ENTREVISTA CON JOSÉ ÁNGEL VEIGA,
DIRECTOR TERRITORIAL DE TELEFÓNICA PARA GALICIA E ASTURIAS


"A media galega de empresas en RDSI é superior á española"


José Ángel Veiga Abeledo é un ferrolán de 38 anos que dirixe a delegación territorial de Telefónica para Galicia e Asturias. É, polo tanto, o home forte das telecomunicacións en Galicia e iso imprime carácter. Tal e como reflicte a publicidade da súa empresa, Veiga salienta que "é Telefónica quen pon os postes, quen arranxa os aparellos, quen achega os mellores servicios...". E anima a ser máis optimista sobre este pequeno país ao que parece que a palabra "telecomunicacións" lle queda grande. Non. "En Galicia dámonos pouco a valer", di. Da valía do resto dos galegos non sabemos, pero a deste queda contrastada pola súa traxectoria: licenciado en Ciencias Empresariais, traballou como auxiliar administrativo no INSS, fixo de profesor de Informática, mesmo deu clase na Universidade de Santiago, e logo entrou en Televés, onde ocupou varios cargos. De aí pasou á Xunta, onde foi director xeral de Organización e Sistemas. Dende o ano 97 é Director Territorial de Galicia e Asturias en Telefónica.



"O cabo vai ter éxito se ten un marcado contido local, por iso buscamos socios coma La Voz ou Caixa Galicia"
























"Imos facer unha gran Intranet educativa ao servicio dos alumnos e dos profesores galegos"
























"Telefónica ten en Galicia máis de 3.000 empregados, máis de mil vehículos e leva investidos 280.000 millóns de pesetas"

Vieiros. ¿Como se vive, a nivel profesional e tamén persoal, o cambio dunha administración pública a unha macroempresa coma Telefónica?

José Ángel Veiga. Como unha experiencia particularmente enriquecedora. Primeiro traballei en Televés, logo na Xunta e logo pasei a Telefónica, pero sempre dentro do sector das tecnoloxías da información. Iso deume a oportunidade de traballar en tecnoloxía externa, logo xestión administrativa e agora en Telefónica, precisamente nun momento de grande expansión e de efervescencia. A diferencia fundamental está no principio de competencia que na miña situación actual é un factor decisivo, non tan marcado na primeira etapa, aínda que na Administración se podería falar de competencia social ó ter que traballar baixo presión da sociedade.

V. Telefónica está a participar en varios proxectos en Galicia, coma a conexión a Internet en centros de ensino. ¿Que outros investimentos está a facer aquí?

JAV. Gracias a este convenio coa Consellería de Educación, todos os centros de ensino primario e secundario poden ter conexión a Internet por RDSI. E á parte disto, estamos colaborando coa Xunta na xestión administrativa e noutros proxectos de teletraballo, teleensino e teleaprendizaxe. Todo isto forma parte dunha gran Intranet educativa ao servicio de alumnos e profesores, que terán ao seu dispor material en formato electrónico. Tamén hai un programa de formación orientado aos profesores, así como un convenio de prácticas para rapaces de secundaria e de FP, que virán a facer os seus "pinitos" a Telefónica.


V. O ano pasado creárase unha sociedade chamada Telefónica Cable de Galicia, participada tamén polo Grupo Voz e por Caixa Galicia. Gustaríanos saber cales son os obxectivos desta empresa en Galicia.

JAV. Telefónica Cable está formada xa dende hai anos, loxicamente para prestar servicios de televisión por cabo. En canto se remate a moratoria, podemos empezar xa a dar servicio. E eu estou convencido de que o cabo vai ter éxito se ten un marcado contido local. Dos servicios de carácter local dependerá que triúnfe. Por iso é que buscamos socios como La Voz de Galicia ou Caixa Galicia, que poidan axudar para contratar servicios para o usuario final e que acheguen contidos de carácter local. Nós queremos galeguizar o cabo e para iso contamos con facer acordos coas universidades e con outras institucións. Por certo, queríalles agradecer a estas dúas empresas o interese por participar connosco, e cremos que elas tamén se van beneficiar de toda unha plataforma como Telefónica, co potencial internacional que ten. Empezaremos a operar no verán do 2000.

