ENTREVISTA CON LUÍS SUÁREZ JORDANA
DIRECTOR XERAL DE COMUNITEL


"Comunitel segue sendo unha empresa galega"



Luís Suárez Jordana é o director xeral de Comunitel, unha operadora de telecomunicacións con sé na Zona Franca de Vigo e en Madrid nacida a finais de 1998. Estaba participada nun 50% por Marcial Portela e por Romualdo García Ambrosio (dous "grandes" das finanzas españolas) e o resto controlábao o equipo xestor, ata que a mediados de marzo foi absorbida por un "peixe" máis gordo: Med-Tel (Mediterranean Telecommunications). Esta operación supón o reforzamento da presencia no Estado de Med-Tel e potencia as posibilidades de negocio da empresa galega no estranxeiro, que agora posúe o 20 por cento da empresa americana. En breve Med-Tel sairá a bolsa no Nasdaq e no Nuovo Mercato Italiano, ademais de na nova bolsa tecnolóxica española, que comezará a funcionar o vindeiro 10 de abril.

Suárez Jordana é un madrileño de 43 anos, licenciado en dereito e MBA por La Salle College (Philadelphia, USA). Ata aterrar en Comunitel pasou por Banco de Vizcaya, logo BBV, a continuación foi director xeral adxunto de Unitaria (Unidad Inmobiliaria de Argentaria) e foi Coordinador Xeral de Relacións Públicas de Argentaria. Velaquí tedes as respostas que nos enviou por correo electrónico ás nosas preguntas:





"Galicia foi pioneira en determinados aspectos das telecomunicacións, coma no despregamento da telefonía rural"
























"O Presidente Fraga e os seus conselleiros souberon captar a importancia deste sector para o desenvolvemento rexional"
Vieiros. Comunitel foi absorbido hai uns días por Mediterranean Telecommunications. ¿Cal foi a razón desta decisión?

Luís Suárez. Dentro dun mercado tan global coma o das telecomunicacións parecíanos importante dar un salto cualitativo na medra de Comunitel, para o que decidimos fusionarnos cunha operadora que mantén unha filosofía de xestión moi parecida á nosa nos mercados da área mediterránea. A presencia en catro países (España, Italia, Grecia e Portugal) e os productos e servicios que as distintas operadoras teñen nos seus respectivos países van permitir ampliar o catálogo de servicios e productos que Comunitel lle está ofrecendo aos seus clientes. O proxecto Med-tel é probablemente o único nesta área xeográfica dedicado exclusivamente ao sector das pemes e, polo tanto, iso permítenos coñecer moi ben as súas necesidades e procurarlles solucións para elas.

V. ¿En que cambiará a súa estratexia a partir desta operación?

LS. Polo que dixen antes, non se trata de ningún cambio na estratexia senón precisamente de reforzala. O noso mercado segue sendo o mesmo, o sector do mercado ao que nos diriximos tamén será o mesmo.

V. ¿Segue a ser, logo, Comunitel unha operadora galega?

LS. Comunitel segue a ser unha operadora galega posto que segue tendo a súa sé social en Vigo. Os accionistas de Comunitel anteriores, a maioría deles galegos, pasan agora a seren os accionistas industriais de referencia do proxecto Medtel, polo que dalgunha forma se pode dicir que Medtel ten un alto compoñente galego. Pero é que ademais por volta do 30% dos nosos clientes, aproximadamente 5.000, están en Galicia, e en Galicia foi onde investimos ata hoxe máis de 3.000 millóns de pesetas, en tan só 18 meses. Actualmente as catro capitais teñen cadanseu nodo, e é por tanto un dos operadores con maior presencia en toda a comunidade galega.

V. Comunitel vai competir por ofrecer servicios de telefonía inarámica. ¿Tentaráo tamén coa telefonía fixa para particulares?

LS. Comunitel foi adxudicataria dunha das licencias de 26 megahercios de telefonía inarámica de banda larga. Dada a capacidade desta tecnoloxía os seus usuarios finais van ser os outros operadores, así como as empresas que demandan largura de banda. En calquera caso os usuarios finais veranse beneficiados a través dos seus operadores habituais dunha maior calidade, modularidade, e prezo.

V. ¿Qué ventajas ofrece Comunitel con respecto a otros competidores para que una empresa se decida a contratar sus servicios?

LS. Comunitel demostrou neste ano de libre competencia que sabe das necesidades que teñen os seus clientes actuais e potenciais. Polo que ademais dunha boa calidade de servicios a un prezo moi competitivo, Comunitel dálles aos seus clientes un trato personalizado a través da figura do asesor de comunicación, que ten como única misión darlles unha atención cualificada.

V. ¿Por que cre que o Estado español está tan atrasado no desenvolvemento de Internet? ¿Cal é a estratexia da súa empresa en canto á rede?

LS. Internet acabarase desenvolvendo en España aos mesmos niveis do que noutros países europeos. Este desenvolvemento estará condicionado por dúas causas: dunha banda, as tecnoloxías dispoñibles para os usuarios, e por outro lado o prezo e máis concretamente o custo da chamada telefónica ou a tarifa plana. Nun e noutro caso o goberno está dando claras mostras de apoiar este desenvolvemento, que sen dúbida non ha tardar en chegar.

V. Dígame como ve Galicia dentro de vinte anos, en pleno apoxeo da chamada "sociedade da información".

LS. Galicia foi pioneira en determinados aspectos das telecomunicacións, coma no despregamento da telefonía rural, un proxecto moi semellante ás actuais licencias de LMDS. Polo tanto houbo, e segue habendo unha gran sensibilidade por parte das institucións públicas para promover proxectos que permitan afrontar o futuro. Conta ademais con grandes escolas técnicas e facultades que están desenvolvendo proxectos moi interesantes no ámbito das telecomunicacións e a informática.

V. Dígame como ve o panorama para as "telecos" en Galicia.

LS. Galicia é un dos principais mercados no ámbito das telecomunicacións e a informática cunha penetración do acceso a Internet axeitada, polo que o futuro das telecos galegas non pode ser máis prometedor.

V. Identifique empresas e persoas clave na comunicación en Galicia.

LS. Non me parece apropiado citar nomes pero en todo caso creo que o Presidente Fraga e os seus conselleiros souberon captar a importancia deste sector para o desenvolvemento rexional non só económico senón tamén cultural.



R.Castro Tarrío
 
Quen é quen...
...no mundo das Telecomunicacións en Galicia

Arturo Dopico,
director xeral de R

José Ángel Veiga,
director territorial de Teléfonica para Galicia e Asturias

Rosanna López Salgueiro, conselleira delegada de Retegal




Vieiros