importante e vai constituir unha espada de Damocles sobre o futuro da Ría de Ferrol?
Cando se desenvolvera a loita contra da instalación da central nuclear en Xove (anos 70) pensabase que algo semellante non podería ocorrer no futuro cun goberno democrático en Madrid e con autogoberno en Galiza.
Parece que quen detenta, realmente, o poder nos se ve afectado trocos de réxime nen polo suposto achegamento dos cidadáns ás responsabilidades de goberno.
Se houver autogoverno na Galiza, não haveria nada do que há.
O do "governo democrático" em Madrid não seria um impedimento.
Incisivo como sempre, Xabier. Pero coido que aínda hai outro paralelismo máis rechamante: o pantalán de petroleiros da ría da Coruña, moi pertiño de Ferrol. Non, non aprendemos... e si, os gobernos non semella que teñan forza para pórlle os puntos nos íes ás grandes corporacións. O porto exterior da Coruña só se xustifica para sacar da ría o pantalán e os depósitos de cru (en pleno casco urbano). Non só se xustifica, senón que hai case corenta anos debería ter sido o plan... Como comprenderedes, todas estas machadas non serán resoltas da noite para mañá (nin sequera se a vindeira semana fósemos un país independente), e os investimentos de Reganosa en Ferrol seguro que son potentes. Ademais, a planta regasificadora ten un interés estratéxico innegable (os nosos lignitos acábanse e o gas natural énos imprescindible hoxe por hoxe). Eu tamén penso que é unha barbaridade situar a planta no seu lugar actual, sobretodo se resulta que o porto exterior de Ferrol xa está construído e que reúne condicións moito máis acaídas (todos estes proxectos foron da man de Fraga e resulta incomprensíbel que ninguén con capacidade de decisión ou de convocatoria advertise que Reganosa estaba mellor no porto exterior).
PD para a redacción de Vieiros: Non tedes corrector lingüístico? É unha mágoa que haxa tantas grallas gramaticais nos textos dos colaboradores.
Naceu en Lugo e vive en Santiago de Compostela. Biólogo, traballa coma consultor ambiental e leva máis de vinte anos vencellado ao movemento ecoloxista.