V. ¿Cre que hai lugar/mercado en Galicia para dúas empresas de cabo?

JAV. Home, hai un mercado obxectivo, aínda que non é excesivamente boiante, pero Telefónica ten vocación de proxecto global. Na cuestión de se hai un ou dous operadores, o conto é o de sempre: os servicios teñen que ser interesantes. Volvo repetir: dar máis televisión por un método diferente non ofrece nada novo. O importante é o carácter local e que os servicios sexan atractivos, isto é o que fai que a xente se identifique cun proxecto e cun modo de conexión. Fálase da grande vantaxe do cabo: Internet a alta velocidade. E digo eu: ¿de que serve que ti teñas gran velocidade cando tes que acceder a unha web a través dun nodo que vai lento? Se fose unha Intranet, bueno... iso sería outra cousa.

V. ¿Cando será posible dispoñer de tecnoloxía ADSL en Galicia?

JAV. No 2000 este servicio estará xa dispoñible nas principais cidades galegas, pero non podemos adiantar nada, porque o despregue faise en función da demanda. Se hai éxito os investimentos adiántanse.

V. Expertos aseguran que este sistema non está probado e que o seu obxectivo é frear a chegada do cabo...

JAV. O ADSL non é unha cousa que fai Telefónica: está a disposición de todo o mundo: é un servicio neutral, que goza o usuario final, e que se pode alugar tanto a ISPs coma a outras operadoras. E Telefónica fixo unha experiencia piloto, prestando servicios tradicionais, e non houbo problema ningún. Está probado e ben probado. Ademais, é un servicio comercial nos EEUU e en Gran Bretaña. Obviamente este sistema ten limitacións técnicas: se hai moita distancia ata o bucle de abonado, a velocidade diminúe.

V. Ademais, seica podería vulnerar as leis da competencia. A CMT e a Comisión Europea mesmo estiveron a investigar...

JAV. Non vulnera as leis da competencia en absoluto. O ADSL é un servicio interactivo que pode dar calquera á parte de Telefónica e non se pode dicir que unha tecnoloxía tape a outra. Ademais, non se lle poden poñer portas ao campo, ir contra a libre competencia é un paso atrás. Non podemos crear un mercado proteccionista. Se non podemos dar Internet por ADSL... pola mesma razón poderiamos dicir que o cabo non dera servicios de telefonía, ¿non? O das telecomunicacións é un negocio con moitos riscos e todo depende dos servicios finais máis ca do largo de banda que se ofreza.

V. ¿Cando se poderá transmitir voz por redes IP?

JAV. É un servicio comercial que xa presta Telefónica actualmente. De feito hai moitos internautas que se comunican así: converten a súa voz en bits e vía... Pero ben... que este sistema vaia substituír o teléfono de toda a vida... non. Non hai tantos usuarios de PCs coma usuarios de teléfonos, pero non sei cal vai ser a evolución, aínda que está claro que isto é imparable.

V. Aínda van poderse transmitir cheiros por Internet...

JAV. Uf!... Iso xa sería moito... (risos)

V. Hai quen di que son os custos da expansión por Latinoamérica os que impoñen os altos prezos no Estado...

JAV. Iso non é así, en primeiro lugar porque neste momento Telefónica Internacional ten máis liñas fóra de España que en España, e máis clientes tamén. Polo tanto, sería difícil que un negocio que vai ben fóra suba os prezos dentro. E outra cuestión: cando se liberaliza un mercado hai un reequilibrio de tarifas. E isto é así en toda Europa: todas as 'telecos' europeas eran en principio estatais. Mentres, Telefónica foi sempre unha sociedade anónima. Todas as 'telecos' europeas tomaron a decisión de cobrar as chamadas locais pouco e ir subindo o prezo das provinciais, interprovinciais e as internacionais. Sen embargo, as chamadas locais son as que máis custan: porque o caro é poñer postes ata a casa de cadaquén.. Ou se non, ¿por que as novas empresas non ofrecen chamadas locais? Simplemente porque non lles son rendibles. ¿E por que dan provinciais e internacionais? Pois porque son rendibles. O que si é certo é que se debeu facer antes ese reequilibrio de tarifas. Pero ben... noutros países a cota de abono é o dobre. E en Londres, por exemplo, conectarse a Internet é tres veces máis caro ca aquí.

