O carballo de Santa Margarida, en Mourente, foi escollido polo Concello de Pontevedra como símbolo do Ano Sarmiento. Con esta imaxe trátase de representar a antigüidade, a fortaleza, a resistencia e a vitalidade do noso medio natural e da nosa cultura. Arredor do centenario carballo de Santa Margarida, o Concello de Pontevedra e a Comisión Sarmiento artellaron unha serie de actividades que teñen como protagonistas ás arbores en xeral e o carballo en particular. Estes actos, enmarcados na campaña Mil primaveras, deron comezo o día 21 de marzo, Día da Árbore, coa plantación no alto da Fracha, en Marcón, de 25 carballos que representan simbolicamente a Marcos da Portela e aos "vintecatro galegos rústicos" do Coloquio. No mes de outubro, o Concello fixo público o manifesto Mil primaveras, escrito por Xosé Vázquez Pintor, no que se procura o compromiso activo de persoas e entidades para garantir o pleno desenvolvemento e o futuro do idioma e da cultura galega. Como acto final da campaña do manifesto, o sábado 14 de decembro terá lugar un encontro baixo o carballo de Santa Margarida. O acto comezará ás 17,30 horas con unha marcha a pé desde a praza da Ferrería ata o outeiro de Santa Margarida. Ás 18,00 horas terá lugar baixo o carballo a lectura do manifesto e diversas intervencións de persoas e colectivos comprometidos co proxecto Mil Primaveras. No caso de mal tempo está previsto que o acto se desenvolva a partir das 18 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra. Por mor da catástrofe do Prestige, que está a devastar as costas galegas, queremos que a marcha do próximo día 14 sexa unha maré humana que exprese a nosa coraxe e a esixencia colectiva de medidas para que o mar de Galiza estea protexido e non se volvan producir situacións como a que estamos a sufrir. Agardamos a vosa presencia en Pontevedra e Mourente o día 14 de decembro para seguirmos construíndo un futuro de árbores e palabras e mares limpos para Galiza. |
|||
![]() |
As persoas e entidades interesadas en apoiar este manifesto poden facelo dirixíndose ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra - Chalé Fontoira, Praza do Campo do Boi, s/nº PONTEVEDRA Telf. 986 863 157 Correo electrónico Consulta tamén máis información (en formato PDF) sobre: O carballo de Santa Margarida, símbolo do ano Sarmiento As 1000 primaveras As actividades do Ano Sarmiento Outras actividades culturais do Concello de Pontevedra |
||
![]() Se hai na Galiza un patrimonio irrenunciábel ese é a nosa voz que vén de lonxe: tullas cheas de palabras que nas valigotas, nos outeiros e nos mares que habitamos foron sempre a herdanza natural dunha colleita permanente. Gardamos dentro e damos uso á ferramenta antiga coa que labraban a fala as tribos das citanias, os obradores dos castros, os ourives das cantigas. Son romarías nas nosas casas de granito, aquí onde se enforna o pan e sabe tanto o Amor, que se repite e canta e orgullece. |
|||
![]() |
![]() |
||