V. ¿En que países latinoamericanos está agora a ofrecer servicios? ¿E en Europa?

JAV. En Arxentina, Chile, Perú, Brasil e... non lembro máis. En Telefónica hai dúas estratexias: por unha banda todo o mercado de fala hispano-portuguesa, que lle corresponde a Telefónica Internacional; e logo está Telefónica Intercontinental, que ten proxectos en Europa e no norte de África: Turquía, Marrocos, Noruega, Austria... apoiada en acordos con outras operadoras.

V. ¿Como ve o panorama en canto ás 'telecos' en Galicia? ¿Cre que podería xurdir unha nova operadora de Retegal?

JAV. Non creo que sexa misión da Xunta intervir como operadora no mercado, hai ducias delas xa e non ten sentido. Si ten sentido ter unha rede ben xestionada a baixo prezo para a Administración, pero como operador que compita no mercado por clientes, non, non creo que sexa necesario.

V. ¿Cre que Galicia é unha sociedade tecnoloxicamente avanzada?

JAV. Se lle facemos caso aos estudios que falaban do índice de RDSI nas empresas, a media galega é superior á española; entón dígoche que si. Se falamos de profesionais, aquí hai moi bos profesionais; dígoche que si tamén. En canto a formación, hai moi boas facultades, coma a de Vigo, ou mesmo a Física da USC, ou o Master de Telemática da Universidade da Coruña. O problema é que en Galicia nos damos pouco a valer. Certas experiencias de teleacceso á informática só se fixeron aquí, e o nivel de profesionais que está saíndo de aquí é altísimo. Nese sentido non estamos mal, pero se falamos de internautas... O certo é que a pirámide de idade non é favorable ás novas tecnoloxías...

V. Identifique empresas e persoas clave na comunicación en Galicia.

JAV. Uf! Que difícil... Eu falaría da Consellería de Cultura e Comunicación Social, incluíndo aí ao Consello Asesor de Telecomunicacións. Falaría tamén de Telefónica, posto que ten aquí máis de 3.000 empregados, máis de mil vehículos e leva investido en Galicia 280.000 millóns de pesetas. Tamén Televés, Intelsis, o Parque Tecnolóxico de Ourense, Egatel... E encanto a empresas productoras de contidos: Grupo Voz, a TVG, e o resto dos medios. As universidades: Informática na Coruña e Telecomunicacións en Vigo. E os líderes de opinión, que me parecen moi importantes.

V. ¿Cal cre que vai ser o destino dunha lingua coma o galego dentro das telecomunicacións?

JAV. Home, aí hai un risco claro, pero tamén lle acontece a outros idiomas, e ao mesmo español. E non se trata de colonización. Tradicionalmente o mundo da tecnoloxía está ligado ao inglés e romper con iso non é doado, pero o castelán está cada día máis presente... e o do galego depende de nós. Aí ten un labor grande que facer a Xunta. É tamén un tema de volume: cántos galegos hai que poidan ler e escribir en galego, e cántos deses navegan por Internet.

V. ¿E que poden facer as novas tecnoloxías polos emigrantes?

JAV. Eu penso que favorecen claramente as comunicacións coa terra. Dende poder mandar unha mensaxe por correo electrónico aos teus, ata poñer en contacto Casas de Galicia por videoconferencia, por exemplo. E todo isto por un custo ridículo.
 
Quen é quen...
...no mundo das Telecomunicacións en Galicia

Arturo Dopico,
director xeral de R

Rosanna López Salgueiro,
conselleira delegada de Retegal

Luís Suárez Jordana,
director xeral de Comunitel




Vieiros